A mercantilización da democracia

Juan Hernández Zubizarreta e Pedro Ramiro - 27 Dec 2017

As regras de comercio e investimentos elabóranse fóra do control parlamentario e moi afastadas da cidadanía. As decisións tómanse ás costas das maiorías sociais e á marxe dos procedementos parlamentarios, “secuestrando” os textos en discusión mesmo aos representantes públicos

A fonda crise normativa na que estamos converteuse nun campo máis de experimentación onde transformar o Dereito nunha armadura xurídica de dominación, pasando a formar parte -de xeito expreso e con funcionamento autónomo- do conxunto de mecanismos de opresión das maiorías sociais. A mercantilización da democracia é unha das súas expresións máis preocupantes.

 Coa crise económica e financeira que se iniciou en 2008 foise consolidando esa tendencia pola que os gobernos deben acatar “normas inviolábeis” que subtraen as regras do mercado ao control da democracia representativa. Trátase de aprobar e constitucionalizar unha serie de límites non negociábeis pola soberanía popular. E así semella que a democracia se converte nun procedemento de designación de gobernantes, as decisións dos cales quedan constrinxidas por unha armadura xurídica infranqueábel á marxe da alternancia electoral. Son normas que permiten ao mercado actuar sen límites e garantir a acumulación de riqueza por parte das grandes corporacións transnacionai. Non podemos esquecer que, á fin e ao cabo, as constitucións son “mecanismos estabilizadores” que formalizan xuridicamente as relacións de forza no combate socio-político.

 Desde esta perspectiva, as normas privadas pasan a situarse na cúspide da pirámide normativa. E convértense nunha “constitución económica” que se impón -na maioría das ocasións sen ningunha oposición dos gobernos- aos poderes executivo e lexislativo, sometendo a soberanía popular ao sistema económico capitalista. Pola súa banda, o poder xudicial queda vinculado á simple interpretación desa sacrosanta constitución económica. Como afirman Laval e Dardot, substitúese o goberno das persoas polo goberno das leis privadas.

 Esta constitución económica, iso si, non está formalizada en ningún texto xurídico. É unha suma de normas, disposicións, decisións, pactos, tratados, resolucións xudiciais, plans, recomendacións, rescates, débedas soberanas, indicadores risco-país, tratados comerciais e acordos de investimento, laudos arbitrais, etc. Todos eles entrelazados, “amontoados” e superpostos, de forma que desaxustan as regras da xerarquía normativa, o imperio da lei e o Estado de Dereito.

 Da reforma do artigo 135 da constitución española ata a aprobación do CETA, pasando polo acordo comercial entre a Unión Europea e Xapón que se anunciou hai uns días, trátase de normas que se subtraen á democracia e aos dereitos das maiorías sociais. Un novo marco institucional que fortalece o mercado, a propiedade privada, a privatización e a desregulación dos dereitos sociais. E que se vincula, á vez, con accións públicas que incorporan á armadura xurídica de dominación a estabilidade monetaria, o control da inflación, a austeridad fiscal, o non endebedamento, a “independencia” dos bancos centrais, o pagamento da débeda… Normas privadas constitucionalizadas que todo o mundo debe obedecer, á marxe dos vaivéns da democracia representativa. O que resulta novo é que se formaliza constitucionalmente a protección dos intereses das clases dominantes e que se disciplina a soberanía popular ás regras de dereito privado.

 Esta é unha tendencia que vén fraguándose desde hai anos e que o modelo neoliberal foi desenvolvedo aos poucos. Sería moi interesante dispoñer dunha análise detallada sobre os límites que as armaduras xurídicas globais herdadas polos gobernos progresistas en América Latina supuxeron para o exercicio das políticas públicas a favor das maiorías sociais, xa que nos podería dar moita luz respecto das dificultades que implica poñer en práctica a vontade popular. En calquera caso, a Unión Europea é un exemplo paradigmático nesta liña. Lembremos aquelas palabras de Juncker hai tres anos cando dixo que non se poderían celebrar eleccións que contraviñesen os tratados europeos.

