A multipolaridade chegou para quedar

Atilio Boron - 07 Set 2023

Cómpre deixar claro que a ruptura da globalización neoliberal e a cristalización de dous espazos económicos e xeopolíticos distintos recentemente está nas súas primeiras fases, e que a desaparición definitiva de todos os trazos que constituían o unipolarismo estadounidense tardará algúns anos

 Nos últimos anos dicíase, cada vez con maior frecuencia, que estaba en marcha un proceso de rápida multiplicación de novos centros de poder internacional que tería como resultado final a cristalización dun taboleiro internacional moito máis complexo e equilibrado que o que existente. Mais, insistíase, era aínda un proceso en marcha e inzado de atrancos porque o imperio estadounidense mobilizara os seus enormes recursos económicos, financeiros, militares e xeopolíticos para abortar esta transformación. Por esta razón, ninguén ousaba predicir canto duraría esta transición xeopolítica mundial, pero supúñase que levaría anos.

 Porén, ao final da cimeira dos BRICS celebrada en Johannesburgo o 24 de agosto, a cuestión quedou de súpeto resolta. Hoxe podemos dicir que esa data marca o nacemento dunha nova era na historia do sistema internacional. Noutras palabras, a transición xeopolítica superou un fito decisivo, un punto de non retorno, e a era do unipolarismo estadounidense e a súa ditadura mundial chegou ao seu final.

 Xa non se trata dun proceso en curso que só avanza pari passu co lento mais inevitábel devalar do poder mundial de Estados Unidos senón da rápida maduración de tendencias que se aceleraron considerabelmente nos últimos anos até consolidar esta nova arquitectura do poder internacional que chegou para quedar.

 A pandemia da covid-19 e os laboriosos reaxustes subseguintes da economía capitalista: as súas exacerbadas tendencias cara a unha crecente concentración da riqueza e a renda, a súa desenfreada depredación dos bens comúns coas súas catastróficas consecuencias sobre o clima, e a súa incontrolábel financeirización parasitaria do sistema, xunto coas traumáticas consecuencias da guerra de Ucraína, foron os factores que precipitaron a repentina culminación desta transición.

 Observando o escenario internacional, o analista brasileiro José Luís Fiori concluíu que coa incorporación de seis novos países aos BRICS se produciu «unha verdadeira ‘explosión sistémica’ na orde internacional» construída por Occidente durante os últimos tres séculos[1]. Non moi distinta é a opinión dun dos principais economistas estadounidenses, Jeffrey Sachs, ao declarar nun semanario suízo que «Estamos agora nun mundo post-estadounidense e post-occidental. Estamos nun mundo verdadeiramente multipolar. Estamos nun mundo no que os países BRICS son máis grandes que os países do G7 e (advirte) os Estados Unidos non aceptan esa transición»[2].

 Engadiriamos que non se trata só de que estamos instalados nun mundo post-estadounidense senón tamén, e mesmo máis importante, nun mundo «post-hexemónico», xa que ningún actor internacional ten a vontade -e a capacidade- de substituír os Estados Unidos no seu papel de «superpotencia solitaria» do capitalismo, ou de «shériff solitario», como adoitaba chamalo o defunto profesor Samuel P. Huntington[3].

 Noutras palabras: O unipolarismo estadounidense é agora unha pantasma do pasado, que loita infrutuosamente por recuperar a perdida materialidade de épocas pasadas.

 É debido a todo o anterior que o panorama internacional amosa agora unha imaxe moi diferente da que prevalecía hai unha década. A consolidación dos BRICS foi facilitada en gran medida polo renovado activismo desempeñado polo presidente brasileiro Luís Inácio «Lula» da Silva poñendo fin a seis anos da discreta retirada dos BRICS promovida polas presidencias de Michel Temer e Jair Bolsonaro, cando o xigante suramericano subordinou a súa política internacional ás prioridades ditadas pola Casa Branca.

 Co regreso de Lula, o impulso orixinado ante todo en Bejing deu novos folgos á organización, dotándoa dunha imprescindíbel “pata occidental” ao que doutro xeito parecía ser só unha mesa asiática de tres patas apoiada, en parte, no débil soporte que podía ofrecer Suráfrica. Grazas ao vigoroso activismo de Brasil, os BRICS non só se consolidaron como bloque comercial e financeiro, senón que puideron acometer unha importante ampliación que empequenece o peso do G7 na economía mundial. Non sería a primeira vez na historia que un acordo comercial e financeiro se converte nun bloque político-militar, sobre todo se é obxecto de continuas ameazas e agresións por parte dos seus contendentes, como o exemplifica a política de «sancións unilaterais» que Washington e os seus peóns impoñen a China e Rusia e que tivo como efecto a longo prazo estreitar o vínculo e a asociación entre os agredidos[4].

 Dito isto, cómpre deixar claro que a ruptura da globalización neoliberal e a cristalización de dous espazos económicos e xeopolíticos distintos recentemente está nas súas primeiras fases, e que a desaparición definitiva de todos os trazos que constituían o unipolarismo estadounidense tardará algúns anos. Como sinala José Luís Fiori no traballo xa mencionado, as consecuencias desta mutación no taboleiro internacional non serán «inmediatas, senón que se manifestarán en ondas sucesivas e cada vez máis fortes» a medida que a alianza atlántica siga debilitándose co tempo. Fiori engade tamén que este espazo de coordinación non levará á creación dunha «organización militar como a OTAN nin á construción dunha organización económica e institucional como a Unión Europea.»

