A lóxica do conflito xeopolítico
China e Rusia foron definidos polo goberno norteamericano como os principais inimigos do país. Por unha banda, ambos concentran recursos de importancia estratéxica para o mundo: desde compoñentes, ás terras raras, o cobalto, o litio e o uranio. Doutra banda, estes dous países concentran a produción de dous bens centrais a todas as cadeas de valor global: os produtos enerxéticos no caso de Rusia, e os semicondutores no caso de China
A guerra en Ucraína entra no seu segundo ano e a espesa trama de intereses que articulan a economía coa política no ámbito global sae paulatinamente á luz. A posibilidade dunha derrota das tropas de Ucraína antes da primavera e o impacto mundial das sancións contra Rusia inauguraron unha nova era, na que a política exterior norteamericana navega escalando os conflitos entre potencias nucleares. Isto sitúa o mundo ao pé do abismo e, paradoxalmente, contribúe a descubrir os fíos que subxacen aos conflitos internacionais, entrelazados ao redor da concentración en moi poucas mans do poder, a riqueza e os recursos estratéxicos; un pano de fondo que subverte os consensos e valores máis básicos sobre os que se asenta a vida social.
Desde tempos inmemoriais, a acumulación ilimitada de poder económico e político levou á autodestrución da vida en comunidade, mais tamén aos grandes cambios sociais. Hoxe esta trama ameaza a continuidade da vida no planeta. A pesar diso, o control monopólico da información asegura impunidade e logra que moi poucos se decaten da gravidade do momento actual. Os acontecementos vividos a semana pasada parecen condensar a irracionalidade, o hubris [desmesura] e a enorme impunidade da que gozan as elites nos países centrais de Occidente. Isto calcina os valores que desde hai séculos caracterizan a civilización occidental e desestabiliza as institucións políticas. Pero, con todo, tamén bota as sementes da transformación da orde estabelecida.
Os recentes discursos dos principais representantes de Estados Unidos e Europa na Conferencia de Seguridade de Múnic non achegaron nada novo a unha narrativa oficial centrada en demonizar o Presidente ruso, Vladimir Putin, e explicar a guerra en Ucraína como o produto da súa perfidia e os seus desexos imperiais. Tampouco conseguiron facer crer que esta invasión ameaza o mundo enteiro[1]. No seu lugar, os representantes do Sur Global presentes na cidade alemá reafirmaron a neutralidade e a necesidade de “construír a posibilidade dunha solución negociada” que termine co impacto desta guerra sobre a economía global e especialmente sobre os países periféricos[2]. Neste contexto, o secretario de Estado norteamericano, Antony Blinken, deu unha volta de parafuso ao enfrontamento con China, anunciando que este país “estaría a planear” o envío de armas a Rusia. Sen presentar proba ningunha, advertiu que, se isto ocorre, China “terá serias consecuencias”[3]. Pola súa banda, o Presidente de Ucraína, Volodimir Zelesnky, precisou que “detonará a Terceira Guerra Mundial”. Entrementres, e logo de pedir e obter o permiso ruso para a visita do Presidente de Estados Unidos, Joe Biden, a Kiev e a Polonia[4], o goberno norteamericano buscou reafirmar o relato oficial, sinalando con clareza que a loita entre un Occidente que persegue a luz e o Ben da humanidade e un Putin que encarna as sombras do Mal.
Wang Yi, principal representante diplomático chinés, aclarou ante a Conferencia que o seu país endexamais aceptará intromisións na súa soberanía nacional e na súa relación con Rusia e pediu aos “queridos amigos europeos” que “reflexionen con calma” sobre a necesidade de atopar unha solución negociada que impida que o conflito escale fóra de control[5]. O venres, o goberno chinés expresou que as partes involucradas na guerra en Ucraína se deben rexer pola Carta de Nacións Unidas e cominou os mandatarios “a seren racionais” e deixar atrás a “mentalidade da Guerra Fría (…) e o abuso unilateral de sancións”. Así mesmo, cuestionou o envío continuo de armamentos a Ucraína e a “unha seguridade rexional (…) garantida a través do fortalecemento e a expansión de bloques militares”[6]. Ademais, apelou á negociación como única vía para impedir o descontrol do conflito e como medio de salvagardar os “lexítimos intereses de seguridade”, a soberanía nacional e a integridade territorial. O departamento de Estado norteamericano considerou que o documento “non contribúe á paz na rexión”[7].
