A man que abala o berce: O papel dos Estados Unidos na guerra en Ucraína

Jorge Elbaum - 31 Mar 2022

Para Washington, unha vitoria rusa plena implica o perigo dunha nova orde mundial cun eixe Moscova-Beijing. Despois de fabricar as condicións para a guerra, o Departamento de Estado concéntrase na necesidade de impoñer unha narrativa demonizadora de Putin, capaz de obviar o despregamento da OTAN e o xenocidio no Donbass

 O luns 7 de marzo as forzas militares rusas localizaron unha rede de seis laboratorios na zona do Donbass. As instalacións encontradas, algunhas parcialmente desmanteladas, corresponden a laboratorios de investigación militar xestionados por investigadores estadounidenses e ucraínos dn forma conxunta. Os documentos atopados nos laboratorios vincúlanse coa contratista Southern Research Institute, adscrita á Axencia de Redución de Ameazas de Defensa(DTRA), unha dependencia do Pentágono.

 Nunha investigación de 2018 sobre o desenvolvemento de armamento biotecnolóxico, titulada “As armas biolóxicas do Pentágono”, detállanse os contratos desa empresa co Ministerio de Defensa estadounidense para xeración e propagación de bioaxentes. Un día despois dos achados, a subsecretaria de Estado Vitoria Nuland aceptou a existencia deses laboratorios conxuntos e mostrouse alarmada ante a posibilidade de que as devanditas instalacións poidan ser utilizadas no futuro por Moscova.

 A tarefa conxunta de guerra biolóxica implementada con Kiev é parte dun programa desenvolvido por Washington para empoderar os sectores nacionalistas ucraínos e incitalos a unha confrontación con Rusia. Segundo a historiadora estadounidense Mary Elise Sarotte, autora de Nin unha polgada máis: Estados Unidos, Rusia e o estancamento da posguerra fría, o rexeitamento norteamericano á pacificación europea débese a que a cooperación en seguridade dentro dese continente foi vista por Wall Street e os think tanks estadounidenses como unha posibilidade certa de perda de influencia na rexión. Unha das fontes consultadas para a súa investigación -un importante funcionario do Departamento de Estado- manifestou que unha integración entre Rusia e Europa “sería perigosa(...) Se os europeos unen as súas forzas e constrúen un sistema de seguridade común, nós quedamos fóra e iso non é desexábel. Hai que fortalecer a OTAN para que iso non aconteza”.

 O 21 de novembro de 1990 celebrouse en París a Conferencia sobre a Seguridade e Cooperación en Europa(CSCE). Durante ese evento asinouse a Carta para a Seguridade Europea, subscrita polos Estados de Europa, Estados Unidos e Canadá. No apartado titulado “Relacións amigábeis entre estados participantes”, dicíase: “A seguridade é indivisíbel. A seguridade de cada un dos Estados participantes está inseparabelmente vinculada coa seguridade dos demais”. Tamén se advertía que os asinantes -entre os que se estaban Rusia, os integrantes da Unión Europea e Estados Unidos- “non fortalecerán a súa seguridade a expensas da seguridade doutros Estados”.

 Ese mesmo ano, oito meses antes do asinamento da Carta da Seguridade Europea, o daquela xefe do Departamento de Estado, James Baker, garantiulle a Mikhail Gorbachov que a Alemaña reunificada se convertería no último país en se integrar na OTAN: “Entendemos a necesidade de garantías para os países do Leste. Se temos presenza nunha Alemaña que é parte da OTAN, non habería extensión da xurisdición da OTAN para as forzas da OTAN, nin unha polgada cara ao leste”. O entón embaixador de Estados Unidos en Moscova Jack Matlock corroborou, tempo despois, que se lle outorgaron “garantías plenas” á Unión Soviética de que a OTAN non se expandiría cara ao leste.

