A liña de montaxe de Citroën continúa con postos irrealizábeis por un só operario/a sen axuda ou sen facer horas extra
A CIG denuncia que Citroën non só incumpriu as medidas pactadas coas centrais sindicais para reducir a sobrecarga de traballo nas liñas de montaxe, senón que continúan a existir postos irrealizábeis por un só operario/a sen axuda, “polo que a empresa está a fomentar veladas e prolongacións de xornada entre quendas para poder facer o traballo”. A sección sindical xa lle trasladou estes incumprimentos ao Consello Galego de Relacións Laborais, organismo que se encargou de elaborar a proposta de mediación.
Dende a CIG-Citroën sinalan que a empresa de automoción con sede en Vigo non respectou o prazo fixado para mellorar os postos de montaxe, reducindo a sobrecarga que padecen os operarios/as da cadea, que recentemente expresaron a súa opinión nunha consulta organizada pola CIG.
A empresa está a fomentar veladas e prolongacións de xornada entre quendas para poder facer o traballo
En consecuencia, esta liña continúa con repartos con bastantes picos e chemineas con alta actividade e/ou porcentaxe de produción afectada, polo que segue a haber postos irrealizábeis ou nos que é necesario contar con axuda para levalos a cabo no tempo definido, sendo necesario en moitos casos facer horas extra.
Tampouco cumpriu os prazos para rematar coa problemática das composicións. “Aínda que implantou algunhas medidas no taller, como a colocación de monitores para anticiparse aos erros de composición, a sobrecarga de traballo que padecen moitos postos non permite que os monitores atendan ao 100% esta paliativa”, sinalan.
Dende a central tamén censuran o xeito de proceder da dirección no referente ao funcionamento da propia comisión de seguimento dos acordos, xa que fixou unilateralmente o calendario de xuntanzas sen contar coas propostas da parte social, “feito que xa anunciaba cal ía ser a súa actitude nesta comisión”.
Ao mesmo tempo, impediu que a representación sindical puidese participar no debate sobre os protocolos, que polo tanto non foron pactados. “Optaron por presentalos e punto, feito que incumpre a proposta da mediación, que establece que deberán ser acordados entre as partes”.
Falta de información
E seguen sen facilitarlles aos traballadores/as tanto a información referente aos cambios de reparto como a que ten que ver cos compromisos adquiridos por parte da dirección de Citroën. Así como tampouco cumpriron co prazo de execución do protocolo dos equipos (manipuladores).
Tamén continúan os problemas para a realización da análise dos postos, vulnerando o protocolo que a propia empresa definiu a respecto da información e formación sobre cambios de reparto. “No caso do full kitting (automatización no reparto de pezas a carón da liña) a situación e aínda máis grave, xa que para xustificar a eliminación de postos tivo que desviar actividade a postos da liña principal”.
Para a CIG, estes incumprimentos tanto no aspecto material como de prazos “son de tal entidade que revelan unha absoluta desvinculación por parte da empresa das obrigas que asumiu libre e voluntariamente ao aceptar a proposta de mediación”.