Días atrás, Putin deu un paso decisivo na súa relación coa OTAN e o goberno norteamericano[8]: anunciou o despregamento de novo armamento nuclear listo para o combate; suspendeu a participación rusa no acordo de non proliferación de armas nucleares (START), que vence o ano que vén, e advertiu que, se os Estados Unidos inician probas nucleares, Rusia fará o mesmo. En paralelo, o chanceler ruso, Sergei Lavrov, convocou a embaixadora norteamericana en Moscova e alertouna respecto de que o envío de armamentos, intelixencia e tropas a Ucraína implica unha interferencia norteamericana directa na guerra e será obxecto de lexítimas represalias[9]. “Finalmente, Rusia terminou coa hipocrisía e a impunidade das elites de Occidente e prepárase para un inminente ataque”, asegurou[10].
Así, en poucos días, a diplomacia norteamericana logrou a proximidade crecente dos seus principais inimigos, unha maior intensidade da competencia nuclear con Rusia e o rol activo de China na obtención dunha paz negociada en Ucraína[11].
Loitas entre faccións e política exterior norteamericana
A fobia contra China foi impulsada polo Presidente Donald Trump para cohesionar os seus seguidores tras unha política de desenvolvemento nacional que buscou restituír a grandeza perdida dos Estados Unidos (Make America Great Again, MEGA)[12]. Desde un inicio, Biden continuou estas políticas contra China. Tanto os partidarios de Trump como outros grupos republicanos enfrontados ao establishment republicano aliado aos demócratas no goberno, consideran que a guerra en Ucraína é unha “distracción” que contribúe ao déficit, á corrupción e ao engorde das arcas do Partido Demócrata. Ven o conflito contra China como unha oportunidade para debilitar o goberno e tomar posición fronte ás próximas eleccións presidenciais. Para iso, utilizan o seu recente control da Cámara de Representantes para impulsar investigacións sobre o destino da axuda outorgada a Ucraína e para exixir unha maior firmeza do goberno de Biden fronte a China e á cuestión de Taiwán[13]. Estas faccións republicanas buscan erosionar o control que os neocons teñen sobre o goberno[14]. Entrementres, Trump busca impor a súa candidatura presidencial dentro do Partido Republicano, exixindo estabelecer negociacións inmediatas con Rusia para impedir unha Terceira Guerra nuclear e “limpar” a Casa Branca dos “falcóns”, “globalistas” e o “Estado profundo” (Deep State), que impulsan a guerra en Ucraína[15].
Así mesmo, a “eficiencia” do goberno de Biden empeza a ser cuestionada por sectores vinculados aos organismos de intelixencia. Ás críticas explicitadas por Robert Gates, exministro de Defensa de Barack Obama, súmanse agora novas revelacións do xornalista Seymour Hersh en torno á sabotaxe aos gasodutos rusos Nord Stream 1 e 2. Segundo Hersh, “despois de que os rusos invadiron e cando a operación se completou, todo se volveu máis repugnante para a xente que o dirixía (…) Opuxéronse ao proxecto e pensaron que era unha tolemia (…) Esa é unha das razóns polas que souben tantas cousas (…) Na Casa Branca están obsesionados pola reelección (…) querían que Ucraína gañase maxicamente dalgunha maneira”.
A derrota de Ucraína ameaza o control dos neocons sobre a política exterior e pode precipitar a desintegración da OTAN. A incapacidade de abastecer militarmente as tropas de Ucraína e a destrución do stock de armamentos norteamericanos e da OTAN cambian as coordenadas dun futuro conflito con China. Isto, en vésperas de eleccións presidenciais, pode remexer as entrañas do Estado nas sombras.
