A negativa do Goberno de Fene a negociar demora a entrada en vigor dos orzamentos municipais
A Sección Sindical da CIG no Concello de Fene denuncia que a demora na entrada en vigor dos orzamentos municipais para 2018 é consecuencia das pretensións do Goberno local de substituír "a preceptiva e obrigatoria negociación colectiva das partidas de gastos e das condicións de traballo" do persoal municipal por un simple trámite de presentación de contas. "Lamentamos que o PP, co apoio de Somos Fene, obvie a nosa predisposición ao diálogo e faga unhas declaracións que temos que desmentir punto por punto", subliñan nun comunicado en resposta ás declaracións da concelleira de Facenda.
O Goberno de Fene acusa á central sindical de bloquear a entrada en vigor dos orzamentos municipais "por ter presentado unha alegación no último día". Fronte a isto, a Sección Sindical da CIG aclara que a demora na aprobación definitiva do orzamento non é polo prazo en que se presentaron as alegacións, senón polo feito de existiren. E lamenta que o PP cuestione a lexitimidade das alegacións en vez de preguntarse "que fixeron mal para que tiveramos que formulalas".
Cambios arbitrarios de persoal
Neste senso, lembran que as alegacións aos orzamentos estiveron motivadas pola negativa do PP a abrir unha negociación real coa representación dos traballadores e traballadoras (tal e como establece a lexislación), así como polos cambios arbitrarios de persoal aplicados nos últimos tempos. "O PP, co apoio de Somos Fene, quixo substituír a preceptiva e obrigatoria negociación colectiva das partidas de gastos e das condicións de traballo por unha xuntanza de “dación de contas” na que, en palabras da concelleira da Facenda, non había nada que negociar porque non se modificara nada”.
O Goberno municipal quixo substituír a preceptiva e obrigatoria negociación colectiva das partidas de gastos e das condicións de traballo por unha xuntanza de dación de contas”
Entre as mudanzas que afectaron ao persoal municipal sinalan que hai casos de traballadores/as que quedaron sen tarefas nin funcións asignadas -co que isto implica de vulneración dos seus dereitos- e que se relevaron dos seus postos a funcionarios/as para substituílos por traballadores/as proporcionados por unha empresa, "coa que non consta contrato de prestación de servizos ou figura xurídica que poida xustificar que non se trate dunha cesión ilegal de traballadores/as". "Creándose así unha administración paralela de persoal sen control", advirten.
Terxiversación da realidade
Pero ademais, nas súas declaracións á prensa, a concelleira de Facenda afirma que a demora da entrada en vigor dos orzamentos impedirá aplicar a suba salarial para o persoal municipal e abonar os atrasos; incrementar as horas de atención na axuda do fogar; ou a renovación do alumeado público.
A Sección Sindical desmonta cada unha destas aseveracións e, no relativo á suba salarial, lamenta que concelleira descoñeza que os/as traballadores/a do Concello están cobrando, na nómina de agosto, a suba salarial do 1,75%. Ademais, lémbranlle que "o Concello pode pagarnos os atrasos coa nómina do mes de setembro, estea aprobado ou non o orzamento de 2018, co crédito procedente das prazas vacantes que nin se cubriron, nin se van cubrir".
Xunto a isto, "recoméndalle" á concelleira de Facenda que, antes de afirmar “que polas alegacións da CIG non se van poder ampliar en setembro as horas de atención ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”, repase o que di o alcalde e volva estudar o orzamento municipal de 2018.
Instamos a retomar a vía do diálogo e chegar a un acordo no que os dereitos do persoal estean debidamente ponderados coa prestación duns servizos públicos de calidade"
"Se le as declaracións do alcalde na web de Radiofusión do 24 de agosto informarase de que, antes de poder ampliar este servizo, o Departamento de Servizos Sociais ten que analizar as demandas e facer a correspondente proposta. Se volve estudar o orzamento municipal comprobará que a consignación orzamentaria que fixeron dá para pagar as horas anuais xa contratadas, sen ningún tipo de ampliación. As 15.996 horas a maiores aprobounas a Xunta de Galiza o 02.08.2018 e a aprobación inicial do orzamento municipal foi o 30.07.2018", aseveran.
En canto ao alumeado, subliñan que o PP omite "que as demoras na prestación de servizos relacionados co alumeado público responden a que o PP trasladou o electricista que viña prestando este servizo como peón de limpeza viaria polo que, ao estar de vacacións o outro electricista, non hai persoal municipal que poida prestar este servizo".
Retomar a vía do diálogo
Diante deste despropósito, a sección sindical da CIG reitera o emprazamento ao Partido Popular, e ao seu socio de goberno, Somos Fene, para retomar a vía do diálogo e tentar chegar a un acordo "no que os dereitos da parte social estean debidamente ponderados coas prestacións duns servizos públicos de calidade". Nesta liña, seguen demandando ao Goberno municipal a apertura dun período de diálogo e negociación, baixo o principio de “boa fe negocial”, previo á aprobación dos orzamentos.
Así como negociar o establecemento de criterios obxectivos, segundo as necesidades dos diferentes servizos, a aplicar no gasto das partidas destinadas a gratificacións e a cursos de formación de persoal. E deixar sen efecto a reasignación e cambios de postos de traballo realizados de xeito arbitrario e, de ser o caso, proceder a negociación dun plan de reasignación de efectivos "que responda a criterios e obxectivos, que sexa respectuoso coa legalidade vixente e cos dereitos dos/as traballadores/as".