 Os documentos oficiais desclasificados en 2017 polo goberno dos Estados Unidos, referidos aos compromisos asumidos ante Rusia, foron dixitalizados polo National Security Arquive. No informe detállase a listaxe dos funcionarios gobernamentais que se comprometeron nas dúas décadas posteriores á reunificación alemá a non expandirse militarmente cara ao Leste. Entre os citados aparecen o secretario de Estado norteamericano James Baker, o Presidente George Bush, o ministro de Exteriores alemán Hans-Dietrich Genscher, o chanceler Helmuth Kohl, o director da CIA Robert Gates, o Presidente francés François Mitterrand, a primeira ministra británica Margaret Thatcher e o seu sucesor John Major, o secretario de Exteriores de ambos, Douglas Hurd, e o secretario xeral da OTAN, Manfred Wörner.

 Un lustro máis tarde do establecemento deses compromisos leváronse a cabo as primeiras manobras militares conxuntas da OTAN con Ucraína. Mentres se realizaban os exercicios bélicos na fronteira de Rusia, o ministro de Exteriores británico, Malcom Rifkind, afirmaba que o verdadeiro obxectivo consistía en impedir que Rusia se consolidase como unha potencia similar á que foi a URSS medio século atrás. En 1999 integráronse nesa organización atlantista tres países: Polonia, Hungría e a República Checa. En 1996, cando se facía evidente o incumprimento dos compromisos asumidos por Washington e os países europeos, Gorbachov concedeu unha entrevista na que sinalou: “Hoxe pódense ignorar os intereses de Rusia, as súas críticas á ampliación [da OTAN], pero a debilidade de Rusia non será eterna. É que non se decatan para quen traballan con esa política? Se a OTAN avanza nesa dirección aquí haberá unha reacción”.

Advertencia e presaxios

 En 1997, George Kennan, un dos pensadores estadounidenses máis influentes da Guerra Fría, sinalou nunha entrevista no New York Times que “ampliar a OTAN sería o erro máis fatídico da política estadounidense en toda a era de posguerra fría”. Detallou ademais que a devandita expansión “inflamaría as tendencias nacionalistas e militaristas de Rusia” e que iso levaría a “restaurar o clima da Guerra Fría ás relacións este-oeste, e impulsará unha política exterior rusa en direccións oposta aos nosos intereses”.

 Un ano despois, ante a nova expansión da OTAN promovida por Bill Clinton en 1998, Kennan puntualizou que “isto é o inicio dunha nova Guerra Fría... penso que é un erro tráxico. Non hai ningunha razón para isto. Ninguén estaba ameazando a ninguén”. Algo similar opinou Henry Kissinger nun artigo que escribiu para o Washington Post en 2014: Ucraína “non debería de ser a avanzada de calquera contra o outro, debería de funcionar como unha ponte entre eles”. E recomendou: “Estados Unidos necesita evitar tratar a Rusia como un ente aberrante ao cal se lle teñen que aprender regras de conduta establecidas por Washington”.

 William Perry, o secretario de Defensa de Bill Clinton, declarou hai un lustro que Estados Unidos é o responsábel da deterioración nas relacións con Rusia. O actual xefe da CIA de Joe Biden, William Burns, advertiu nunha autobiografía, hai dous anos, que invitar a Ucraína á OTAN é percibido por todos os partidos políticos de Rusia como “nada menos que un reto directo aos intereses rusos”. Ted Galen Carpenter, especialista en relacións internacionais do conservador Cato Institute, sinalou en 2018 que os partidarios do atlantismo belicista desencadearan unha segunda Guerra Fría ao estenderse cara ao Leste: “Era completamente prognosticábel que a expansión da OTAN levaría a unha ruptura tráxica, posibelmente violenta, de relacións con Mosas advertencias foron ignoradas. Agora estamos pagando o prezo pola miopía e arrogancia da política exterior de Estados Unidos”.

