A mobilización e o aumento dos salarios
A inflación obedece no fundamental a un axuste dos prezos das materias primas e bens importados, á especulación financeira, á cobiza empresarial e, sobre todo, a políticas económicas e sociais globalizadoras e neoliberais da UE, Goberno central e da Xunta de Galiza, submisos todos eles aos intereses das grandes corporacións empresariais e das potencias hexemónicas
A maior parte dos medios destacan que o crecemento da inflación subxacente se debe no fundamental ao medre dos salarios. Este relato busca responsabilizar da suba dos prezos á clase traballadora e consolidar o aumento dos ingresos empresariais freando as loitas reivindicativas. Un argumento que non é certo porque a clase traballadora necesita moito tempo para recuperar a perda do valor adquisitivo dos salarios, ás veces anos, e en poucos lugares e momentos históricos supera a inflación, tal como se constata co medre constante dos lucros empresariais no PIB.
Mesmo recoñecendo que o axuste non é igual para toda a clase, nin para todos os autónomos/as e tampouco para as empresas, o movemento obreiro non pode axustar os ingresos aos prezos cando o decida aínda que sexa unha necesidade imperiosa para pagar consumos esenciais. Unha situación esta que contrasta cos empresarios/as e autónomos/as que poden facelo en calquera momento. Este é un aspecto cualitativo importante que condiciona en todo momento os ingresos da clase traballadora e a propia acción reivindicativa. Polo tanto o salario non depende só das vendas e da produtividade dunha empresa ou sector, como simplifica a patronal, senón en gran medida do grao de organización, da afiliación, combatividade e iniciativa sindical, porén tamén dos obxectivos de lucro e o modelo de xestión empresarial, que como norma pon por diante a taxa de beneficio.
Ademais, débese ter en consideración que nesta crise a inflación afectou esencialmente á enerxía, alimentación e vivenda, ou sexa consumos básicos, e polo tanto prexudicou as familias con menos ingresos. Concretamente no 20% da poboación con menor renda estes consumos esenciais representan un 64% do gasto, mentres que no 20% con maiores ingresos só un 12%. Resumindo: a inflación non implica un axuste igual para todas as familias, senón que ten un claro contido de clase, que non solucionan as axudas especificas dirixidas a colectivos en situación moi grave e o aumento do Salario Mínimo Universal, máxime cando é tan baixo e unha boa parte da clase obreira sofre empregos a tempo parcial ou temporais, ou está no paro (sobre un 11% no caso de Galiza; unha porcentaxe moi superior se temos en conta as correccións que lle fai a estas estatísticas a Unión Europea -subemprego-fixos descontinuos-). Un dato: os ingresos do capital e mixtos representan no PIB unha porcentaxe superior ao que percibe a clase traballadora, máis do 80% da poboación activa, malia que neste último concepto se inclúe os altos directivos e figuras do espectáculo e deporte, con ingresos excepcionais.
Nin falta man de obra nin os salarios teñen culpa de que se manteña alta a inflación. No primeiro caso abonda con ver as taxas de desemprego e a emigración da mocidade, tamén incide para que non se cubran moitas ofertas de traballo a precariedade nas condicións laborais que se pretenden impoñer (as horas polas que non se paga e/ou cotiza e os baixos salarios...). No segundo aspecto, aínda que se conseguiron na negociación colectiva en Galiza aumentos salariais importantes, en relación co resto do Estado español, como consecuencia da mobilización (e do activismo da CIG) os convenios negociados só afectaron a unha parte da clase traballadora e, en moi poucos casos, superaron a caída do poder adquisitivo dos salarios nos últimos anos. En resumo: a inflación obedece no fundamental a un axuste dos prezos das materias primas e bens importados, á especulación financeira, á cobiza empresarial e, sobre todo, a políticas económicas e sociais globalizadoras e neoliberais da UE, Goberno central e da Xunta de Galiza, submisos todos eles aos intereses das grandes corporacións empresariais e das potencias hexemónicas.
O medre da mobilización, das folgas, da loita da clase traballadora é o único camiño para mudar esta tendencia regresiva nos salarios e condicións laborais, daquela a importancia das protestas en Francia, Alemaña, Reino Unido, Grecia, Portugal... tamén na nación galega. Algo está mudando, quixeramos que fose máis rápido... Daquela que non sexa casual que a CIG obteña 9 de 17 delegados en Estrella Galicia, onde sempre houbo un muro á presenza do sindicalismo combativo. Porén cada proceso e cada momento histórico ten a súa dixestión que depende de factores internos e externos, de correlación de forzas, de grao de conciencia, do estado de ánimo... O importante é que a tendencia dominante é un aumento da mobilización, da clase obreira organizada.
[Galiza, 10 de abril de 2023]