A Marcha Mundial das Mulleres convoca mobilizacións en demanda de “Aborto para todas”

Lanza unha campaña nacional pola derrogación da modificación lexislativa feita polo PP en 2015
Nacional - 11 Set 2018

A Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres vén de lanzar unha campaña nacional, baixo o lema “Aborto para todas”, en demanda da derrogación da modificación lexislativa aprobada polo PP en 2015, pola que se obriga ás mulleres de 16 e 17 anos a contar co consentimento paterno/materno para abortar. A CIG, que fai parte da MMM, chama a participar nas mobilizacións convocadas con este motivo en diversas cidades e vilas galegas o vindeiro 28 de setembro.

A MMM quere recuperar, este 28 de setembro, “o aborto libre, gratuíto e na seguridade social para todas logo do paso atrás dado no 2015” e demandar que a Xunta de Galiza asuma as súas competencias e garanta: 

* Educación afectivo sexual obrigatoria no currículo escolar. Lembra a este respecto que na actualidade existe, en primeiro da ESO, unha materia de libre configuración cunha hora lectiva á semana e agora unha nova materia de libre configuración para primeiro de bacharelato.

Porén, subliña que o único que se cursa de xeito obrigatorio é Bioloxía e Xeoloxía en terceiro da ESO onde se explica a reprodución humana mas sen contido específico sobre dereitos sexuais e reprodutivos.

* Programas de divulgación e información sobre dereitos sexuais e reprodutivos a través dos CIMM. Sobre esta cuestión denuncia que hoxe “non existe ningunha liña nacional específica de traballo en relación á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, dereitos, maternidades, anticoncepción, etc e cada centro depende do persoal que o xestiona e do goberno local de turno para pór en marcha programas nesta materia. Ademais co decreto dos CIMM increméntase a poboación a atender polos mesmos e non se abren liñas de financiamento para novos programas/actividades”. 

* Acceso a anticonceptivos gratuítos nos Centros Quérote + que, coa chegada do PP, pasaron a dedicarse en exclusiva á educación sexual e asumiron temas como desordes alimentarios, drogodependencias, acoso e convivio, uso responsábel das novas tecnoloxías e condución responsábel, o que ao entender da MMM “minguou os tempos empregados para a educación afectivo sexual”.

Por iso reclaman que esta volva ser unha prioridade, así como o acceso a anticonceptivos, unha das funcións principais destes espazos. Mais cando alí onde as traballadoras destes Centros non manteñen o impulso de campañas e liñas de traballo en relación coa saúde sexual e reprodutiva, a identidade afectivo sexual e a anticoncepción estas campañas baixan a súa intensidade.

Mobilizacións

- Ourense, 20h Delegación de Educación (rúa Concello)

- Val Miñor, 20h Alameda da Ramallosa (Nigrán)

- A Coruña, 20h Obelisco

- Ferrol, 20h diante do Concello

- Vigo, 20h na Porta do Sol

- As Pontes, 19.30h na Praza do Hospital.