A militarización da política en Estados Unidos
A militarización da política exterior de Estados Unidos, o establecemento dunha xunta militar no seo da Administración Trump e o recurso á política arriscada da ameaza nuclear non cambiou o equilibrio de poder global
Os militares xogan un papel cada vez maior á hora de definir a axenda de política exterior e, por extensión, de política interior en Estados Unidos. O ascenso dos “xenerais” a postos estratéxicos do réxime de Trump é evidente e iso reforza a autonomía do exército na determinación da axenda de política estratéxica.
Neste artigo analizaremos as vantaxes que achegan os plans bélicos á elite militar e as razóns polas cales “os xenerais” conseguiron impoñer o seu punto de vista sobre a realidade internacional.
Examinaremos a influencia do estamento militar sobre o gabinete civil de Trump, consecuencia da degradación implacábel da presidencia que leva a cabo a oposición política.
O preludio á militarización: a estratexia de múltiples guerras de Obama e as súas consecuencias
O papel fundamental que desempeña o exército na elaboración da política exterior de EEUU ten a súa orixe nas decisións estratéxicas tomadas durante a presidencia de Obama-Clinton. Nese período desenvolvéronse unha serie de políticas que influíron enormemente na irrupción dun poder político-militar sen precedentes.
1- O enorme incremento das tropas destinadas a Afganistán e os seus subsecuentes fracasos e retirada debilitaron o réxime Obama-Clinton e aumentaron a animosidade entre os militares e a Administración Obama. A consecuencia dos seus fracasos, Obama rebaixou a reputación das forzas armadas e debilitou a súa autoridade como presidente.
2- Os bombardeos masivos e destrución de Libia, o derrocamento do réxime de Gadafi e a incapacidade da administración Obama-Clinton para impoñer un goberno fantoche, puxeron de manifesto as limitacións do poder aéreo estadounidense e a ineficacia da súa intervención político-militar. O presidente errou fatalmente na súa política exterior no Norte de África e demostrou a súa ineptitude militar.
3- A invasión de Siria por parte de mercenarios e terroristas financiados por Estados Unidos vinculouno a un aliado pouco de fiar nunha guerra na que tiña todas as de perder. Iso provocou unha redución do orzamento militar e persuadiu os xenerais de que o control das guerras estranxeiras e a política exterior era o único xeito de salvagardar as súas posicións.
4- A intervención militar de Estados Unidos en Iraq tivo unha importancia secundaria na derrota do Estado Islámico; os principais actores e beneficiarios foron Irán e as milicias xiís iraquís aliadas.
5- A Administración Obama-Clinton organizou o golpe de Estado en Ucraína e facilitou a toma do poder a unha xunta militar corrupta e incompetente. Isto provocou a secesión de Crimea (que se uniu a Rusia) e de Ucraína Oriental (aliada a Rusia). Os xenerais foron marxinados e descubriron que se aliaron cos cleptócratas ucraínos e incrementaron perigosamente a tensión política con Rusia. EEUU decretou sancións económicas contra Moscova intentando desviar a atención dos seus ignominiosos fracasos político-militares.
Trump topou cun legado da administración Obama-Clinton levantado sobre tres patas: unha orde internacional baseada nas agresións militares e a confrontación con Rusia; un “pivote cara a Asia” baseado no cerco militar e o illamento económico de China logrado mediante ameazas de guerra e sancións económicas contra Corea do Norte; e o uso do exército como garda pretoriana dos tratados de libre comercio en Asia, que exclúen a China.
O legado de Obama consiste nunha orde internacional de capital globalizado e múltiples guerras e a súa continuidade dependía inicialmente da elección de Hillary Clinton como presidenta.
Pola súa banda, Donald Trump prometeu na campaña presidencial desmantelar ou revisar drasticamente a Doutrina Obama que baseaba a orde internacional no mantemento de múltiples guerras, unha visión “neocolonialista” da nación e o libre comercio. O carraxento presidente saliente comunicou ao recentemente chegado que se procedía a cumprir as súas promesas electorais dun nacionalismo económico batería coa hostilidade conxunta de todo o aparello do Estado, Wall Street e os medios de comunicación de masas, co que socavaría a orde global centrada en torno a Estados Unidos.
A aposta de Trump era cambiar as sancións económicas e a confrontación militar de Obama pola reconciliación económica con Rusia, pero deu co avespeiro de acusacións sobre a suposta conspiración electoral con Rusia, que insinuaban que cometera traizón, e cos xuízos exemplares aos seus aliados máis próximos e a membros da súa propia familia.
