A mobilización constante do persoal consegue que Extel recúe e volva validar os partes médicos
Logo do intenso calendario de mobilizacións realizado nos últimos meses, a dirección de Extel avíñase por fin a iniciar negociacións coa sección sindical da CIG e tras varias reunións logrouse un acordo polo que a empresa se compromete a reinstaurar o uso das horas médicas, os xustificantes e os partes de repouso, tal e como se viña facendo antes do cambio de criterio aplicado de maneira unilateral en novembro.
Con este acordo na man, e ante o anuncio da inminente derrogación do artigo 52d do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras que facilita os despedimentos por baixas de curta duración, a sección sindical da CIG dá por conseguidos os principais obxectivos do calendario de folgas iniciado en decembro e procede a desconvocar a xornada de folga de 24 horas prevista para o mércores 4 de marzo.
Trasladamos a noraboa ás compañeiras e compañeiros por non renderse nunca e participar masivamente nas folgas"
"Unha vez máis, é a través da mobilización e a loita constante como as traballadoras e traballadores de Extel conseguimos que se respecten os dereitos que tanto nos custou conquistar nestas dúas últimas décadas e que a empresa nos pretendía arrebatar de golpe", afirman as delegadas e delegados da CIG.
Neste senso, queren trasladar a súa noraboa ás compañeiras e compañeiros "por non renderse nunca e participar masivamente nas folgas que convocamos", demostrando que a mobilización si dá resultados. Explican que arrincar este acordo foi posíbel tras o éxito da folga do 5 de febreiro, recoñecido pola propia empresa, que na reunión do comité celebrada ao día seguinte xa trasladou á CIG, como central convocante das mobilizacións, a súa vontade de chegar a un acordo sobre esta problemática.
A pesar do éxito que supón este acordo, a sección sindical da CIG apunta que permanecerá vixilante para que a empresa cumpra co acordado, respecte os dereitos laborais e salariais e non intente aplicar novos recortes.