A loita do persoal de mantemento logra arrincar un compromiso sindical dos comités de Navantia
A firmeza dos traballadores da UTE Tecman-Rayma conseguía este xoves arrincar un compromiso por escrito aos comités de Navantia Ferrol e Fene en defensa dos dereitos laborais, nomeadamente o dereito á subrogación, ante o escenario de incerteza que abre a nova licitación do servizo de mantemento, tendo en conta que o cadro de persoal actual vai pasar de estar nunha única subcontrata a ser repartido en, cando menos, cinco empresas.
Para visibilizar o conflito, e con motivo da reunión da permanente do comité de Navantia Ferrol, os traballadores da UTE concentráronse esta mañá ás portas do estaleiro para instar os representantes dos compañeiros e compañeiras da principal a sumarse e apoiar as súas xustas reivindicacións e plasmar este compromiso nun documento por escrito. Unha petición que o comité da UTE xa trasladara ao comité de Navantia ao pouco de iniciarse a folga no servizo para esixir a retirada do prego de condicións e a elaboración duns novos pregos respectuosos cos dereitos laborais e sindicais do persoal.
Desfacer un cadro de persoal moi combativo
Cómpre lembrar que até agora o servizo de mantemento dos estaleiros recaía nunha única empresa. Deste xeito, o cadro de persoal era subrogado na súa totalidade cando se producía un cambio de contrata e, ao tempo, polo número de traballadores/as asignados ao servizo tiñan dereito a elixir representación sindical, neste caso un comité de cinco membros.
Porén "cando a finais do pasado ano Navantia publicou os novos pregos, observamos que o contrato estaba fraccionado en varios lotes e que se limitaba o número de paquetes aos que podía optar o mesmo licitador, algo que non aconteceu co mantemento doutros centros de Navantia. Isto na práctica o que vai provocar é que os traballadores sexan repartidos en distintas empresas e que se desfaga un comité e un cadro de persoal caracterizado pola súa combatividade, capacidade de loita e organización”, asevera o secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal.
Por este motivo, o persoal e a CIG entenderon que a decisión de Navantia de fraccionar o contrato era unha represalia de Navantia contra uns operarios que nos últimos anos se mostraron moi combativos, secundando dúas folgas importantes: unha para evitar o despedimento de nove compañeiros e outra, de todo o sector das auxiliares, para esixir a incorporación dos acordos de 2001 no articulado do convenio de siderometal da Coruña.
Compromiso na defensa dos dereitos
Como era de prever, a empresa pública naval desentendeuse das demandas sociais e continuou adiante co proceso de licitación. “Tras abrirse os sobres coas ofertas, o obxectivo foi buscar un compromiso sindical de loita para impedir que se efectiven os prexuízos desta licitación", explica Vidal. Así, o persoal de UTE dirixiuse á representación legal dos traballadores/as de Navantia "para que se sumaran as nosas reivindicacións e facer forza ante a empresa", no sentido de pedirlles aos comités e a todas as seccións sindicais un posicionamento por escrito para remitir a Navantia e as auxiliares "e evitar que se produzan despedimentos e recortes de dereitos”.
Vidal apunta ao temor que hai entre o persoal a como se cubrirán as baixas neste novo reparto, a que se facilite que as auxiliares metan persoal alleo cando se lles asignan máis tarefas dentro do propio contrato, ou a que despois dun tempo Navantia opte por recuperar unha parte do traballo cos consecuentes despedimentos nas subcontratas. “Aí o problema é que transcorridos seis meses pérdese o dereito a subrogacións”, matiza.
O documento será trasladado a Navantia e ás auxiliares
Despois de varios desacordos internos polos termos do documento e de ter que insistir de maneira recorrente, esta mañá, por fin, os comités de Navantia comprometíanse a asinar o documento e darlle traslado tanto á empresa pública como ás auxiliares que resulten adxudicatarias do mantemento. No momento no que este documento estea asinado por todas as seccións sindicais e os presidentes dos dous comités (que se prevé sexa mañá mesmo), os traballadores acordaron proceder á desconvocatoria da folga.
Para o secretario comarcal da CIG-Industria resulta moi positivo contar con este compromiso sindical por escrito “xa que é unha ferramenta que haberá que pór en valor e será de utilidade no futuro, no caso de producirse algunha desas situacións que tememos”. Salienta que o t exto “non contén todo o que nós queríamos, pero é un acordo conseguido a base da firmeza e á determinación dos traballadores da UTE, esa mesma capacidade de loita que Navantia quere castigar”.