A noción de traballo decente, unha argucia da teoloxía do capitalismo?

Eduardo Camín - 16 Set 2020

A lóxica do modelo económico neoliberal dominante impuxo unha nova configuración do traballo na que o desemprego e a precariedade son o habitual, o normal, posto que o nuclear non son as persoas senón a rendibilidade. Desde esa perspectiva, o emprego, e as persoas que o desenvolven, vólvese inestábel, inseguro, a mercé das flutuacións do mercado

 A linguaxe é unha das ferramentas usuais para interpretar e comprender a realidade. Nos nosos días é habitual a utilización da linguaxe finxida, para controlar a forma de pensar ou lexitimar desigualdades. E certas nocións ou enunciados que xorden dun determinado contexto convértense en claves para obxectivar cuestións até ese momento non obxectivadas.

 Un concepto moi empregado nestes tempos é o do traballo decente, emerxente do actual contorno socio-histórico onde a situación laboral é débil e a categoría traballo perdeu significación, un concepto que se constitúe nun termo altamente valorativo e explicativo da realidade, mais que, paradoxalmente, leva implícito o seu déficit.

 Aínda que o sentido ético é o carácter máis visíbel deste termo, cuestión que pode levar a confundilo cun desexo, as dimensións que a constitúen estruturan unha sólida noción analítica e dan conta de como pode ser o traballo, ou ben, de canto adoece hoxe en día e en cada lugar esta actividade vital, ese acto social propiamente humano.

 No marco deste proceso de formación dunha nova cultura civilizatoria, na que teoría e historia van configurando novos escenarios de coñecemento e realidades sociais, a Organización Internacional do Traballo (OIT) adoptou en 1999, o Programa de Traballo Decente, co que se compromete a promover as condicións que brinden oportunidades para que os homes e as mulleres poidan conseguir un traballo digno e produtivo en condicións de liberdade, equidade, seguridade e dignidade humana.

 E deu en definilo como “o traballo produtivo en condicións de liberdade, equidade, seguridade e dignidade, no cal os dereitos son protexidos e que conta con remuneración acaída e protección social” (OIT 1999a: 4).

 Despois daquela 87ª xuntanza da OIT, esta organización elaborou varios documentos nos que se profunda no concepto. No 2000, o daquela Director Xeral, Juan Somavia, presentou unha nova metodoloxía na que o traballo decente se debe entender como un concepto integrador, na realización do cal é necesario combinar aspectos relativos aos dereitos, o emprego, a protección e o diálogo nun todo.

 Ademais debe constituír unha meta, un marco para a definición e a actuación de políticas, un método de organización de actividades e programas, e unha plataforma para a asociación con outras entidades (OIT 2000: parágrafos 1.1 e 3.5).

Traballo decente en condicións indecentes

 Cando falamos de traballo, limitamos o seu significado habitual ao emprego, ao traballo asalariado. Pero abrangue moito máis que iso, en capacidade creadora, construción social, desenvolvemento humano, solidariedade... Moitos dos traballos que desenvolvemos, sen seren empregos, son imprescindíbeis para a vida humana (o traballo no fogar e a familia, o dos coidados, o voluntariado...) e sen eles o emprego non se podería soster.

 A OIT cuñou o termo “traballo decente” e converteríao na súa prioridade a partir de 1999, entendido desde a promoción de oportunidades para que homes e mulleres puidesen conseguir un traballo produtivo en condicións de liberdade, equidade, seguridade e dignidade humana.

 Desde ese momento comezou a deseñar estratexias internacionais para que o traballo decente ocupase un lugar central nas políticas dos gobernos e, con iso,se lograse un progreso social e económico que fortalecese a persoas, familias e comunidades. O obxectivo era reafirmar que o traballo decente é fonte de dignidade persoal, indispensábel para reducir a pobreza e alcanzar un desenvolvemento equitativo, global e sostíbel.

A realidade neoliberal: como andamos de traballo decente?

 As nosas sociedades fóronse configurando de tal xeito que o non-produtivo, o que non é útil para obter beneficio no menor tempo posíbel, se desbota, rexéitase. No actual contexto globalizador, o mundo móvese arredor da “economía”, do mercado: traballo, política, sociedade, lecer, relacións, a persoa é un todo. Nada queda fóra do alcance do culto ao deus diñeiro, que converte todo en mercadoría. Incluídas as persoas. Unha economía que destrúe toda noción de vida.

 A lóxica do modelo económico neoliberal dominante impuxo unha nova configuración do traballo na que o desemprego e a precariedade son o habitual, o normal, posto que o nuclear non son as persoas senón a rendibilidade. Desde esa perspectiva, o emprego, e as persoas que o desenvolven, vólvese inestábel, inseguro, a mercé das flutuacións do mercado.