 Dúas semanas atrás, cando Vladimir Putin ordenou a operación militar en Ucraína, o coronel Douglas McGregor, ex asesor de Seguridade do goberno de Donald Trump, asegurou que a decisión do Putin non só era previsíbel, senón xustificada, dado o acoso producido pola OTAN durante os últimos vinte anos. Todos os analistas internacionais e mesmo os encargados do seguimento xeopolítico militar sabían que a crecente ameaza da OTAN -xunto á persecución de rusofalantes en Ucraína_ garantía un conflito armado.

Unha esvástica por aí

 En febreiro de 2014 produciuse en Ucraína un Golpe de Estado na liña da revolución de cores promovida por diplomáticos de Estados Unidos, axencias de intelixencias e corporacións mediáticas.

 A revolución do Maidán tivo como protagonista a actual subsecretaria de Estado, Victoria Nuland, que en 2014 era a xefa para Asuntos Europeos do goberno de Barack Obama. Mentres se sucedían os disturbios en Kiev, filtrouse unha conversa telefónica de Nuland co daquela embaixador de Estados Unidos en Ucraína, Geoffrey Pyatt. Nese diálogo explicitábanse os tres obxectivos centrais da operación do Maidán: poñer a dedo os próximos dirixentes que se debían facer cargo do goberno ucraíno, impedir a continuidade dos vínculos pacíficos entre a Unión Europea e Rusia e dar azos aos sectores neonazis rusofóbicos. O historiador alemán Herwig Roggemann -un dos máximos cronistas dos acontecementos europeos contemporáneos- considerou que “aquela ‘vitoria’ occidental en Kiev, o Maidán de 2014, foi o maior fracaso da historia europea tras o histórico cambio de 1990”.

 Grazas á inxerencia e colaboración estadounidense, os grupos neonazis que lideraron a revolta do Maidán transformáronse en batallóns paramilitares. O banqueiro Ígor Kolomoiski, gobernador da rexión de Dnipropetrovsk, foi o primeiro en financiar os batallóns territoriais (terbats) Azov, Dnipro 1, Dnipro 2, Aidar e Donbass, encargados de acosar e asasinar a activistas de Lugansk e Donetsk que pretendían seguir falando o seu idioma. O informe de 2016 da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (OCHA) acusou o rexemento Azov de violar o dereito internacional humanitario.

 En xuño de 2015, tanto Canadá como Estados Unidos anunciaron -despois de adestrar os grupos paramilitares durante dous anos- que as súas forzas non apoiarían máis ao rexemento Azov, dadas as súas tendencias neonazis. En 2016 o Pentágono desoíu as recomendacións dos organismos de dereitos humanos, que facían seguimento do Donbass, e levantou a prohibición. Dous anos despois, en outubro de 2019, 40 membros do Congreso dos Estados Unidos, encabezados polo representante Max Rose, asinaron sen éxito unha carta na que pedían ao Departamento de Estado a consideración de Azov como unha “organización terrorista estranxeira” (FTO, polas súas siglas en inglés).

 O logotipo do grupo -que foi premiado coa incorporación oficial á Garda Nacional ucraína- exhibe o Wolfsangel, un dos símbolos utilizados polo exército nazi durante a Segunda Guerra Mundial. Segundo o oficial retirado da Axencia Central de Intelixencia (CIA), Philip Giraldi, o adestramento destes grupos por parte de instrutores estadounidenses empoderou os sectores máis rusofóbicos e xerou a resposta de Moscú: os signos hitleristas son as distintivos que os rusos non poden soportar.

 O primeiro acordo de Minsk, asinado o 5 de setembro de 2014, garantía a autonomía para os habitantes do Leste ucraíno. Foi referendado por representantes de Ucraína, a Federación Rusa, a República Popular de Donetsk (DNR) e a República Popular de Lugansk (LNR). Tres meses despois, o 2 de decembro, o parlamento ucraíno modificou unilateralmente a “lei sobre o estatuto especial” estipulado no protocolo. Segundo a revista estadounidense Army Times, o Comando de Operacións Especiais dos Estados Unidos traballou desde 2014, de forma oculta, para desenvolver un concepto operativo militar en conxunto coas forzas armadas de Kiev.