A fabricación mediática do complot Trump-Rusia foi só o primeiro paso dunha guerra total contra o novo presidente que conseguiu debilitar a súa axenda económica nacionalista e a súa intención de cambiar a orde global de Obama.
Trump baixo a orde internacional de Obama
Tras só oito meses no poder, o presidente Trump sucumbiu impotente aos despedimentos, dimisións e humillación de todos e cada un dos seus nomeamentos civís, especialmente aqueles empeñados en reverter a “orde internacional” de Obama.
Trump foi elixido para substituír as guerras, sancións e intervencións militares por acordos económicos que beneficiasen as clases traballadora e media de Estados Unidos. Iso implicaba acabar cos prolongados e dispendiosos compromisos das forzas armadas na “construción de nacións” (ocupación), en Iraq, Afganistán, Siria, Libia e outras zonas sen fin de guerra proxectadas por Obama.
Supoñíase que as prioridades militares de Trump eran o reforzo das fronteiras nacionais e dos mercados estranxeiros. Comezou solicitando aos seus socios da OTAN que asumisen as súas propias responsabilidades en defensa e pagasen por elas. Aos partidarios da orde global de Obama de ambos os partidos arrepiábaos que Estados Unidos puidese perder o control absoluto da OTAN; inmediatamente, uníronse e mobilizáronse para desposuír a Trump dos seus aliados económicos nacionalistas e desmontar os seus programas.
Trump deuse por vencido enseguida e adaptouse á orde internacional de Obama, cunha única salvidade: el mesmo seleccionaría o gabinete que puxese en marcha a vella/nova orde internacional.
Atado de pés e mans, Trump elixiu unha cohorte de xenerais encabezada polo xeneral James Mattis (coñecido como ‘Can Tolo’) como ministro de Defensa. Os xenerais fixéronse cargo da presidencia. Trump abdicou das súas responsabilidades.
Xeneral Mattis: a militarización de Estados Unidos
O xeneral Mattis asumiu o legado de Obama e engadiulle o seu propio matiz incluíndo a “guerra psicolóxica” incorporada ás declaracións exaltadas de Trump en twitter.
A “doutrina Mattis” combina ameazas graves con provocacións agresivas, o que sitúa a Estados Unidos (e ao resto do mundo) á beira dunha guerra nuclear. O xeneral adoptou os obxectivos e os campos de operacións definidos pola anterior Administración disposto a reforzar a orde imperialista internacional existente.
As políticas da xunta baseáronse nas provocacións e ameazas contra Rusia e o aumento das sancións económicas. Mattis botou máis gasolina ao lume da retórica antirrusa, xa ben candente, dos medios de comunicación de masas. O xeneral fomentou unha estratexia de “matonismo diplomático” de baixa intensidade, incluíndo unha invasión das oficinas diplomáticas rusas que non tiña precedente e a expulsión inmediata de diplomáticos e persoal consular.
Estas ameazas militares e estes actos de intimidación diplomática dan a entender que a Administración dos xenerais do fantoche Trump está disposta a laminar as relacións diplomáticas cunha gran potencia nuclear mundial e, polo tanto, a levar o mundo a unha confrontación nuclear directa.
O que Mattis pretende con estas disparatadas agresións é nada menos que obrigar o goberno ruso a capitular ante os antigos obxectivos militares de Estados Unidos: a partición de Siria (que se iniciou con Obama), a imposición de sancións severas a Corea do Norte (que se iniciou con Clinton) e o desarmamento de Irán (principal obxectivo de Tel Aviv) conducente á súa desmembración.
A xunta de Mattis que ocupa a Casa Branca endureceu as ameazas a unha Corea do Norte, que, en palabras de Putin, “antes estaría disposta a alimentarse de herba que ao desarmamento”. Os megáfonos dos medios de comunicación e do exército pintan os norcoreanos, vítimas das sancións estadounidenses, como unha ameaza “existencial” ao continente norteamericano.
As sancións endurecéronse. Hai presións para despregar armamento nuclear en Corea do Sur. Proxéctanse e execútanse manobras militares masivas por terra, mar e aire en torno a Corea do Norte. Mattis retorceu o brazo aos chineses (principalmente aos burócratas empresarios relacionados coas compras) e asegurouse de que o Consello de Seguridade da ONU aprobase un aumento das sancións. E Rusia uniuse ao coro anti Pyongyang,¡malia que Putin advertiu da ineficacia das sancións! (Coma se o xeneral Can Tolo fose a tomar en serio o consello de Putin, especialmente unha vez que Rusia votou ao seu favor!).
