A memoria de Moncho Reboiras, “semente de vencer”, protagoniza os actos do 51 aniversario do seu asasinato
Dodro acollerá este mércores, 12 de agosto, unha Ofrenda Floral, ás 12:00 horas, no cemiterio de Imo e o concello entregará á súa familia o título de “fillo predilecto”, ás 13:00 horas na Eira da Lavandeira
A memoria de Xosé Ramón “Moncho” Reboiras Noia foi protagonista, ao longo da xornada de hoxe dos actos organizados con motivo do 51 aniversario do seu asasinato pola policía franquista. Fene e Compostela acolleron dúas homenaxes nas que se reivindicou a vixencia do seu legado político, sindical e nacionalista e se denunciaron os ataques do Partido Popular contra a súa memoria.
Os actos están promovidos pola Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Terra e Tempo e a Fundación Galiza Sempre, xunto cos concellos de Fene e Dodro e a Comisión Organizadora dos actos conmemorativos do 50 aniversario do seu asasinato.
A xornada comezou en Fene, ás 13.00 horas, coa inauguración dun monólito dedicado a Reboiras no Paseo Marítimo de San Valentín. No acto interviñeron Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras; Francisco Rodríguez, presidente da Fundación Terra e Tempo; e a alcaldesa de Fene, Sandra Permui.
En nome da Comisión Organizadora, Seixo agradeceu especialmente ao Goberno municipal de Fene e á súa alcaldesa a súa “sensibilidade democrática” e solidariedade coa figura de Moncho Reboiras e, por extensión, con todas as galegas e galegos vítimas da ditadura franquista.
Xunto a isto, salientou a especial relevancia da instalación do monólito nesta localización por tres razóns: pola súa proximidade ao lugar onde Reboiras foi asasinado en 1975 pola policía franquista; pola importancia da comarca para o traballo político e sindical que desenvolvían Reboiras e outros compañeiros, ao ser un dos principais centros industriais da Galiza; e porque no Concello de Ferrol, onde foi asasinado, o Goberno municipal do PP boicoteou a posibilidade de instalar tamén un monólito ou estatua na súa memoria.
Antes de dar paso ás intervencións de Francisco Rodríguez e Sandra Permui, Seixo felicitou o autor da obra, Xoán Carlos Porto, polo traballo realizado e explicou as características e o contido da estatua, que contribúen a comprender e valorar a peza.
Reivindicación, reafirmación e combate
Pola tarde, a homenaxe trasladouse a Compostela, onde a Carreira do Conde acolleu un acto coa participación do historiador e profesor da UDC Uxío-Breogán Diéguez, da profesora de Historia xubilada Encarna Otero, do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e do concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César Vila.
Carril centrou a súa intervención no lema “A semente de vencer”, co que a UPG popularizou o asasinato de Reboiras, vinculándoo coa expresión de Castelao “non enterran cadáveres, enterran semente”. Para o secretario xeral da CIG, a “semente de vencer” representa a resposta colectiva fronte ao intento de asasinar fisicamente a Moncho e, ao tempo, de destruír o ideario do movemento nacionalista galego e a reivindicación dunha “Galiza ceive e sen explotación”.
Nese sentido, subliñou que “hoxe, no 2026, comprobamos que non conseguiron, nin xamais o conseguirán porque non lle imos permitir, enterrar a vontade do pobo galego na loita polo seu dereito a existir, a ser e vivir como nación soberana”, afirmou.
Carril situou a continuidade dese legado no tecido social e político construído ao longo destas décadas e na capacidade de organización e autoorganización do pobo galego. Neste proceso de acumulación de forzas, destacou tamén o papel da CIG como resultado do traballo iniciado por Reboiras. “O sindicalismo nacionalista, a CIG, representamos e somos un dos resultados deste convencemento e traballo incansábel que comezou Moncho Reboiras”, dixo.
Salientou que 51 anos despois a CIG é a primeira forza sindical en representación, afiliación e capacidade de mobilización. Unha realidade “impensábel nos anos 70” e que considerou unha expresión da continuidade dese traballo.
Por iso, o secretario xeral da CIG reclamou que os actos deste ano sexan “máis que actos de homenaxe, actos de reivindicación, de reafirmación pero tamén, e dígoo de forma aberta e desacomplexada, deben ser actos de combate”, especialmente ante os ataques do PP á memoria de Reboiras.
O PP na súa auténtica versión española e franquista
Carril denunciou que o actual PP galego, con Rueda á cabeza, pretende retirar estatuas, bustos e monólitos levantados na súa memoria, e cualificou esta posición como “a versión do PP máis auténtica: a descaradamente española e franquista”. Lembrou, ademais, que Reboiras foi recoñecido como vítima da ditadura en agosto de 2009, en aplicación da Lei de Memoria Histórica. E advertiu que “pensa o PP que imos recuar fronte aos seus ataques e que imos renunciar a defender a memoria dun patriota galego, dunha vítima do franquismo.”
Fronte a iso advertiu que “se o PP quere enterrar cadáveres e acabar coa semente de vencer, desde o nacionalismo galego responderemos como sempre, coas nosas profundas conviccións democráticas e co noso firme e inquebrantábel obxectivo de conquistar unha Galiza ceive e soberana”.
O secretario xeral da CIG pechou a súa intervención reivindicando a plena vixencia do pensamento e da acción de Moncho Reboiras e chamando a continuar o seu compromiso e traballo, facendo da organización e da mobilización ferramentas para avanzar na conquista de dereitos e na construción de poder popular, para “avanzar no proceso de liberación nacional e social. Unha loita na que considerou que deben participar todas as persoas que viven na Galiza, porque “está en xogo que poidamos vivir e traballar dignamente na nosa terra todas as persoas galegas de nacemento ou de orixe migrante que veñen ao noso país a facer a súa vida”.