A loita das dependentas de Inditex dá os seus froitos: acordo para aplicar unha suba inmediata de 322 euros/mes
A intensa e dura loita que as traballadoras das tendas de Inditex da provincia da Coruña veñen desenvolvendo dende hai uns meses deu por fin os seus froitos en forma de preacordo coa multinacional. Despois de denegarlle un incremento salarial xusto e de menosprezar a súa capacidade de loita, Inditex comprometíase onte coa CIG a aplicar un incremento salarial de 322€/mes a partir da nómina de xaneiro e con carácter retroactivo a novembro.
Esta suba, multiplicada polas 15 mensualidades que perciben as traballadoras, suporá un incremento anual total de máis de 4800 euros brutos. Unha mellora retributiva que, esta vez si, responde ás demandas trasladadas polas dependentas da provincia da Coruña e permite acurtar as enormes diferenzas salariais que existen cos compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo.
Na comparecencia ofrecida este xoves para informar do acordo, as delegadas da CIG explicaron que ao longo deste proceso (que se iniciou coa multitudinaria manifestación do pasado 6 de novembro na cidade da Coruña), Inditex foi incrementando as contías que puña enriba da mesa até chegar aos 322 euros/mes.
Destes, 122 euros foron a través do incremento do denominado "plus sede", que nunha primeira fase ás traballadores lles pareceu insuficiente e polo tanto continuaron adiante coas mobilizacións e folgas, até conseguir que Inditex presionara a patronal provincial do comercio vario para que se outorgaran outros 200 euros nun plus de convenio específico.
A pesar de que convenio sectorial aínda está na súa fase de negociación, grazas ás mobilizacións e presións exercidas pola CIG, logrouse que Inditex se comprometa a facer efectiva esta suba xa na nómina de xaneiro, sen agardar á sinatura e publicación do convenio.
Precisamente, as delegadas da CIG lamentaron que, para minimizar a exemplar loita das traballadoras e ocultar o papel da central nacionalista neste conflito, a multinacional se negara a asinar directamente coa representación social un acordo para o persoal das súas tendas, como sería o lóxico, optando por camuflar a suba a través do convenio.
Tras alcanzar este acordo, a folga prevista para este venres 23 queda suspendida, á espera do texto definitivo que se asine e de que Inditex cumpra con todo o comprometido. Neste senso, as delegadas e delegados da CIG salientan que, tras o éxito desta loita por un salario digno, "aínda fica por diante moito traballo sindical para lograr que Inditex recoñeza as axudas sociais e as melloras laborais que merece o conxunto das traballadoras e traballadores".
As cantidades non serán proporcionais á xornada
Para loitar contra a lacra da parcialidade que impera no comercio téxtil, cómpre destacar que a CIG arrincou o compromiso de que as cantidades acordadas non se cobrarán de maneira proporcional á xornada, senón que todo o persoal percibirá a mesma contía, agás aquelas persoas que están contratadas a 15 ou menos horas, que recibirán á metade. En total, para as traballadoras que teñen xornada completa, a suba situarase nun 25% do seu salario actual.
Pero, ademais, a este primeiro incremento (con efectos dende novembro) sumaráselle unha suba de 20€/mes a partir de novembro de 2023 e 40€/mes máis en novembro de 2024. De tal xeito que, nos próximos 22 meses, as traballadoras lograrán un aumento de 380 euros mensuais sobre o que teñen agora.
A loita desenvolvida polas traballadoras das tendas de Inditex é un clarísimo exemplo do que a mobilización e a loita obreira poden conseguir. Nin a propaganda mediática, nin os intentos de Inditex de boicotear a folga e as manifestacións amedrentando o persoal, nin a pretensión de desactivar a loita afastando a negociación da intervención directa das traballadoras para trasladada a Madrid coas cúpulas dos sindicatos españois, conseguiron dobregar a vontade, a decisión e a firmeza nas reivindicacións das traballadoras.
O seu é un exemplo para o conxunto da clase traballadora que demostra, máis unha vez, que a loita é o único camiño e que os dereitos e a mellora das condicións de traballo témolas que conquistar.