Inimigos e alianzas
China e Rusia foron definidos polo goberno norteamericano como os principais inimigos do país. As sancións contra Rusia, despois da súa invasión a Ucraína, contribúen a explican a importancia destes países. Por unha banda, ambos concentran recursos de importancia estratéxica para o mundo: desde compoñentes farmacéuticos (active pharmaceutical ingredients), esenciais para a produción de todo tipo de drogas e medicamentos, ás terras raras, o cobalto, o litio e o uranio[16], indispensábeis para a produción de todo tipo de bens, incluídos os de alta tecnoloxía. Doutra banda, estes dous países concentran a produción de dous bens centrais a todas as cadeas de valor global: os produtos enerxéticos no caso de Rusia, e os semicondutores no caso de China[17].
O goberno ruso facilitou prezos rebaixados para os seus produtos enerxéticos a todos os países que non aceptasen as sancións na súa contra. Con iso logrou subverter as canles tradicionais de fornecemento mundial de gas natural e petróleo, consolidar a súa alianza política e económica con China e a India e compensar as perdas de mercados en Occidente cun incremento enorme das súas vendas a estes dous países e ao resto de Asia. Así, aínda que Rusia tivo que reducir a súa produción de gas natural e petróleo, isto non afectou aos seus ingresos por exportación, nin á súa economía. Esta contraeuse só un 2.2% en comparanza coa caída do 8.5% inicialmente estimada polo Fondo Monetario Internacional (FMI) para 2022 e crecerá en 2023. Á súa vez, a India aumentou enormemente a súa importación de petróleo ruso e “reciclando” parte deste cara a Europa obtivo enormes ganancias, á vez que acrecentou a súa importancia xeopolítica. Estímase que a súa economía medrará un 6% este ano. O mesmo ocorre con China: o seu comercio con Rusia medrou un 30% en 2022 e estímase que a súa economía medrará este ano un 5%. Todo isto acontece no medio dun mundo que se precipita cara á recesión.
Tras un ano de guerra en Ucraína, Estados Unidos logrou substituír o gas natural ruso utilizado en Alemaña por gas natural norteamericano, un 40% máis caro. Con todo, isto leva a Alemaña cara a unha desindustrialización[18] que afectará ao continente europeo, xa sumido nunha recesión, e agoira unha crise da balanza de pagamentos agravada polo peso do endebedamento europeo[19]. Isto ameaza con detonar unha crise das finanzas europeas de consecuencias imprevisíbeis para o conxunto do sistema financeiro internacional. Outros fenómenos contribúen tamén a este desenlace: entre eles, o desenvolvemento dun incipiente sistema de transaccións comerciais e financeiras á marxe do dólar, con moedas locais apoiadas en commodities e no ouro. Estes procesos ameazan o papel do dólar como moeda internacional de reserva.
Neste mar turbulento, algunhas corporacións occidentais aproveitan para obter beneficios extraordinarios. Entre elas salientan cinco corporacións norteamericanas que producen para a guerra e outro grupo equivalente que produce petróleo e gas natural. As primeiras baleiraron os seus stocks acumulados de munición e armamento e conseguiron unha renovación automática dos contratos de produción con destino a Ucraína que, sen revisión do Congreso norteamericano, superan 500 veces o que xa foi enviado a este país. En paralelo, os prezos das súas accións aumentaron en 2022 entre un 17 e un 37%, segundo cada corporación. Por outra banda, cinco corporacións petroleiras occidentais obtiveron máis de 200.000 millóns de ganancias en 2022[20].
