A maioría da representación sindical vota contra a RPT do Concello de Monforte
A representación de CIG, CCOO e CSIF no Concello de Monforte votou en contra da Relación de Postos de Traballo proposta polo Goberno municipal, tanto pola insuficiencia do documento para dar resposta ás necesidades do persoal e da administración local como pola falta de negociación real.
A maioría das organizacións sindicais (tres das catro presentes na Mesa Xeral de Negociación e que representan a oito de cada dez traballadoras e traballadores do Concello) emitiron un comunicado conxunto no que denuncian unha negociación "que naceu viciada" xa que dende o principio a administración "xogou co proceso negociador", negando o estabelecemento dun calendario e dun proceso claro para afrontar a elaboración da RPT.
Lembran que a primeira xuntanza, que ía ser a única, tivo lugar o 5 de outubro, e só foi tras da denuncia pública nos medios de comunicación feita polas tres centrais sindicais, que o Goberno municipal convocou outra reunión, "de urxencia para o día 10 e logo para o 17, sen que se aclare que se vai negociar e pretendendo crear rebumbio".
Critican que por parte do Goberno non se admite practicamente ningunha proposta da representación do persoal. De feito, apuntan que, "non hai unha modificación do 1% do documento inicial, o que demostra a nula vontade negociadora".
Neste senso, lamentan que non se realizou un proceso de negociación real, senón que se "foi a saltos en función da presión sindical", incumprindo as fases e o plan elaborado polo propio Concello e colgado na súa páxina web, no que se contempla un período de tres meses para a fase de negociación.
Eivas nos aspectos retributivos, de organización e funcións dos postos
Alén das eivas na negociación, indican que a RTP non contempla outros aspectos relevantes como a eliminación do Complemento Persoal Transitorio (CPT), "o que significa unha perda do poder adquisitivo das e dos afectados, que son o 10% das e dos traballadores do Concello"; ou cuestións relativas á organización e funcións dos postos.
Como exemplo, indican que non se recoñecen a atención ao público e a responsabilidade, "o que conlevará unha serie de consecuencias negativas para o desenvolvemento do traballo diario e repercutirá na calidade da atención que se presta á cidadanía".
"Desestímanse todas as propostas elaboradas polas organizacións sindicais, para grupos completos, xa que en boca dos representantes do Concello 'todo está ben valorado", denuncian.
O Goberno levará o documento á sesión plenaria
Por isto, a representación de CIG, CCOO e CSIF engaden que as RPT "non deben ser documentos dos equipos de goberno, porque de ser así, exclúen ás organizacións sindicais e polo tanto ao persoal, recoñecéndose a ausencia de negociación".
A pesar do voto en contra das tres centrais sindicais, o equipo de goberno, en base á capacidade auto-organizativa da administración, levará o documento ao pleno municipal para a súa aprobación e inmediata implantación.