A maioría do comité de Ecourense decide desconvocar a folga en contra do mandato da asemblea de persoas traballadoras

A CIG considera unha “traizón” o acordo “precociñado” entre o Concello, a empresa e os sindicatos STL, CCOO, CGT, USO e UGT
Ourense - 28 Feb 2025

A maioría do comité de empresa de Ecourense, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Ourense, decidiu hoxe desconvocar a folga indefinida en contra do mandato da asemblea de persoas traballadoras, que onte se expresara de xeito maioritario en contra da última proposta do Goberno local e da compañía. Dende a CIG cualifican de “traizón” un acordo “precociñado” entre o Concello, a empresa e os sindicatos STL, CCOO, CGT, USO e UGT que só garante a suba salarial do ano 2024.

O inicio do paro indefinido para reclamar un convenio colectivo digno estaba fixado para as 6:00 horas deste sábado, e seguía en pé despois de que arredor do 75% do persoal de Ecourense así o acordara na asemblea celebrada onte ao rexeitar a última proposta conxunta do Concello e da empresa. 

A CIG advirte de que se trata dun "acordo trampa" que só garante a suba salarial do ano 2024

Mais o comité de folga foi convocado a primeira hora de hoxe polo alcalde a participar nunha mediación, “na que para a nosa sorpresa tamén se presentou o xerente de Ecourense cun documento redactado que foi asinado como acordo definitivo polos sindicatos STL, CCOO, CGT, USO e UGT, que suman 5 representantes no comité, fronte aos 4 que ten a CIG”, explica o secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo.

Para o responsábel sindical non hai dúbida de que o acordo foi “precociñado” entre o Goberno local, a empresa e os cinco sindicatos non só de costas á central maioritaria no comité -a CIG- senón á propia asemblea de persoas traballadoras. “Teño visto traizóns e vendidas sindicais moitas veces, pero que haxa un acordo expreso dunha asemblea e que ao día seguinte se vulnere deste xeito non ten nome”, denuncia Pérez Carballo.

Acordo trampa

Ademais advirte de que se trata dun “acordo trampa”, tendo en conta que só garante o incremento salarial de 2024 (en base ao IPC do ano anterior). “A proposta da parte social era que se o convenio se estendía tamén a 2025, 2026 e 2027, ademais dos aumentos salariais conforme ao IPC que foi o que asinaron, tería que haber unha mellora dos trienios de antigüidade (conxelados dende hai tempo) e da xornada laboral (no sentido de ir eliminando os dous sábados que ten que traballar cada mes todo o persoal)”.

Pero o que se fixo foi asinar un acordo para 2024, e un preacordo para os restantes anos que se transformaría en acordo definitivo antes do 30 de xuño. “Esa é a clave, porque está previsto que en breve se publiquen os pregos de condicións do novo concurso de adxudicación do servizo e é moi factíbel que antes do 30 de xuño se faga cargo do servizo outra empresa; de xeito que pode dicir con toda a razón do mundo que non se sinte vinculada con ese preacordo porque non participou del e non o asinou”.

Para o máximo responsábel da CIG de Ourense isto condenaría o persoal a quedar sen convenio colectivo e a ter que volver a comezar “dende cero” o proceso de negociación. “Porque non hai seguridade xurídica algunha de que o preacordo poida ter validez”, lamenta.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.