Arxentina: fragmentación política e cuestión nacional
A importancia estratéxica dos recursos naturais non renovábeis atinxe ao ámbito da economía e da política en todos os lugares do mundo. Con todo, no noso país, “a política” presta moi pouca atención a este problema ou, como no caso das bandas macristas, agóchano adrede. Isto ocorre nun momento peculiar da nosa historia: por primeira vez en moito tempo, a conxuntura internacional fai posíbel a procura dun camiño que permita substituír a actual matriz produtiva agroindustrial e extractiva por un modelo de desenvolvemento nacional e inclusivo que poña fin á dolarización da economía, ao endebedamento ilimitado e á depredación ambiental e social, que son consecuencia do control exercido polas corporacións transnacionais sobre áreas chave da nosa economía. Estes problemas deberían ser iluminados polo debate político porque inciden no benestar de todos os cidadáns e son centrais á cuestión da soberanía nacional e ao problema de quen decide as políticas públicas e por que se adoptan estas. Aínda que disto se fala pouco ou nada, tamén hai valiosas experiencias que mostran o camiño a seguir: mobilizando de abaixo cara a arriba, explicitando os problemas que existen na explotación dos nosos recursos e propondo solucións[21].
Tampouco existe pedido de información e debate sobre os canons que se pagan polas exportacións de litio, cobre, ouro, gas petróleo, entre outros, nin se cuestiona a forma en que se determinan e controlan os volumes exportados, xeralmente concretados a “declaración xurada”. Na maioría dos casos, estes recursos esgótanse rapidamente e a súa extracción implica depredación ambiental. Así, fálase moito dos recursos de Vaca Muerta, que segundo o ministro de Economía permitirán pagar a débeda co FMI e garantir a solvencia futura do país. No entanto, non se alude a que estes recursos non son eternos e que a extracción de gas e petróleo non convencional implica un rápido esgotamento dos xacementos, algo que xa afecta seriamente aos xacementos de gas e petróleo non convencional dos Estados Unidos.
Entrementres, o escenario político fragméntase até o infinito por cuestións que que teñen a ver con posicionamentos no proceso electoral. Mimetízase así a fragmentación social que se acelera á calor dunha inflación que, contrariamente ao que cre a ministra de Traballo, cada vez está máis descontrolada. Isto obedece ao problema non resolto de compartir un goberno cada vez máis limitado na súa xestión polos condicionamentos do FMI. A semellante escenario súmase un ministro de Economía “presidenciábel”, que avoga ante o G20 en favor da eliminación de sobretaxas aos empréstitos internacionais e condicións financeiras para saír da actual situación, mentres a súa xestión leva a un brutal axuste do gasto social, que contra fins de xaneiro implicou un recorte con relación ao ano anterior do 65,8% en programas sociais e do 48.3% en asignacións universais e Asignación Universal por Fillo (AUH). Tal escenario, xunto coa combatividade da ministra do Desenvolvemento Social, quen fai seu o discurso odiador da oposición, di non representar “os piqueteros” e acusa a un sector dos movementos sociais de se beneficiar cos plans sociais, contribúe a confundir os problemas e a desmobilizar a boa parte da poboación que non chega a fin de mes, mesmo aínda que teña un traballo “formal”.
Así, a esquizofrenia entre o que hoxe se di e o que hoxe se fai e o desprazamento do debate público cara a temas que impoñen as bandas macristas, non fan máis que reafirmar a falta dun plan de acción para lograr, como mínimo, dar resposta ás promesas que levaron o Frente de Todos (FdT) ao goberno en 2019. Fronte a esta fragmentación e a estas carencias políticas, avanza a concentración do poder económico e político en mans dun grupo de corporacións e individuos que controlan sectores chave do país. Así, por exemplo, Nicolás Caputo, o “irmán da alma” de Mauricio Macri, acaba de se apropiar de centrais eléctricas da italiana Enel. O control destas e de Central Puerto convérteno agora no principal xerador de enerxía eléctrica. Non contento con iso, vai por máis e apunta ao control de Edesur. O ministro de Economía non puido parar a manobra, concretada a “prezo vil” pagadoiro “no exterior” por non ter capacidade regulatoria para iso. Isto é só un trazo indicativo da centralidade que os recursos estratéxicos do país teñen na contenda electoral.
