A loita dos SAF segue a dar resultados: o persoal de Ponteareas asina un acordo que mellora as súas condicións laborais
A loita das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) segue a dar resultados que se traducen unha mellora nas condicións laborais, como vén de acontecer en Ponteareas, onde o cadro de persoal asinou un acordo coa empresa no AGA un acordo que contempla a actualización salarial segundo o IPC e a creación de varios complementos que supoñen un aumento das retribucións.
O pacto de mellora das condicións laborais asinado coa entre o persoal do SAF do Concello e Ponteareas e a empresa SAMAIN Servizos á Comunidade, pertencente ao grupo CLECE, chega tras máis dun ano de reivindicación e de mobilizacións, xa que o centro de traballo, con representación legal da CIG dende xullo de 2021, iniciou o 8 de marzo 2022 a reivindicación activa dos seus dereitos.
Neste tempo levaron a cabo unha folga en setembro e participaron activamente na convocatoria feita polo sector a nivel nacional en novembro, ademais de desenvolver distintas concentracións diante da empresa e do Concello. Deste xeito lograron consolidar as xornadas de traballo das auxiliares, melloraron as condicións de saúde laboral coa intervención en varios domicilios e conseguiron o pase a xornada completa de sete traballadoras.
O acordo asinado agora supón un novo paso na dignificación das súas condicións de traballo, xa que introduce melloras no convenio de aplicación, creando un complemento de quilometraxe de 2 euros ao día para todas as traballadoras, outro de 30 euros euros para as xornadas traballadas en domingos e festivos e outro de 20 euros para as xornadas traballadas en sábado de tarde
Avance nos dereitos
Ademais, recóllese a obrigatoriedade de pagamento de salarios o derradeiro día do mes e a actualización de soldos segundo o IPC do ano anterior, incluíndo todos os conceptos económicos (tamén a quilometraxe, que este ano se vai pagar a 0,22 euros).
Dende a representación sindical consideran este acordo un avance nos dereitos do persoal e o inicio do recoñecemento social a un sector esencial feminizado, fortemente precarizado e que neste intre está a ser “maltratado” pola administracións.
“Mais somos conscientes de que a loita ten que continuar, de que non podemos baixar a garda, e de que temos un convenio galego que defender, sen esquecer a xusta reclamación dun sistema público de atención ás persoas”, rematan.