A loita do comercio de alimentación de Ourense recibe o IV Premio Etelvino Blanco ao compromiso cívico-sindical

O comité de folga recolleu o galardón no acto celebrado onte no salón de actos da Casa Sindical
Ourense - 27 Feb 2026

A Executiva Comarcal da CIG de Ourense decidiu entregarlle o IV ‘Premio Etelvino Blanco ao compromiso cívico-sindical’ á loita “histórica e exemplar” protagonizada polo persoal do comercio de alimentación da provincia en demanda dun convenio digno e dun salario xusto. O propio comité de folga recibiu o galardón no acto celebrado onte no salón de actos da Casa Sindical, no que tamén participou a familia do ex secretario comarcal da CIG-Ourense finado en 2019.

O recoñecemento a este conflito ten que ver con que por vez primeira se logrou aglutinar o sector en defensa dos seus dereitos e intereses, “demostrando que a unidade obreira pola base é quen e capaz de sumar vontades, unificar forzas e conquistar melloras para as nosas vidas”.

Unha loita que incluíu asembleas multitudinarias e mobilizacións previas “sen precedentes”, e que se caracterizou pola “firmeza” na mesa negociadora; con piquetes informativos con participación “masiva”; con supermercados pechados “a cal e canto” desde primeira hora nos tres días de folga; con e manifestacións de miles de persoas, en horario laboral, apoiando as reivindicacións do persoal dos supermercados.

“Tal foi a participación e a contundencia, que tres días de folga bastaron para acadar as melloras que se reclamaban, e que non eran imaxinables tan só un ano antes. A negociación colectiva no comercio de alimentación de Ourense cambiou para sempre. A tradicional arrogancia da patronal do sector foi superada pola decidida acción obreira”.

A secretaria comarcal da CIG de Ourense, Xulia González, sinalou durante a súa intervención que o Premio Etelvino Blanco naceu para honrar a memoria do histórico sindicalista e para recoñecer a loita, a dignidade e o compromiso coa clase traballadora. “Etelvino non pertence ao pasado: é un exemplo que segue vivo cada vez que alguén decide non calar, non renderse, non aceptar a inxustiza como algo inevitable. Este premio leva ese nome porque representa unha forma de facer sindicalismo: coa xente, nos centros de traballo, sen medo e sen concesións”.

Conflito histórico

Ao tempo que incidiu en que cada edición deste galardón serve para lembrar que os dereitos non se conceden, conquístanse. Por iso -explicou- a Executiva Comarcal tivo claro desde o primeiro momento que o premio deste ano tiña que ser para o comité de folga do convenio do comercio de alimentación de Ourense. “Porque aquí hai loita real, hai sacrificio, hai organización e, sobre todo, hai dignidade”.

Até o punto de que se tratou dun conflito “histórico” para Ourense porque encheu as rúas e fixo visible a precariedade dun sector maioritariamente feminizado, “con xornadas interminables, salarios baixos e presión constante, na que estas compañeiras decidiron dar un paso adiante. Decidiron organizarse, plantar cara ás patronais e defender algo tan básico como condicións laborais dignas. E fixérono sabendo que non ía ser doado, que ía haber desgaste, ameazas, silencios e desprezos”.

Mais tamén sabían -continuou- algo fundamental: que os dereitos non caen do ceo, conquístanse. “E conquístanse así, con folga, con unidade, con firmeza e coa forza colectiva. Estou convencida de que este conflito abriu camiño. Que marcou un antes e un despois. Que animou e animará a outros sectores a dar o paso, a perder o medo, a loitar polo que é xusto, polo que é digno, polo que é de dereito”.

Finalmente, trasladou o agradecemento da central sindical ao comité de folga polo seu compromiso, a súa firmeza e a súa valentía. “Este premio é un recoñecemento merecido, pero sobre todo é unha homenaxe á loita colectiva e á dignidade da clase traballadora”.