A necesidade urxente de termos un diario galego
A CIG súmase á campaña promovida por numerosos axentes sociais, políticos, veciñais e culturais para o lanzamento en 2019 dun novo xornal O Diario Galego que vén a cubrir a necesidade de contarmos cun medio de comunicación que teña como suxeito principal a nosa terra e, por suposto, o noso idioma. Nun momento crítico para a información veraz, rigorosa e plural, este proxecto que se presentou en Compostela aspira a acadar as 3000 subscricións necesarias para financiarse e poder saír á rúa de martes a sábado.
A información é un dereito fundamental. Dispor dunha información veraz, contrastada e plural é un elemento indispensábel nunha democracia efectiva e de calidade. A sociedade da comunicación deulle inda unha maior importancia. Aquilo que non se conta non existe. As voces que non se recollen fican silenciadas.
Cada día comprobamos como os medios de comunicación empresariais, desde as grandes plataformas televisivas até os xornais, converten este dereito nunha mercadoría ao servizo dos seus intereses. Dos intereses da clase dominante, do capital empresarial e da grande banca.
A invisibilización, a manipulación e a terxiversación son a cada vez máis frecuentes. Un fenómeno que se fai inda máis agravado en contra das loitas populares, e especialmente a protagonizada pola clase obreira e as organizacións sindicais. A enorme conflitividade laboral existente en Galiza apenas é recollida nas súas informacións. E cando o fan, fano de maneira parcializada, invisibilizando deliberadamente a CIG ou omitindo cales son os motivos e reivindicacións de cada loita.
O sindicalismo nacionalista e de clase non é cómodo nin funcional ao poder, moi ao contrario. Por iso padecemos unha sistemática ocultación nos medios dos que é propietario o grande empresariado.
De aí a importancia fulcral que para nós, como sindicato e como clase traballadora galega, ten que o noso pobo dispoña de medios propios. Editados na nosa lingua e ao servizo dos intereses populares e nacionais. Ese obxectivo foi o que nos levou a participar activamente da posta en marcha Sermos Galiza, na altura do 2012. Un grupo de comunicación de base popular, sen dependencia de ningún empresario ou goberno, feito grazas ás achegas de máis de 900 pequenos e pequenas accionistas e inda un maior número de subscritoras.
Diario Galego
Sermos Galiza (https://www.sermosgaliza.gal) impulsa agora o lanzamento dun xornal impreso, ‘O Diario Galego’. Un medio, que xunto a edición dixital e o semanario, quere dar inda maior visibilidade ás loitas sociais e á conflitividade laboral. Para contar o que outros non contan. Para seguir a dar voz a quen os grandes medios nola negan. Facelo realidade é tarefa de todos e todas, polo que te animamos a te (pre)subscribir –sen ningún custe económico até xaneiro de 2019, cando está previsto a súa posta en marcha–. Se queremos outra información, fagámola posíbel co noso compromiso.
O Diario Galego nace coa ambición de converterse no referente xornalístico dun público crítico e comprometido con Galiza que non atopa nos medios convencionais unha análise informativa de temáticas que en moitas ocasións ou son silenciadas ou se abordan desde a manipulación comunicativa, como é o caso do traballo, a cultura, a ecoloxía, o feminismo, a lingua, a historia, os dereitos e as liberdades civís... En tempos de cavernas, cómpre abrir as fiestras para permitir a entrada de luz e este proxecto pretende ser unha raiola que ilumine os convulsos anos 10 que estamos a vivir en Galiza, cunha abafante política exterminadora a nivel cultural e económica por parte do goberno do PP na Xunta.
Executiva Confederal da CIG