A maioría do comité de ZF Dalphimetal Vigo convoca unha manifestación contra a precarización do convenio
A maioría do comité de empresa de ZF Dalphimetal Vigo (CIG, UGT e CUT) ten convocada unha manifestación este luns 6 de xuño no polígono industrial do Caramuxo ás 13:00 horas para rexeitar os intentos da compañía de precarizar o convenio colectivo. Dende a representación sindical chaman os preto de 500 traballadores/as da firma do sector da automoción a participar na mobilización “en sinal de protesta ante a actitude da dirección”.
A proposta de convenio de Dalphimetal para 2020-2023 é “total e absolutamente precaria” en materia salarial e suporía afondar na perda de poder adquisitivo “que vimos arrastrando de convenios anteriores”. A empresa pretende un incremento total entre 2020 e 2023 do 6,5% (0%, 1,5%, 2%, 3%) que non se aplicaría en todos os conceptos, ademais de non contemplar revisión co IPC real. “Considerando que a previsión do IPC para ese período é, de momento, dun 12,07%, a proposta da dirección suporía unha perda de poder adquisitivo para eses anos dun 5,57% como mínimo”.
A proposta da dirección suporía unha perda de poder adquisitivo dun 5,57% como mínimo
Diante disto, a maioría do comité de empresa considera “inaceptábel” a proposta e anuncia que non abandonarán as “xustas e dignas” reivindicacións que tres centrais sindicais achegaron durante toda a negociación para manter o poder adquisitivo e para eliminar a fenda salarial existente. “Lonxe de eliminar esas diferencias, a proposta da empresa crearía novas diferenzas entre o cadro de persoal ao propoñer que un complemento se aplique de maneira porcentual en base á antigüidade, creando traballadores/as de primeira, de segunda e de terceira”.
Ao mesmo tempo, consideran que a empresa estivo “tomándolle o pelo” tanto ao comité como aos traballadores/as “dilatando” o proceso negociador, “xogando o gato e o rato”, e utilizando a estratexia do “desgaste” para intentar conseguir que o persoal e a representación sindical “se rendan” e acepten sen máis o que lle ofrecen a pesar de ser “unha esmola”.
Como exemplo citan o feito de que a suba de soldos proposta para 2021 sexa do 1,5% no salario base, xustificando a empresa que é o límite máximo que pode ofrecer. “Sen embargo, lemos na prensa que o cadro de persoal de Friedrichshafen (Alemaña) recibiu un bonus especial coronavirus de 1100 euros (que se podería traducir nunha subida dun 4% para un salario bruto de persoal directo de fabricación)”.
Imposición fronte a negociación
Comentan tamén que dende finais de xaneiro, e tras varias mobilizacións, a proposta económica da empresa mantívose inalterábel a pesar de que se celebraron até seis reunións posteriores. “A única lectura é que a postura da empresa está lonxe de ser unha negociación; a isto chámaselle imposición, e para nada se pode considerar que actúa de boa fe”.
Por outra banda, e tal e como se abordou na asemblea de traballadores/as celebrada o pasado 21 de maio, dende a representación sindical denuncian que a pesar de que historicamente a empresa sempre sempre se mostrara disposta a negociar, “dun tempo a esta parte non existe xa esa dinámica de diálogo e negociación, nin no que respecta ao convenio nin ao plan de igualdade, do que levamos sen resposta dende decembro; nin o teletraballo, medida conciliadora que se implantou en todas as localizacións de ZF a nivel mundial, excepto aquí, onde o tema foi zanxado cun “es obligatorio la vuelta al trabajo presencial al 100%”.
Finalmente, entenden que tendo en conta que tanto a fábrica de produción como o centro de desenvolvemento de Vigo son “unha referencia” dentro do grupo ZF “a dirección debera darlle ao traballo que desenvolve o persoal vigués “o valor e respecto que por xustiza e dignidade merece”.