 Con todo, a guerra de Ucraína e a cada vez maior belicosidade de Washington e os seus aliados europeos e asiáticos -nomeadamente Xapón e Corea do Sur- contra Rusia modificou a actitude da organización fronte ás institucións económicas e financeiras da «orde mundial baseada en regras» imposta polos Estados Unidos e, engadiriamos, tamén fronte ás institucións do sistema de Nacións Unidas que expresaban o equilibrio de poder existente ao final da Segunda Guerra Mundial e que pouco ou nada teñen que ver co mundo actual.

 Se no pasado este conxunto de institucións foi aceptado, non sen protestas, polos membros do BRICS, todo parece indicar que o ánimo actual é propoñer cada vez con máis forza o cambio desta nesgada superestrutura institucional do capitalismo internacional. E agora as potencias desafiantes teñen a forza económica e tecnolóxica para tentar facelo con boas posibilidades de éxito. Pero, aínda así, sería prematuro falar de «unha nova orde mundial». A descrición máis acertada desta nova realidade policéntrica diría que estamos en presenza dunha dualidade de ordes mundiais en pugna, con ámbitos territoriais diferentes: un, a decadente orde estadounidense en retirada pero con vixencia en Atlántico Norte, e outra, con epicentro en Asia, que acaba de irromper con forza pero que, polo momento, está lonxe de se impoñer a escala planetaria. Claro que esta dualidade de ordes non será eterna, e máis cedo que tarde o fiel da balanza inclinarase cara aos novos contendentes do poder mundial.

 Unha última consideración: para unha correcta comprensión da situación actual, é moi importante evitar estabelecer apresurados paralelismos entre os BRICS e a súa oposición á alianza occidental, co antigo bipolarismo que enfrontaba os Estados Unidos e os seus aliados occidentais coa coalición liderada pola Unión Soviética. Un dos trazos distintivos da situación actual é que quen reta a hexemonía estadounidense mantén fortes lazos de interdependencia económica cos Estados Unidos e os países europeos, algo que non existía en absoluto durante os anos da Guerra Fría.

 O comercio entre os Estados Unidos e China, por exemplo, andou polos 700.000 millóns de dólares en 2022, cifra absolutamente inimaxinábel nos anos do bipolarismo soviético-estadounidense. Máis aló dos frecuentes enfrontamentos retóricos, esta relación comercial condiciona, polo menos en parte, as actitudes e políticas concretas de Washington e Beijing e, por extensión, de ambos os bloques.

 Con todo, son moitos os exemplos que ofrece a historia nos cales unha guerra comercial desencadeou un conflito bélico, e as continuas ameazas de Estados Unidos e os países da OTAN contra China e Rusia son unha preocupante demostración de que o sistema internacional está a camiñar á beira dun abismo de insondábeis dimensións.

 Se prevalece a racionalidade, a interdependencia comercial podería promover negociacións para estabelecer un escenario internacional máis seguro. Non haberá estabilidade política internacional se un dos seus principais actores, Rusia, é privado do dereito á seguridade nacional que se defende con dentes e uñas para os Estados Unidos e os seus aliados.

 Un mundo no que todos están seguros menos Rusia, primeira potencia nuclear do planeta, é un mundo condenado a vivir á beira dun eventual holocausto atómico. A prudencia e a racionalidade dos principais actores gobernamentais serán decisivas para evitar tan infausto desenlace. Infelizmente o peso do complexo militar-industrial nos Estados Unidos (e en todo Occidente) obríganos a ser pesimistas respecto diso.

 A forma en que se resolva a crise ucraína daranos a clave para predicir cal podería ser o desenlace máis probáble. En calquera caso, e máis aló destas eventualidades: Benvidos á multipolaridade!

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] Ver o seu “Novo BRICS explode a ordem internacional”, en Tutameia, 26 Agosto 2023. Accesíbel en https://tutameia.jor.br/novo-brics-explode-a-ordem-internacional/

[2] Ver https://actualidad.rt.com/actualidad/477804-jeffrey-sachs-mundo-multipolar-brics-eeuu-no-acepta

[3] O de Huntington pódese ver en: Foreign Affairs, Mar/Apr 1999, Vol. 78, Issue 2. Advertimos o xurdimento destas tendencias cara a un mundo post-hexemónico pouco despois de que se producira o derrubamento da Unión Soviética e meentres o pensamiento oficial da academia estadounidense e europea gababa o “novo século americano”. Ver o noso “Towards a Post-Hegemonic Age? The end of Pax Americana”, en Security Dialogue, Vol. 25, Nº 2, 1994.

[4] Segundo informes oficiais da OFAC, a Oficina para o Control de Activos Estranxeiros dos Estados Unidos, hai 9 países no mundo aos Washington lles aplicou 25.152 sancións unilaterais que prexudican seriamente a súas economías. Rusia encabeza a listaxe con 17.582, seguida por Irán, con 2.474, Siria 1.343, Venezuela con 930 e Cuba con 240. Ver: www.observatorio.gob.ve

_____________________________________________________________________________

 

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 31 de agosto de 2023]