A mobilización do persoal forza o aprazamento da modificación do decreto dos PAC

A CIG-Saúde advirte que sen negociación real, continuará o conflito na Atención Primaria
Nacional - 28 Mar 2026

A presión sostida das traballadoras e traballadores, visibilizada na concentración ás portas da Consellería de Sanidade que tivo lugar este venres, e a negociación entre a Consellería de Sanidade e o comité de folga da CIG-Saúde do pasado día 25, vén de obrigar a Administración a aprazar a imposición do decretazo dos PAC.

A CIG-Saúde leva tempo denunciando que os recortes, as imposicións e a falta de diálogo está levando ao aumento do deterioro da Atención Primaria en todos os seus ámbitos.

CIG-Saúde reclamou na Mesa Sectorial de onte a retirada da modificación do decreto e considera claramente insuficiente este aprazamento. “A Consellería non retira o decreto, senón que simplemente adía a súa aplicación, mantendo intacta a súa intención de impoñelo sen acordo, pretendendo negociar só as consecuencias da súa aplicación para as profesionais que traballan nos PAC”, denuncian.

Neste sentido, cómpre salientar o papel da CIG-Saúde, que se mantivo firme na defensa dunha negociación real e de medidas estruturais concretas, e non de acordos insuficientes. A central sindical situouse á fronte da loita en defensa de todas as categorías profesionais da Atención Primaria cunha táboa reivindicativa ampla que aborda tanto as condicións laborais como a calidade asistencial.

Subliñan que as xornadas de folga convocadas – as xa realizadas e as previstas para o 9 e o 23 de abril- non son feitos illados, “senón parte dun proceso sostido de mobilización para reverter unha situación límite marcada pola sobrecarga asistencial, a falta de persoal e a ausencia de planificación”.

A CIG-Saúde rexeitou de maneira contundente calquera intento de impor cambios regresivos nos PAC e reafirma o seu compromiso coa mellora das condicións de traballo de todas e todos os profesionais, tal e como se vén reclamando nas mobilizacións e nas xornadas de folga.