A negociación do convenio estatal da conserva de peixe trasládase a Galiza grazas á participación da CIG na mesa

A central celebrou unha asemblea de delegadas/os do sector e levou a cabo unha mobilización en Vilagarcía
O Salnés - 30 Set 2021

Grazas á participación activa da CIG na mesa de negociación do convenio estatal de conservas de peixe as conversas trasladaranse por primeira vez a Galiza. A pesar de que unha reivindicación histórica da central sindical pasa por contar cun convenio galego de sector, considera un paso importante que as negociacións teñan lugar no noso país, xa que aquí se centraliza máis do 80% da produción e das traballadoras/es.

Na última xuntanza da mesa celebrada este martes 28 en Madrid acordouse que as próximas citas negociadoras serán en Vigo os vindeiros días 19 e 20 de outubro, “a pesar da oposición dalgún sindicato estatal, que curiosamente logo cando hai que mobilizarse faino en Galiza”, segundo explica a secretaria comarcal da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín.

A central sindical celebrou hoxe en Vilagarcía unha asemblea de delegadas/os do sector para abordar o estado das conversas coa patronal, tras a que desenvolveu unha concentración na Praza de Galiza da localidade arousá para instar a que as negociacións non se dilaten no tempo, como estaba a ocorrer até que a presión da CIG na mesa foi quen de desatascar o proceso. De feito, os primeiros encontros entre as partes producíranse hai xa nove meses.

A central sindical logrou tamén desbloquear a plataforma presentada polo empresariado, que está disposto a abordar aspectos que até o de agora non quería negociar. Algúns deles teñen que ver con outra das reivindicacións históricas da CIG, en concreto sobre o avance na conciliación laboral, tendo en conta que se trata dun sector no que ampla maioría das persoas traballadoras son mulleres. “Queremos mellorar cuestións como as licenzas ou os permisos para o coidado de crianzas e de persoas maiores e activar os plans de igualdade para rematar co discriminación salarial”, detalla Abuín.

Aumento da xornada

En canto á xornada, denuncia que a patronal pretende incrementala para pasar a traballar de luns a domingo en lugar de de luns a venres como na actualidade, así como aumentar 40 horas máis a xornada anual. E todo a cambio dunha suba de soldos do 2% en catro anos sen revisión salarial, “cando o IPC xa está no 4%”. Por iso adianta que a CIG non vai aceptar ningunha destas propostas.

Outra cuestión sobre a que se amosa moi crítica ten que ver coa pretensión da patronal de responsabilizar aos comités de empresa de negociar este incremento da xornada en cada centro e traballo. “Sabemos que imos ter discrepancias con algún sindicato, pero a xornada ten que seguir como está e non se lle pode trasladar a responsabilidade á representación do persoal”.

Finalmente, quere deixar moi claro que a CIG non descarta convocar mobilizacións e mesmo unha folga no sector no caso de que o empresariado non dea marcha atrás nestas propostas.