A loita do persoal de GKN fai que a empresa desista da súa intención de aplicar 50 despidos
A loita do cadro de persoal da empresa do sector da automoción viguesa GKN Driveline obrigou finalmente a compañía a retirar o ERE previsto nun primeiro momento para 72 persoas traballadoras e que despois rebaixou a 50. Xa que á concorrida manifestación do domingo 1 de febreiro sumouse despois unha convocatoria de folga por parte da CIG que non se tivo que facer efectiva ao anunciar a dirección que renunciaba aos despidos.
Mais o conflito laboral trouxo como consecuencia ruptura da unidade sindical na empresa e a dimisión do presidente do comité, da CIG, como consecuencia da actuación desleal de CCOO e UGT, que ademais de desoír o mandato da asemblea apostando por unha convocatoria de folga fixeron públicos comunicados en nome do comité sen contar co resto de organizacións sindicais nin do propio presidente.
Non podemos manter a presidencia cando a maioría do comité pensa e actúa de forma contraria a nós e a boa parte do cadro de persoal
“Non podemos manter a presidencia cando a maioría do comité pensa e actúa de forma contraria a nós e a boa parte do cadro de persoal. Non é ético, e ademais é unha fraude ás persoas traballadoras de GKN, polo que é xusto que quen ostenta a maioría elixa unha persoa que poida representar o conxunto do persoal”, sinalan dende a CIG.
Ao tempo que lembran que o acontecido en GKN cos sindicatos estatais é similar ao que sucedeu no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza (CTAG) no Porriño, onde a CIG, que preside o comité, tivo que convocar tamén folga en solitario a pesar de que a empresa aplicou un ERE que supuxo o despido de 96 persoas traballadoras “co aval de CCOO e do sindicato amarelo do CTAG”.
Neste senso, fan fincapé en que clase traballadora está a sufrir, en todas as empresas, recortes, caída dos salarios, precariedade ou despedimentos, “e canto máis diálogo e concertación social a situación empeora”. Neste contexto, as medidas de forza, incluída a folga, son as ferramentas que fan e fixeron avanzar a clase traballadora ao longo da historia. “Se non son quen de convocar folga ante un ERE que pretende despedir a 50 compañeiros/as, non van convocar folga nunca”.
Defensa do sector
E queren deixar moi claro que a central sindical actuou en todo momento con responsabilidade: “Reclamábamos que ningún compañeiro/a marchara pola forza, e unha vez conseguido desconvocouse a folga”. De feito, recoñecen que o acordo non cumpre todas as expectativas, “pero permite que non teñamos que aplicar medidas como a bolsa de horas e fai posíbel evitar a aplicación dun ERTE”.
Finalmente, inciden en que se non se produce unha contestación de toda a cidadanía de Vigo ao que está a acontecer nun sector fundamental para a comarca como a automoción, os despedimentos, ERTE e ERE van ser constantes nos vindeiros, “o que significará a ruína de Vigo”. Polo que chaman a demostrarlle ás empresas “que non imos permitir que a cidade perda un tecido industrial que trae prosperidade e futuro a todos os que vivimos nela”. De xeito que ou Ministerio e a Consellaría de Industria traen novos proxectos e investimentos “ou vannos ter enfronte, porque o acontecido en GKN ten que ser un antes e un depois”.