A loita contra o macroproxecto de Altri continuará o 30 de xuño cunha acción para rodear a Xunta
A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, acompañadas por representantes de colectivos de distintos ámbitos, entre eles a CIG, anunciaron a convocatoria dunha gran mobilización para o domingo 30 de xuño en Compostela na que chaman a rodear o edificio administrativo de San Caetano para exixirlle ao Goberno galego que atenda o clamor social contra a pasteira de Altri e reclamarlle que non autorice " de maneira furtiva" un proxecto cun impacto brutal en todo o país.
O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, e a voceira da Plataforma Ulloa Viva, Zeltia Laya, explicaron que con esta acción reivindicativa para "rodear a Xunta" dáse continuidade á multitudinaria manifestación que o pasado 26 de maio desbordou as rúas de Palas de Rei. "A Xunta de Galiza meteunos neste problema e a Xunta de Galiza terá que sacarnos del”, aseveraron, lanzando un chamado á participación masiva o 30 de xuño en Compostela para pedirlle ao Goberno de Rueda, "arredor da súa sede institucional, que escoite aos veciños e veciñas e paralice e poña fin a este ataque a Galiza”.
Sinalaron que a data foi escollida ante o temor de que o Goberno galego pretenda utilizar o período estival para "furtivamente" conceder a autorización administrativa dun proxecto que, alertou Rubido, "non cumpre a lexislación vixente"
Alertou dos impactos que terá o proxecto de macrocelulosa de Altri sobre o territorio a nivel patrimonial e cultural, no sector agrogandeiro e sobre a industria de transformación relacionada con esta actividade, ou a nivel ambiental e social. Rubido destacou a contaminación atmosférica que traerá o proxecto Gama (nun radio que se estenderá 50km) e a contaminación sobre o río Ulla -que xa na actualidade sofre elevados niveis de degradación-, coa vertedura de 30.000 metros cúbicos de augas ao encoro de Portodemouros. Isto afectará a toda a conca do río e á Ría de Arousa "porque é contaminación pura e dura", agravando os problemas de eutrofización e incrementando os contaminantes do río e a ría.
Por iso, puxo en cuestión a calidade da auga potábel que captan os concellos afectados, "sendo a calidade da auga un factor fundamental na saúde pública". E seste senso, salientou que a empresa solicita unha concesión durante 75 anos "pero non contempla a variábel do cambio climático, malia o previsíbel esmorecemento do caudal do río Ulla".
No caso da ría de Arousa, Rubido puxo énfase na maior degradación da contorna e a afectación sobre os sectores produtivos que xa viven unha crise profunda "coa total pasividade da Xunta de Galiza. Miles de familias quedarán sen futuro, na comarca da Ulloa e no mar de Arousa. Isto é gravísimo e merece unha resposta. O Goberno galego está abandonando a miles de familias a súa sorte e non está exercendo as súas competencias posicionándose claramente do lado dunha multinacional que só busca o lucro a cambio da nosa saúde, os nosos postos de traballo, e de destruír a estruturación da poboación".
Pola súa banda, Zeltia Laya cualificou como "zona 0" a área na que se prevén as instalacións de Altri e lanzou un chamamento a seguir na mobilización para evitar que este proxecto se converta nunha realidade. Lembrou a masiva resposta do pobo galego á convocatoria do pasado 26 de maio en Palas, que desbordou calquera previsión dos colectivos organizadores.
Apelou á responsabilidade da Xunta de Galiza e criticou a opacidade coa que durante dous anos se tratou a proposta de Altri. Laya sinalou as carencias do proxecto presentado pola empresa e demandou información clara e concisa á cidadanía. Xunto isto, criticou as prácticas de lavado de cara que está a facer a compañía, con campañas publicitarias e comparecencias públicas nas que recorre a unha linguaxe técnica para tentar confundir a opinión pública. A máis, a voceira de Ulloa Viva foi desmontando algunhas as mentiras que a pasteira portuguesa está a lanzar publicamente.