"A modificación das condicións laborais que pretende impor Extel é un ERE encuberto"
"Extel escoita estamos en loita" ou "modificación para a dirección", foron algunhas das consignas que esta mañá berraron as traballadoras e traballadoras de Extel na concentración realizada diante dunha tenda Movistar da Coruña. A protesta coincide cunha nova xornada de folga contra a modificación substancial das condicións laborais que pretende impor a empresa e que está tendo un seguimento de arredor do 90% do persoal.
O paro de 24 horas (convocado por CIG e CGT) ten lugar na véspera da última xuntanza do período de consultas, que a empresa pediu ampliar. Porén, dende a Sección Sindical da CIG xa adiantaron que se a pretensión da dirección é teimar nas súas propostas "salvaxes", non tería sentido prolongar a negociación.
Neste senso, explican que nas anteriores xuntanzas a empresa rexeitou todas as propostas presentadas pola CIG, "que entendemos son perfectamente asumíbeis, xa que en ningún momento Extel argumenta causas económicas para aplicar a modificación substancial das condicións laborais". Uns cambios, lembran, que afectan a 334 traballadoras/es da plataforma da Coruña e que na realidade "agochan un ERE encuberto, facilitado por Movistar co seu teórico cambio de horario comercial".
Por parte da CIG demándase da empresa que non aplique ningunha redución de xornada, que non se amplíe ao persoal afectado nin máis fins de semana nin máis horas traballadas nas mesmas e que se manteñan as rotacións de traballo actuais. En todo caso, advirten, só se aceptarían horarios fóra de banda no tempo mínimo indispensábel para axustar a xornada laboral.
A respecto das quendas partidas que pretende introducir a empresa, para a representación da CIG, estas só serían válidas no caso de ter carácter voluntario e con horarios e libranzas pactadas de mutuo acordo. Reclámase tamén manter os complementos de nocturnidade e transporte actuais e manter as gardas legais tal como están.
"Extel pretende facer crer que fai falta máis xente na fin de semana, mentres que por outro lado fai todo o posíbel para que reduzamos as nosas xornadas, cambiemos de quenda á tarde, etc.", censuran.
Na realidade, de aplicarse, a medida boa parte das traballadoras e traballadores afectados Extel (filial de Adecco) terán unhas condicións e salarios tan precarios que se verán na obriga de deixar o seu emprego. "Só lles importa facer cartos aínda que sexa gañados a conta de desfacernos a vida, pero non imos deixar que nos pisen".