A loita por unhas pensións dignas volveu este xoves ás prazas galegas
Centos de persoas respostaron no serán deste xoves en cidades e vilas galegas á chamada do colectivo de pensionistas e xubilados/as da CIG para continuar a mobilización en prol dunhas pensións públicas que permitan unha vida digna ás persoas xubiladas de hoxe e de mañá. Exixen, entre outras cuestións, a derrogación das reformas laborais e das pensións, tanto do PP como do PSOE, que teñen como obxectivo desmantelar o sistema público de pensións. “Intentan facernos crer que as pensións públicas non son sostíbeis e que temos que aforrar ou facer un plan de pensións privado, e así, unha vez máis, que sexan os fondos financeiros e as grandes empresas que sosteñen os plans privados, quen se benefician a costa da clase traballadora”, advirten.
O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG alerta de que agora pretenden dar por cumpridas as súas exixencias, e que deixen de mobilizarse, mediante unha suba das pensións de 20 euros ao mes de media. “20 euros ao mes poden ser unha pequeniña axuda, pero, desde logo, non serve para paliar a grave situación de miles de persoas que, na Galiza, sobreviven con pensións ínfimas”.
Lembran que as pensións galegas son as segundas máis baixas do estado; que máis da metade das pensións que cobran galegos e galegas son inferiores a 677 euros e que unha de cada dez son menores de 415 euros ao mes.
Medra a fenda entre as pensións de homes e mulleres
Matizan a isto que as pensionistas galegas que teñen pensións de viuvez, foron as menos beneficiadas pola suba aplicada, xa que só 1 de cada dez viu incrementada a súa pensión. “As mulleres que cobran complemento a mínimos por non chegar á contía mínima, que na Galiza son a maioría, viron reducida a cantidade dese complemento na mesma medida en que subía a pensión, polo que na práctica, non se produciu suba para estas pensionistas”.
Aseguran que isto agrava inda máis a fenda entre as pensións de homes e mulleres, que, segundo os últimos datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística, está a aumentar. “A diferenza entre a pensión media dun galego e a dunha galega está xa no 37,1%, e se falamos de persoas de entre 55 e 74 anos, sobe a máis do 42%”.
O colectivo vén alertando desde hai tempo que unha suba parcial das pensións non soluciona nin garante un Sistema Público de pensións forte nin vai facer que deixen de mobilizarse. “Só medidas de creación de emprego estábel en condicións dignas e con salarios xustos conseguirán dotar de recursos suficientes o sistema de pensións, o de agora e o de mañá. É necesaria a posta en marcha de políticas que dean prioridade á creación de emprego de calidade e ao incremento dos salarios. E para iso, antes de nada, é absolutamente imprescindíbel a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións (tanto a de 2011 como a de 2013)”.
O que demandan: - A supresión do Factor de sustentabilidade. A súa aplicación está aprazada ata 2023, mais é necesaria a súa desaparición. - A fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (60% do salario medio) e revalorización anual como mínimo co IPC real. - A xubilación ordinaria aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter cotizados 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións. - O cálculo da base reguladora segundo as bases de cotización, actualizadas á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización. - Que se supriman as bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social en determinados tipos de contratos laborais. - A eliminacióndos topes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión. - O traspaso á administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía. |
O colectivo de xubilados e pensionistas asegura que o Sistema Público de Pensións é unha conquista da clase traballadora a través de décadas de loita e advirte que seguirá mobilizándose para reclamar “que as pensións públicas, as de hoxe e as de mañá, sexan dignas e se poida acceder a elas en equidade e sen obstáculos”.