 O 1º de setembro de 2020 prohibiuse por lei o uso de calquera outra lingua que non sexa o ucraíno na administración, nos servizos públicos e no ensino. Malia que o 20% da poboación non fala ucraíno, as escolas onde se ensinaba ruso e húngaro foron pechadas. Un ano despois, o 21 de xullo de 2021, o actual Presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, promulgou a Lei sobre os Pobos Autóctonos, na que se estipula que só os ucraínos de orixe escandinava, os de orixe tártara e os caraitas teñen “dereito a gozar plenamente de todos os Dereitos Humanos e de todas as liberdades fundamentais”. Ante a demanda dos rusofalantes de por que non posuían os mesmos dereitos cidadáns, o ministro de Asuntos Exteriores de Ucraína, Dmitri Kuleba, aduciu que “teñen un estado propio [pola Federación Rusa] polo que non poden se considerar autóctonos”.

Cerco e contención

 A promulgación da Lei dos Pobos Autóctonos aprobouse mentres se levaba a cabo a cimeira da OTAN en Budapest, onde Estados Unidos propuxo sumar a Ucraína. Os dous temas centrais de debate foron “as políticas e accións agresivas de Rusia” e “os desafíos que xera a República Popular de China” á seguridade dos países do organismo. A fins de 2021 Joe Biden promulgou a Lei de Autorización da Defensa Nacional de 2022, na que se afonda na “teoría do cerco e a contención” de todos os países que non aceptan o liderado de Washington. No documento déixase claro que só abonda -para ser considerado agresor ou inimigo- coa vontade dun país para defender as súas fronteiras, a súa identidade, a súa seguridade territorial e/ou a súa soberanía.

 Os catro obxectivos actuais de Estados Unidos en Eurasia son:

 - Demonizar a Rusia e a China para evitar o seu ascenso como potencias;

 - Xerar malestar interno nos devanditos países para impedir a súa consolidación como potencias;

 - Separar a Rusia da Unión Europea tanto en termos comerciais como enerxéticos e suplir a Moscova como fornecedor de gas, en formato licuado; e

 - Despregar unha nova carreira armamentista orientada a revitalizar a economía atlantista.

 Rusia é na actualidade o segundo produtor de hidrocarburos do planeta. O 40% do gas que consome Europa chega por gasodutos xestionados por Gazprom. O gas licuado -que Washington pretende exportar para suplir as exportacións rusas- custaba 8 dólares o millón de BTU o ano pasado, e hoxe cotiza a 55 dólares. Europa sumouse á ofensiva de Washington e prepárase para un duro inverno despois de conxelar o proxecto do gasoduto Nord Stream II.

 Washington séntese parcialmente vitoriosa porque arrastrou a Unión Europea cara á rusofobia. Agora necesita que Rusia perda a guerra en forma de desprestixio e descrédito. Mentres aguilloan os ucraínos a resistiren fronte a un dos exércitos máis poderosos do planeta, proxectan a venda de armas e a futura reconstrución de Ucraína. Para Washington, unha vitoria rusa plena implica o perigo dunha nova orde mundial cun eixe Moscova-Beijing. Despois de fabricar as condicións para a guerra, o Departamento de Estado concéntrase na necesidade de impoñer unha narrativa demonizadora de Putin, capaz de obviar o despregamento da OTAN e o xenocidio no Donbass.

 A súa credibilidade, porén, quedou exposta o último 5 de marzo cando funcionarios de Biden visitaron Caracas para tramitar a compra de petróleo con quen descoñecen como Presidente, Nicolás Maduro. Como sinalou o marxista da tendencia Groucho: “Estes son os meus principios, e se non lle gustan, teño outros”.

 

[Artigo tirado do sitio web arxentino El cohete a la luna, do 13 de marzo de 2022]