A loita do persoal de Ferroatlántica recibe o Premio 10 de Marzo
No marco dun acto de confraternidade no que participaron, ademais dos membros do Consello Confederal da CIG, representantes da vida política, social e cultural de Galiza, entregáronse os Premios do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, e do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Os galardoados este ano, foron, no primeiro caso, os traballadores e traballadoras de Ferroatlántica de Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctrica. No segundo, as traballadoras de Bershka. Ademais a central sindical recoñeceu cunha mención especial a loita do persoal do 112, que mantivo unha folga de 83 días que fixo posíbel que se lles recoñecera todo o que reclamaban.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que foi o encargado de facer entrega do Premio do Día da Clase Obreira Galega, subliñou as dificultades que neste ano tivo a central sindical para decidir o conflito ao que se lle outorgaría este galardón. Neste sentido lembrou outros dos que, pola súa relevancia, terían sido tamén merecedores do Premio, como a folga do sector de transporte de viaxeiros/as en Galiza; a folga do Metal na provincia da Coruña; a loita do persoal de Leite Celta en Pontedeume; as “duras” xornadas de folga das auxiliares do naval en Navantia Ferrol e Fene ou a folga de Alonarti Envases SAU en Porriño, entre outras.
Enfrontar a explotación e o empobrecemento da clase traballadora
Con todo, considerou que estas dificultades para seleccionar de entre todas a máis salientábel demostra a capacidade que ten a central sindical “para facer fronte á explotación e ao empobrecemento da clase traballadora”, especialmente nun momento no que “corremos o risco de que se consolide unha situación social sen saída, consecuencia do intenso retroceso das nosas condicións de vida, dos dereitos laborais e sociais e das liberdades públicas”.
Como exemplo desa capacidade para combater os ataques á clase traballadora galega puxo a loita das traballadoras e traballadores de Ferroatlántica que, xunto coa CIG, iniciaban a comezos de 2016, un conflito que se conseguiu que saíra dos muros das fábricas e chegase a mobilizar unha comarca enteira “cunha intensidade e convicción sen precedentes que obrigou aos alcaldes da zona e a propia Xunta de Galiza a asumir, logo de 11 meses -e contra a súa vontade- que os ríos son nosos, do pobo galego, e non de Villar Mir e que as nosas centrais non se venden”.
Por iso reivindicou a central sindical como “expresión da clase traballadora galega que ten vontade firme de continuar o longo proceso histórico de construír ferramentas coas que, desde a autoorganización do pobo galego, rachemos o poder do capital e camiñemos á conquista dunha Galiza ceibe e sen explotación”.
Prioridades: recuperar os dereitos laborais e sociais
Carril emprazou ademais aos compañeiros e compañeiras da CIG a pular por “conquistar o dereito a vivir e traballar na nosa terra”, combatendo as reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións, o desmantelamento da sanidade pública, a precariedade e a pobreza laboral. Mais tamén a loitar para “pór fin á interminábel emigración, ao desmantelamento do noso tecido produtivo e industrial, ao afondamento da espoliación e depredación dos nosos recursos naturais, das nosas materias primas e dos nosos aforros”.
O secretario xeral da CIG chamou a non caer na resignación, na pasividade ou a desmobilización nin, sobre todo, “no sindicalismo do pacto social que, cada día, nos sorprende máis ao terse xa convertido nun colaborador leal do PP, como demostran os recentes e vergoñentos acordos sobre o SMI, ou para a mellora do emprego público”. Acordos cos que os acusou de “lexitimar o avance do modelo escravizante da reforma laboral e da política neoliberal do goberno”.
Fronte a ese modelo salientou o que representa a CIG, “o sindicalismo de base, asembleario e alternativo que ten ben demostrada unha traxectoria histórica de firmeza, coherencia, confronto co poder e non integración no sistema”.
Para manter e reforzar este modelo subliñou a importancia de “dotármonos de organización”, imprescindíbel para ter capacidade de loita e “facer fronte á explotación e ao empobrecemento da clase traballadora galega” e ás políticas regresivas do PP no Estado español e na Galiza. Políticas das que tamén responsabilizou “as teóricas forzas da esquerda española, por ser incapaces de actuar fronte un goberno español en minoría parlamentaria”.
Por iso lembrou o lema do último Congreso “Coa CIG somos máis fortes”, porque todo o camiño percorrido até o de agora demostra que “o sindicato é fonte de conquistas e de poder da clase traballadora fronte o poder político e económico”.
Chamamento á mobilización
Para Paulo Carril é imprescindíbel pois, que a CIG siga sendo o mellor instrumento reivindicativo, útil e capaz e con alternativas, convertendo a conflitividade social en organización, mesmo en poder popular. Mais dar tamén pasos firmes para ser un maior referente na acción feminista da clase traballadora galega. “Queremos ter máis capacidade de combate para a conquista dos dereitos das mulleres”, afirmou.
Por iso fixo un chamamento a intensificar o traballo e continuar coas mobilizacións, empresa a empresa, convenio a convenio, concello a concello e comarca a comarca da nosa nación “porque é a loita da clase traballadora e do pobo galego a que continúa a ser, como foi sempre, o elemento decisivo para defender e conquistar dereitos e políticas alternativas para facer avanzar a nosa reivindicación de que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas”.