 Este é o que acaba decidindo que persoa e en que lugar traballará ou non hoxe, en que empresa, con que horario, en que posto, por canto salario. Precarízase o emprego e, con el, a vida das e os traballadores e das súas familias. Tanto que cada vez é máis difícil planificar o futuro: dificúltanse as relacións familiares e sociais, así como a participación.

 Do traballo decente pasamos a unha “flexiprecariedade”, á fragmentación do mundo do traballo ante as diversas e sempre cambiantes modalidades de emprego, con constantes saídas do mercado laboral e con retornos, a maioría das veces, en peores condicións.

 O salario cada vez cumpre menos a súa función de dar estabilidade, seguridade e cobertura ás necesidades persoais e familiares. Agora ter un traballo non asegura estar fóra da pobreza: medo a perdelo é, moitas veces, medo á exclusión que axexa.

 As malas condicións de traballo tamén se manifestan nos baixos ingresos. En 2019, máis de 630 millóns de traballadores en todo o mundo -o 19 por cento de todos os empregados- non gañaron o suficiente para saíren eles e as súas familias da pobreza extrema ou moderada, que se define como a situación na que os traballadores gañan menos de 3,20 dólares ao día, en termos de paridade de poder adquisitivo.

 Así, négase na práctica o dereito ao traballo: Os dereitos laborais son un atranco para a rendibilidade; estigmatízase a negociación colectiva, pois o obxectivo é que o traballador -e a súa familia- sexa “flexíbel”, se adapte ás esixencias da produción.

 Porén, nunca na historia houbo tanta riqueza acumulada como agora. O problema da fame é solucionábel, do mesmo xeito que a posibilidade de que todas as persoas poidan vivir dignamente. É un problema de equidade, de solidariedade e de xustiza, que se debe traducir en prioridades políticas, económicas e sociais.

 Necesitamos traballo e sustento... e ofrécennos emprego cada vez máis precario, cada vez máis indecente. Este é o problema por resolver. E non ten solución viábel razoando coa lóxica do lucro, do diñeiro.

Covid 19, realidade convertida en argucia

 Somos conscientes das consecuencias da Covid-19 no emprego son profundas, de gran alcance e sen precedentes. O axuste do emprego adoita seguir á contracción económica con certo atraso. Esta crise, os peches e outras medidas afectaron ao emprego directamente e nunha magnitude maior á prevista inicialmente ao comezar a pandemia.

 Vivimos a crise máis grave desde a Segunda Guerra Mundial, cun rápido aumento da destrución de emprego no mundo. O Estado podería -e debería- ampliar as súas competencias para ofrecer sempre oportunidade de traballo e ingresos a calquera persoas empregadas de empresas privadas, públicas ou cooperativas levadas ao desemprego polas flutuacións da demanda. Ante esta situación, o emprego -telo ou non, as condicións en que se desenvolve, os ingresos que produce- condiciona enormemente a vida das persoas, das familias e da sociedade enteira.

 Até hoxe o emprego é un elemento decisivo na inclusión social e non telo aboca a moitas persoas e familias á pobreza ou a exclusión. No modelo capitalista, o capital privado sufraga unha parte da vida do obreiro que non ten nada que ver coa esfera produtiva. Cumpre, xa que logo, unha función social, que converte o capitalista nun xestor que goza dun importante poder para condicionar a vida dun número de persoas.

 O capitalismo subtrae os actores reais da actividade económica a soberanía material sobre as súas vidas: convérteos en xoguetes abalados por estratexias empresariais orientadas ao máximo beneficio para o capital.

 O «impotente» discurso dos gobernos sobre o “traballo decente” transformouse, en definitiva, nunha versión laica das encíclicas papais. Obviamente, a caridade non é vocación das empresas.

 Os donos de empresa e os operadores financeiros teñen todos os motivos do mundo para se felicitaren polo estado de cousas e viviren a vida que se presenta como unha situación e unha época bendita, xa que ningunha teoría, ningún xeito de pensar; ningunha acción seria se opón a eles. O virus tampouco o fará.

 E logo, por que continuar na retórica discursiva da «indignación» nos foros sociais, nas cimeiras mundiais e renunciar a unha acción seria nos seus propios países, que se opoña a este estado das cousas?

 Unha das tentacións permanentes é acabar aceptando a mensaxe mil veces repetida, de que as cousas son así e non hai alternativa posíbel. Até que non se elabore unha proposta real e valente para intentar saír da situación presente -e non simplemente para paliar os seus efectos máis atroces, con plans de urxencia, axudas sociais e traballo decente- o seu destino político seguirá inzado de saudade.

 Será certo que un mundo de transformación se seguirá reducíndo na nostálxica choreira dun universo perdido en décadas de miseria. O mundo das modernidades nacionais, e a retórica do discurso do neoliberalismo conservador globalista, seguirá marcando o sentido dos tempos?... A esta barbarie parece que imos encamiñados.

 

[Artigo tirado do sitio web do Centro Latinoamericano de Análisis Estratégico, do 12 de setembro de 2020]