Mattis tamén incrementou a militarización do Golfo Pérsico, continuando a política de sancións parciais e provocacións belicosas contra Irán.
Cando traballaba para Obama, Mattis aumentou os cargamentos de armas estadounidenses destinados aos terroristas sirios e os acólitos ucraínos, para estar seguro de que Estados Unidos podería botar por terra calquera “acordo negociado”.
Avaliación da militarización
Suponse que ao recorrer aos “seus xenerais” Trump contrarresta calquera ataque sobre política exterior que poida recibir por parte do seu propio partido ou de congresistas demócratas. O nomeamento de Mattis ‘Can Tolo’, coñecido rusófobo e belicista, serviu para pacificar até certo punto a súa oposición no Congreso e debilitar calquera “achado” de conspiración electoral entre Trump e Moscova defendido polo investigador especial Robert Mueller. Trump mantén o seu papel como presidente nominal adaptándose ao que Obama lle advertiu que era a “orde internacional”, agora dirixido por unha xunta militar non elixida, composta por remanentes do goberno Obama!
Os xenerais proporcionan unha aparencia de lexitimidade ao réxime de Trump (especialmente para os demócratas belicistas e os medios de comunicación). Porén, o traspaso dos poderes presidenciais a Mattis ‘Can Tolo’ e os seus secuaces terá un alto prezo.
Aínda que a xunta militar poida protexer o flanco de política exterior de Trump, non serve para reducir os ataques aos seus proxectos internos. Aínda por riba, o compromiso sobre orzamento que Trump propuxo aos demócratas enfureceu os líderes do seu propio partido.
En resumo, a militarización da Casa Branca produto do debilitamento da posición de Trump beneficia a xunta militar e aumenta o poder desta. De momento, o programa de Mattis ‘Can Tolo’ tivo resultados diversos: as ameazas de lanzar unha guerra preventiva (posibelmente nuclear) contra Corea do Norte reforzou a determinación de Pyongyang de desenvolver e perfeccionar a súa capacidade de mísiles balísticos de medio e longo alcance e as súas armas nucleares. As políticas suicidas non conseguiron intimidar a Corea do Norte. Mattis non puido impoñer a doutrina Clinton-Bush-Obama dirixida a desposuír os países (como Libia e Iraq) das súas armas defensivas avanzadas como preludio dunha invasión estadounidense de “cambio de réxime”.
Calquera ataque de EEUU a Corea do Norte provocaría represalias masivas que se cobrarían ducias de miles de vidas de militares estadounidenses e causarían a morte e lesións a millóns de civís en Corea do Sur e Xapón.
O máis que conseguiu ‘Can Tolo’ foi intimidar as autoridades chinesas e rusas (e os seus multimillonarios colegas de negocios de exportación) para que aumenten as sancións económicas contra Corea do Norte. Mattis e os seus aliados na ONU e a Casa Branca (a atoleirada Nikki Haley [1] e o miniaturizado presidente Trump) poden chamar á guerra, pero non poden aplicar a chamada “opción militar” sen ameazar as forzas armadas estadounidenses despregadas ao longo da rexión de Asia-Pacífico.
O asalto de Mattis ‘Can Tolo’ á embaixada rusa non debilitou substancialmente a Rusia, pero desvelou a inutilidade da diplomacia conciliatoria de Moscova cara aos seus supostos “socios” do réxime de Trump.
O resultado final pode conducir a unha ruptura formal das relacións diplomáticas, que incrementaría o risco dunha confrontación militar e un holocausto nuclear global.
A xunta militar está presionando a China para que actúe contra Corea do Norte co obxectivo de illar o réxime de Pyongyang e reforzar o cerco militar estadounidense a Pequín. ‘Can Tolo’ obtivo un éxito parcial ao volver a China contra Corea do Norte á vez que garantía as súas instalacións avanzadas de misiles THADD en Corea do Sur, que apuntarán directamente a Pequín. Estes son os triunfos a curto prazo de Mattis fronte aos excesivamente dóciles burócratas chineses. Pero se ‘Can Tolo’ intensifica as ameazas militares directas contra China, Pequín pode tomar represalias desfacéndose de miles de millóns de bonos do Tesouro estadounidense, cortando relacións diplomáticas, sementando o caos na economía de EEUU e enfrontando a Wall Street co Pentágono.
