A limpeza hospitalaria do Salnés, Barbanza e Cee comezará folga indefinida o 21 de xaneiro
As persoas traballadoras do servizo de limpeza dos hospitais do Salnés, Barbanza e Cee decidiron adiar o inicio da folga indefinida prevista para hoxe ao vindeiro mércores 21 de xaneiro para reclamar a equiparación das súas condicións laborais coas do persoal doutros centros de referencia e rematar deste xeito coa discriminación que padecen. Para o xoves 22 teñen convocada unha concentración diante do SERGAS en Santiago ás 12:00 horas.
As mobilizacións fan parte do calendario acordado polas asembleas do persoal dos hospitais de Vilagarcía, Ribeira e Virxe da Xunqueira de Cee celebradas os pasados días 29 e 30 de decembro ante a falta de resposta do departamento autonómico á solicitude de xuntanza cursada no mes de maio para avanzar na equiparación total das condicións laborais, salariais e sociais que xa teñen recoñecidas as persoas traballadoras dos servizos de limpeza dos centros de referencia.
Ante a falta de movementos por parte da Consellaría de Sanidade, a CIG presentará tamén mocións nos distintos Concellos destas áreas sanitarias en apoio das “xustas reivindicacións” destas persoas traballadoras “e para que dende as corporacións municipais se lle traslade á Xunta a necesidade de negociar para poñer fin a esta situación discriminatoria”.
O mesmo tempo, a central sindical dirixiuse por escrito aos grupos políticos con representación no Parlamento galego para solicitarlles unha reunión, pór no seu coñecemento a situación que padece o persoal e avaliar posíbeis iniciativas para avanzar na equiparación. Tras esta iniciativa, unha representación das afectadas e da propia CIG mantivo unha xuntanza co BNG na que se abordaron posíbeis iniciativas para reclamar a equiparación.
A igual traballo, igual salario
Xa que a pesar de realizar o mesmo traballo que as compañeiras doutros servizos de limpeza hospitalaria, ao persoal dos centros de Ribeira, Vilagarcía e Cee non se lles recoñece aínda a equiparación co grupo E do SERGAS e aplícaselles o respectivo convenio provincial da limpeza polo que dispoñen de condicións inferiores en materia retributiva, de complementos, de permisos, descansos e xornada.
“Esta situación supón un agravio evidente, dado que estas profesionais realizan as mesmas funcións e responsabilidades, pero sen os mesmos dereitos que o persoal da limpeza das áreas sanitarias de referencia”, denuncia a representación da CIG. A central sindical considera especialmente grave que sexa unha administración pública a que perpetúe esta situación de precariedade, pobreza laboral e infravaloración profesional e incumpra o principio de “a igual traballo, igual salario”.
Por iso, as persoas traballadoras reiteran que continuarán coas mobilizacións até que se poña fin a esta inxustiza, a Dirección Xeral do SERGAS “se digne” a convocar unha reunión e abra unha mesa de negociación “real” para atender as súas demandas.