 Esta afirmación implica limitar os cambios substanciais que poida xerar a alternancia electoral e, ao mesmo tempo, consolidar de facto as regras económicas por riba das normas que protexen os dereitos humanos e socioambientais que tamén forman parte dos mesmos tratados. E como nos demostra a experiencia recente de Grecia, representa unha ameaza latente para toda opción política que pretenda modificar os intereses corporativos constitucionalizados. Que papel xogaron a Carta Europa de Dereitos Fundamentais da UE ou a Convención Europea de Dereitos Humanos nas decisións que a troika impuxo ao pobo grego que, por certo, exercera a súa soberanía por medio dun referendo democrático? Absolutamente ningún.

 Ademais, a proposta das institucións comunitarias e da maioría dos gobernos membros da Unión incide na necesidade de filtrar a vontade das maiorías ao exercicio “responsábel” da política dos gobernantes, que deben axustar a soberanía popular ás regras privadas de carácter económico que consolidan a armadura xurídica de dominación. A aprobación da reforma constitucional exprés para limitar o déficit público do goberno Zapatero é novamente un exemplo paradigmático respecto diso.

 A privatización das normas xurídicas está deslocando os núcleos centrais e garantistas do Dereito. Así, o “dereito oficial” perde a súa centralidade e desestrutúrase ao coexistir con outro dereito non oficial ditado por diversos lexisladores -non democráticos, como o Banco Mundial, o FMI, a OMC, o Banco Central Europeo, etc.- no ámbito da globalización neoliberal. A iso hai que engadir a “contractualización” da lei e das relacións económicas, o que provoca a anulación dos procedementos lexislativos, a deslocación da separación de poderes e a mutilación da soberanía dos pobos e nacións. Deste xeito, vanse suprimindo as normas parlamentarias xerais e substitúense por sistemas contractuais asimétricos ou de adhesión, moi especializados, fragmentados e dunha altísima complexidade técnica. Todos eles, atravesados polas relacións de poder que impoñen as clases dominantes.

 Como colofón, os acordos e tratados de comercio e investimentos van privatizando o poder xudicial mediante os tribunais arbitrais. Igualmente, van “administrativizando” o poder lexislativo, subordinándoo a institucións e procedementos que afondan na libre competencia e na mercantilización de todas e cada unha das esferas do sector público e o interese xeral.

 A fraxilidade dos mecanismos de control, a irresponsabilidade dos poderes públicos, a substitución de institucións democráticas por institucións tecnocráticas e a aprobación de técnicas e procedementos que avalían os dereitos en función da súa eficacia económica, ademais, provocan que as lexislacións se impregnen de escuridade e “confusión democrática”. O segredo e a opacidade son elementos constituíntes do novo Dereito Corporativo Global e forman parte do seu metabolismo funcional. De feito, as regras de comercio e investimentos elabóranse fóra do control parlamentario e moi afastadas da cidadanía. Case nunca se coñecen os negociadores concretos, os criterios utilizados, as decisións adoptadas… e envólvese todo o procedemento de valoracións técnicas que “necesitan da confianza” e “discreción entre os negociadores”. As decisións tómanse ás costas das maiorías sociais e á marxe dos procedementos parlamentarios, “secuestrando” os textos en discusión mesmo aos representantes públicos.

 Todo iso vai afastando á cidadanía do control dos centros reais de poder, consolidando mecanismos autoritarios e debilitando a lexitimidade das institucións representativas. E é que a privatización das normas xurídicas e a mercantilización da democracia están provocando que os dereitos humanos sexan expulsados do imaxinario colectivo e que se estea procedendo a unha reconfiguración de quen son suxeitos de dereito e quen queda fóra da categoría de seres humanos. O que nos conduce a unha nova etapa na descomposición do sistema internacional dos dereitos humanos: as normas privadas están desprazando os dereitos humanos, protexendo a “seguridade xurídica” duns poucos fronte aos intereses da maior parte da poboación.

 Fronte á hexemonía do proxecto neoliberal, os movementos sociais e as comunidades en resistencia temos o reto de deseñar novas formas de participación para todas aquelas persoas que viven nas marxes do modelo político e económico. E iso require, de entrada, reconstruír a democracia e os dereitos humanos desde abaixo e para as de abaixo.

 

[Artigo tirado do sitio web OMAL, do 20 de decembro de 2017]