A Mesa sectorial debaterá o texto da convocatoria do concurso de méritos excepcional de estabilización

A reunión do día 3 supón o último paso dun longo proceso que arrancou en decembro de 2021
Nacional - 29 Set 2022

A Consellaría de Educación fixo público o último documento pendente para poder convocar o concurso de méritos excepcional derivado da Lei 20/2021. A convocatoria divídese en dúas ao ter que agardar pola publicación no BOE do Real Decreto de integración do corpo de PTFP no corpo de PES, do que derivan cambios en varias especialidades vinculadas á Formación Profesional.

Da marcha das negociacións, a CIG-Ensino incide en que o único aspecto positivo foi o determinante incremento de prazas, que pasaron nun primeiro momento a duplicar a intención da Consellaría: das aproximadamente 500 anunciadas por Feijóo e o conselleiro o 14 de xaneiro até a proposta nunha primeira reunión da Mesa de 1101 prazas a concurso e de 115 a oposición. Froito das alegacións finais da CIG-Ensino conseguiuse un incremento adicional do 5% no concurso, incorporando 55 prazas máis até acadar as 1156, e dun 9% na oposición, con 10 prazas a maiores, chegando ás 125.

Malia a todo, e como xa dixo na negociación da oferta xeral das prazas e no seu reparto por especialidades, a cifra final non contou co apoio do sindicato maioritario ao non modificar a Consellaría algúns dos criterios para determinar as prazas. A CIG-Ensino considera que o incremento sería moi limitado e que, se a administración aplicase outros criterios, a oferta podería mesmo reducirse, mais “consideramos que esa pequena marxe de aumento, tanto no concurso como na oposición, debería ter sido admitida pola administración”.

A CIG-Ensino tamén amosou o seu desacordo coa decisión da Xunta de non convocar no ano 2023 un proceso ordinario de oposición para as prazas de reposición (xubilacións etc), unha decisión marcada polo tacticismo electoral do PP de querer acumular no 2024 (ano de eleccións galegas) as xubilacións de dous anos.

Con todo, o principal desacordo do sindicato céntrase na propia regulación do proceso, pechada xa coa publicación da modificación do Real Decreto e que foi imposto polo Ministerio, co apoio tácito dalgúns sindicatos estatais que non se sumaron ás propostas que desde a CIG-Ensino defendemos para mellorar substancialmente o baremo.

Propostas de mellora

Na Mesa do día 3 de outubro, a CIG-Ensino formulará unha serie de propostas de mellora do texto da convocatoria, dentro da reducida marxe de manobra que deixa o RD estatal. O proceso que agora remata a súa fase de negociación evidencia que tanto o marco legal como as mentiras e intoxicacións que venderon ao colectivo de profesorado interino a consecución da fixeza polo mero feito de ter traballado durante anos no ensino público, seguen a provocar confusión e, con certeza, frustración nun xogo de vender fume no que a CIG-Ensino nin entrou nin entrará nunca.

Accede a toda a información do proceso de negociación, con todos os temas xa negociados, tanto a nivel estatal como galego, cando estamos ás portas do último paso coa convocatoria da Mesa para centrarse no texto da orde do concurso excepcional.

 BAREMO DO CONCURSO EXCEPCIONAL (2022) E DO CONCURSO OPOSICIÓN EXTRAORDINARIO (2023).

  • A Negociación tivo lugar na Mesa Docente estatal xa que, ao sermos un corpo dese ámbito, é o Ministerio quen ten a competencia para fixar o baremo.A negociación pechouse en decembro de 2021, sen o apoio da CIG-Ensino.
  • A de decembro foi a única reunión para negociar o baremo. Nos días seguintes, o MEFP remitiu un novo texto con cambios recollidos logo de aceptar tan só algunhas propostas sindicais, nalgún caso da CIG-Ensino.
  • Con posterioridade só houbo unha reunión (14 de xuño de 2022) para introducir un cambio relacionado coa puntuación de idiomas estranxeiros e no que a CIG-Ensino reiterou a súa alternativa ao baremo xeral; algo que volvemos facer na mesa do 26 de xullo e volvemos a incidir novamente o 22 de setembro na improcedencia dun baremo que limita o peso da antigüidade a menos do 50% da puntuación total (7 de 15 puntos), algo que para a CIG-Ensino non responde ao espírito dun proceso de estabilización. O MEFP nunca aceptou reabrir o baremo que deu por pechado tras a súa publicación no BOE.

NEGOCIACIÓN DA OFERTA DE EMPREGO E DO REPARTO DE PRAZAS POS ESPECIALIDADES

Esta negociación, con consultas e reunións previas con responsábeis da Consellaría, desenvolveuse formalmente en dúas Mesas Sectoriais:

Podes acceder a un resumo permanente de toda a información sobre os procesos de estabilización nesta sección especial da nosa web: ligazón