A loita do persoal das auxiliares do naval suma 19 días de dignidade
19 días de loita suman os traballadores e traballadoras da industria auxiliar de Navantia que, contra toda adversidade, están a tirar para adiante deste conflito con dignidade e de maneira exemplar. Logo do referendo "fraudulento" convocado o pasado venres, das presións e ameazas das empresas e os intentos de criminalización por parte de Navantia, centos de operarios/as volvían este luns, dende as cinco da mañá, ás portas dos estaleiros de Fene e Ferrol.
Para a CIG-Industria unha das razóns máis importantes polas que a patronal se enroca e non cede á reivindicación "é porque ten confianza en poder dividir aos traballadores/as e derrotar a folga". Neste camiño, denuncian, contan coa complicidade das cúpulas de UGT e CCOO, que dende o primeiro momento se posicionaron en contra da folga. Mais "a complicidade coa patronal para derrotar unha folga debería ser unha liña vermella para calquera traballador ou traballadora", asevera a CIG-Industria.
Así se trasladou na asemblea realizada este mediodía na porta do Esteiro, á que acudiron centos de traballadores/as en folga. Dende CIG-Industria tamén instaron a non caer en provocacións, pois esta é unha loita do conxunto do persoal da auxiliares. Neste senso, o secretario comarcal da Federación, Vicente Vidal engadía que, a pesar da votación-espectáculo do pasado venres e das chamadas de Navantia ás empresas para que entraran a traballar este luns na área de carenas, a resposta do persoal foi contundente: dende as cinco da mañá, piquetes reforzados nos accesos ás instalacións.
Neste senso, apuntou á responsabilidade da empresa principal no conflito e á manipulación que busca facer desta loita, pois se a semana pasada ameazaba cun peche patronal pola falta de limpeza das instalacións, "hoxe, co problema sen resolver e os vestiarios pechados, pretendía que os operarios/as das auxiliares entraran traballar en reparacións. Que pasa, que para Navantia o persoal das contratas é de segunda categoría?", denunciou.
Vicente Vidal criticou tamén que dende o pasado 5 de outubro todos os esforzos (tanto da patronal como dos sindicatos españois) estiveron dirixidos a tentar deslexitimar a folga, parapetándose nunha mesa de negociación "nada que ninguén aclara que é o que se vai negociar, ou cando menos con que criterios. É dicir, se se está disposto a negociar á baixa as táboas do 2001, ou non". E lembra que só a CIG puxo enriba da mesa unha proposta clara e definida, que pasa polo cumprimento dos acordos de 2001 (actualizados).
Explicar as propostas
Para a Federación de Industria "ninguén pode pensar honestamente que está a salvo do que se poida pactar nesa negociación, e fixar o punto de partida nas táboas 2001 é absolutamente fundamental para toda a industria auxiliar.
Por iso, o secretario comarcal da CIG-Industria reiterou o chamado a CCOO e UGT e acudir ás asembleas de traballadores/as que se celebran todos os días diante dos estaleiros e explicar directamente ao persoal cales son as súas propostas, para que as poidan avaliar. "Será entón cando o persoal poida decidir, con garantías, se quere continuar coa convocatoria ou suspendela. Pero até que iso ocorra, a CIG seguirá o mandato das asembleas que pasa por seguir adiante coa folga os días que faga falta en demanda da recuperación dos acordos retributivos e a súa incorporación a un marco legal que lle dea eficacia", aseverou Vidal.