É, pois, tempo de formular un plan de acción, entendíbel polo conxunto da sociedade, e que exprese que país se quere, para que se aplicasen as políticas propostas e como estas aproveitan a conxuntura internacional para provocar un verdadeiro cambio social no país.
_____________________________________________________________________________
Notas:
[1] Ver fío.
[2] ft.com, 19/02/2023.
[3] reuters.co, 18/02/2023; zerohedge.com, 18, 19 e 20/02/2022.
[4] Este “permiso” expresa a relación de forzas local e curiosamente non foi rexistrado polos medios.
[5] zerohedge.com. 21, 22/02/2023. Despois de se entrevistar con Putin o martes, Wang Yi reafirmou que os acordos con Rusia son “sólidos como unha rocha” e que “calquera que sexan os cambios na situación internacional, China promoverá a cooperación (con Rusia) en todas as áreas”.
[6] zerohedge.com, 24/02/2023.
[7] Ídem.
[8] kremlin.ru, 21/02/2023. Putin xustificou estes cambios explicando ante a Duma os esforzos que Rusia fixo desde a implosión da Unión Soviética para desenvolver acordos coa OTAN destinados a garantir a seguridade colectiva, incluíndo a Rusia. Lembrou como estes acordos foron sistematicamente violados polas “elites de Occidente”, como estas se gabaron diso e como expuxeron abertamente os seus obxectivos de destruír Rusia e “de tentar converter a un conflito local nunha fase do enfrontamento global”.
[9] thehill.com, 21/02/2023. Así mesmo, Lavrov exixiu desescalar inmediatamente o conflito, explicacións sobre a sabotaxe aos gasodutos Nord Stream 1 e 2 e a non interferencia norteamericana na investigación desta sabotaxe.
[10] newsrand.com, 22/02/2023.
[11] Para unha análise dos acontecementos da semana desde a perspectiva crítica dun exoficial das Forzas Armadas norteamericanas: ver aquí.
[12] Tal como analizamos en artigos anteriores, isto foi produto, segundo Trump, dun globalismo neoliberal que desindustrializou o país, destruíu fontes de traballo e a competencia empresarial e erosionou o poder hexemónico dos Estados Unidos no mundo.
[13] Consideran que os Estados Unidos non están en condicións de confrontar con China e Rusia ao mesmo tempo, cren que China é o inimigo principal e que “a primeira prioridade” do goberno de Biden debe ser impedir que China controle Taiwán. O Senador Josh Hawley representa esta posición: hawley.senate.gov, 16/02/2023.
[14] Incluíndo o establishment do Partido Republicano, tamén neocon, e aliado desde hai tempo do establishment do Partido Demócrata.
[15] zerohedge.com, 23/02/2022.
[16] academysecurities.com, 01/09/2021; foreingaffairs.com, 08/06/2022.
[17] En Taiwán concéntrase máis do 80% da produción dos chips máis avanzados tecnoloxicamente usados polas corporacións norteamericanas. Sen estes chips paralízase a produción de todo tipo de bens con tecnoloxía avanzada, incluídos os utilizados en intelixencia artificial, na guerra e na exploración espacial.
[18] Cúmprese así o plan proposto en 1945 polo secretario do Tesouro norteamericano Hans Morgenthau para solucionar “o problema de Alemaña”, despois de que esta fose vencida na Segunda Guerra Mundial. Este plan non foi finalmente aceptado polo goberno norteamericano porque produciría 25 millóns de mortes por inanición. Adoptouse outro plan que impuxo restricións á industria, pero non impediu o seu rexurdimento. Nas últimas décadas, este foi impulsado mercé ao gas natural ruso a prezos inferiores aos que rexían a nivel internacional.
[19] rabobank.com, 03/02/2023.
[20] usatoday.com, 10/02/2022.
[21] Entre estes, cómpre salientar a Mesa Coordinadora pola Defensa do Río Paraná e do Canal de Magdalena e o documental «En el nombre del litio».
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web arxentino El cohete a la luna, do 26 de febreiro de 2023]