O aumento de tropas levado a cabo por Mattis en Afganistán e en Oriente Próximo non servirá para intimidar a Irán nin conducirá a ningún triunfo militar. Pola contra, implica grandes gastos e poucas ganancias, tal e como descubriu Obama tras case unha década de derrotas, desfeitas e perdas multimillonarias.
Conclusión
A militarización da política exterior de Estados Unidos, o establecemento dunha xunta militar no seo da Administración Trump e o recurso á política arriscada da ameaza nuclear non cambiou o equilibrio de poder global.
No ámbito interno, a presidencia nominal de Trump depende de militaristas como o xeneral Mattis. Mattis intensificou o control sobre os aliados da OTAN, atraendo mesmo algunha ovella perdida como Suecia, para que se unan a Estados Unidos nunha cruzada militar contra Rusia. Aproveitou a paixón que senten os medios de comunicación polos titulares belicosos e a súa adulación aos xenerais de catro estrelas.
Pero, malia todo iso, Corea do Norte permanece impávida porque pode tomar represalias. Rusia posúe miles de armas nucleares e segue sendo o contrapoder nun planeta dominado por Estados Unidos.
China é dona do Tesouro de Estados Unidos e non se deixa impresionar, malia a presenza dunha armada estadounidense cada vez máis disposta ao choque ao longo de todo o mar meridional de China.
‘Can Tolo’ entusiásmase coa atención mediática, encarnada en xornalistas ben vestidos e cunha escrupulosa manicura que non perden detalle de todos e cada un dos seus discursos sanguinarios. Os contratistas da guerra arrodéano como un enxame de moscas en torno á prea. Este xeneral de catro estrelas alcanzou un estatus presidencial sen gañar ningunhas eleccións (falsas ou non). Non hai dúbida de que cando deixe o cargo se converterá no máis desexado membro de consello de administración ou asesor especialista dos grandes contratistas militares estadounidenses da historia de EEUU. Recibirá lucrativos honorarios por charlas estimulantes de media hora e consolidará as substanciosas prebendas do nepotismo para as tres seguintes xeracións da súa familia. Podería mesmo presentarse a senador ou incluso presidente por calquera dos dous partidos.
A militarización da política exterior de Estados Unidos ofrécenos importantes leccións:
A primeira de todas é que a escalada das ameazas de guerra non triunfa se o obxectivo é desarmar a adversarios que posúen capacidade para contraatacar. A intimidación mediante sancións pode impoñer penurias económicas importantes aos réximes dependentes da exportación de petróleo, mais non ás economías endurecidas, autosuficientes ou moi diversificadas.
As manobras bélicas multilaterais de baixa intensidade reforzan as alianzas encabezadas por EEUU, pero ao mesmo tempo convencen os seus adversarios de que deben aumentar a súa preparación militar. As guerras de intensidade media contra adversarios non nucleares poden servir para tomar cidades importantes, como en Iraq, pero o ocupante enfróntase a custosas e prolongadas guerras de erosión que poden socavar a moral do exército, provocar malestar no ámbito nacional e elevar o déficit orzamentario. E xeran millóns de refuxiados.
As políticas militares arriscadas poden traer cuantiosas perdas en vidas, aliados e territorio e cheas de cinzas radioactivas… unha vitoria pírrica!
En resumo:
As ameazas e a intimidación só funcionan contra adversarios conciliadores. A fanfurriñada verbal pouco diplomática pode facer que xurdan o espírito barulleiro e algúns aliados, pero ten poucas posibilidades de convencer os adversarios de que se rendan. A política estadounidense de militarización mundial excede as súas propias forzas armadas e non logrou ningunha vitoria militar permanente.
Hai algunha voz dentro dos militares estadounidenses de ideas claras, eses que non se cegan polo brillo das súas estrelas ou dos seus parvos admiradores dos medios de comunicación, disposta a defender a reconciliación global e máis respecto mutuo entre as nacións… O Congreso de Estados Unidos e os medios de comunicación corruptos demostraron a súa incapacidade para avaliar as desfeitas do pasado, así que moito menos poderán forxar unha resposta eficaz ás novas realidades globais.
_____________________________________________________________________
[1] Nikki Haley é a embaixadora de EE.UU. ante a ONU.
_____________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 23 de setembro de 2017]