A limpeza hospitalaria do Salnés, Barbanza e Cee continuará coas folgas e as mobilizacións en demanda da equiparación laboral
As persoas traballadoras do servizo de limpeza dos hospitais de Vilagarcía, Ribeira e Cee continuarán a vindeira semana con folgas e mobilizacións para reclamar que, dunha vez, se proceda á equiparación das súas condicións laborais e rematar coa discriminación que sofren. Precisamente co obxectivo de abordar posíbeis iniciativas neste sentido, unha representación da CIG e dos cadros de persoal mantiveron onte unha xuntanza co grupo parlamentario do BNG, encontro que se produciu despois de terse dirixido por escrito ás distintas formacións políticas para solicitarlles unha reunión na que a abordar esta problemática.
As próximas protestas terán lugar os días 16, 17, 22, 23, 29 e 30 de decembro con paros de dúas horas por quenda no Salnés e no Barbanza, mentres que no caso do Hospital Virxe da Xunqueira as novas xornadas de folga de 24 horas están fixadas para os días os días 17, 18 e 19 de decembro.
As asembleas do persoal apostaron por estas medidas de presión, que incluirán tamén distintas concentracións diante dos centros hospitalarias, ante a falta de resposta do SERGAS para avanzar na equiparación total das condicións laborais, salariais e sociais que xa teñen recoñecidas as persoas traballadoras dos servizos de limpeza dos hospitais de referencia.
Xuntanzas cos grupos parlamentarios
Esta falta de movementos por parte da Consellaría de Sanidade fixo que a CIG se dirixise por escrito aos grupos políticos con representación no Parlamento galego para solicitarlles xuntanzas nas abordar a situación de discriminación que padece este persoal e avaliar posíbeis iniciativas para avanzar na equiparación. O primeiro destes encontros tivo lugar onte, cando unha representación da CIG e dos cadros de persoal mantiveron unha xuntanza co grupo parlamentario do BNG, que se comprometeu a trasladar unha serie de preguntas sobre este servizo á comisión de Sanidade.
Dende a central sindical lembran que a pesar de realizar o mesmo traballo que as compañeiras e compañeiros doutros servizos de limpeza hospitalaria, ao persoal dos centros de Ribeira, Vilagarcía e Cee non se lles recoñece aínda a equiparación co grupo E do SERGAS e aplícaselles o respectivo convenio provincial da limpeza, polo que dispoñen de condicións inferiores en materia retributiva, de complementos, de permisos, descansos e xornada.
“Esta situación supón un agravio evidente, dado que estas profesionais realizan as mesmas funcións e responsabilidades, pero sen os mesmos dereitos que o persoal da limpeza das áreas sanitarias de referencia”, denuncia a representación da CIG. A central sindical considera especialmente grave que sexa unha administración pública a que perpetúe esta situación de precariedade, pobreza laboral e infravaloración profesional e incumpra o principio de “a igual traballo, igual salario”.
Por iso, as traballadoras reiteran que continuarán na mobilización até que se poña fin a esta inxustiza, a Dirección Xeral do Sergas se digne a convocar unha reunión e abra unha mesa de negociación real para atender as súas demandas.