A mobilidade forzosa do persoal empregado público responde á estratexia do PP de demolición dos servizos públicos en Galiza
A CIG-Administración Autonómica vén de denunciar a utilización, por parte do PP, da vía das emendas no debate da lei de reactivación económica, a debate no Parlamento, para impor a mobilidade forzosa do persoal empregado público da administración. A responsable nacional do sector, Zeltia Burgos, denuncia que “deste xeito a Xunta habilítase a si mesma para mover o persoal como lle dea a gana, sen negociación previa e sen xustificación”. Por iso demanda dos grupos parlamentares que se opoñan á modificación da Lei de Emprego Público sen respectar a negociación colectiva.
Para a CIG Autonomica é unha “perversión intolerable” do sistema, que “se carga a seguridade xurídica do persoal”. Denuncia ademais que este proceder non é un caso illado, senón que a Xunta “está a normalizar a emenda dos seus propios anteproxectos co grupo parlamentario do Partido Popular para aforrar a negociación e evitar que os denunciemos no xulgado”, asegura Burgos, quen sinala que “xa o fixeron recentemente na lei de acompañamento dos orzamentos 2021 onde modificaron a lei de emprego para permitir o mantemento dos altísimos salarios de directivos na integración de entes na Xunta ou limitar a segunda actividade ao persoal bombeiro forestal”.
O emprego desta fórmula de eutoemenda, xunto a desaparición das mesas de representación ordinarias mostra, para a responsable do sector da Autonómica da CIG, que a pandemia “está a ser a escusa do PP para empeorar as condicións de traballo do persoal empregado público”.
Para a CIG o fundamental é o reforzo do persoal polas listas de contratación e, como lembra Burgos, “na lei de emprego público xa existen fórmulas para facelo, como a contratación por acúmulo de tarefas, tanto para o reforzo de persoal como no traslado voluntario”. Entende que o lóxico é a contratación de persoal polas listas de agarda nos servizos que sexa necesario reforzar. Un sistema que considera rápido e eficaz e de responsabilidade social. Fronte a isto denuncia que “logo de máis de dez anos de recortes continuados, non temos ningunha unidade onde sobre persoal, senón máis ven a contrario, e a crise social derivada da pandemia necesita duns servizos públicos reforzados”.
Privatización “progresiva e implacable” dos servizos públicos
A responsable de CIG-Administración Autonómica denuncia que a Xunta do PP opta por impoñer a mobilidade forzosa “a dedo e pola porta de atrás, creando unha ferramenta máis para abusar do persoal empregado público”. Unha medida máis que se suma á privatización progresiva e implacable dos servizos públicos, “produto dunha estratexia elaborada dende hai moitos anos polo PP para desmontar, pouco a pouco, a xestión directa dos servizos públicos entregándollos a empresas privadas que priman á rendibilidade económica sobre a atención á cidadanía”.
Burgos alerta de que a constante entrega ao capital privado da cobertura das necesidades básicas das persoas conleva unha merma de efectivos, a sobrecarga de traballo, o empeoramento das condicións laborais e o consecuente deterioro dos servizos públicos á cidadanía.
Advirte de que para o PP isto non é suficiente para sacarlle beneficios económicos e partidistas ao control da administración autonómica e de que “quere que os minguados efectivos de persoal propio da administración autonómica estean á súa completa disposición e, para iso, ditan normas que buscan menoscabar a independencia e a obxectividade das persoas empregadas públicas”.
Entre outras salienta a ampliación das libres designacións e creación dos concursos de traslados “especiais” para decidir arbitrariamente quen debe ocupar os postos mellor remunerados ou de funcións de inspección e control ou a modificación do sistema retributivo e da promoción profesional para que os responsábeis políticos decidan sobre as condicións económicas e laborais do persoal.
Ademais alerta doutra estratexia deseñada desde a dirección xeral da Función Pública, que consistiría en “obstaculizar dun xeito groseiro e descarado os poucos recursos dos que dispoñen as persoas empregadas públicas para mellorar as súas condicións económicas e laborais”.
Neste sentido subliña cuestións como “negarse a convocar concurso de traslados entre o persoal laboral durante máis de 9 anos, cando o convenio colectivo vixente di que o concurso de traslados debe ser permanente; excluír ao persoal laboral do cobro da carreira profesional senón aceptan obrigatoriamente a funcionarización; non resolver o concurso de traslados dos corpos xerais do persoal funcionario durante meses, despois de convocalo con retraso. Do concurso de corpos especiais nin se sabe. Ou non cumprir ningún dos prazos nin dos compromisos acadados nas negociacións colectivas”.
Para Zeltia Burgos a parálise da xestión de persoal na administración autonómica non é só consecuencia da incapacidade manifesta do director xeral da Función Pública e da falta de persoal é, en definitiva, “a estratexia de demolición dos servizos publicos por parte do PP de Galiza e a doma e castración da administración autonómica para poñela ao servizo duns intereses partidistas”.