A limpeza hospitalaria de Ferrol irá á folga do 17 ao 19 de febreiro para reclamar máis persoal

O comité leva anos denunciando a sobrecarga de traballo, que se incrementou no último contrato
Ferrol - 13 Feb 2025

As traballadoras e os traballadores do servizo de limpeza hospitalaria de Ferrol, adxudicado a Serveo, irán á folga das 00h do luns 17 até ás 24h do mércores 19 de febreiro para reclamar que se contrate máis persoal e poder afrontar a carga de traballo en condicións dignas. O comité leva anos facendo esta reclamación sen que nin a empresa nin os servizos xerais teñan tomado medidas, ao contrario, no último contrato, de maneira inexplicábel, reducíronse o número de horas presenciais ao tempo que aumentaba a superficie a limpar.

Esta sobrecarga de traballo permanente ten consecuencias directas sobre as saúdes das traballadoras e os traballadores, polo que, ante a falta de acordo coa empresa e despois das mobilizacións realizadas nos últimos meses, acordaron por unanimidade en asemblea convocar estas tres xornadas de folga, sen descartar novas medidas presión.

O presidente do comité, Marcos del Río, explica que "levamos distintas xuntanzas con Serveo, insistindo na necesidade de efectuar máis contratación de persoal co obxectivo de reducir a sobrecarga laboral". Porén, a concesionaria mantén unha posición de inmobilismo, a pesar de que por parte do hospital, por primeira vez, si se instou a Serveo "a poñerse de acordo con nós para ampliar o cadro de persoal".

Máis superficie para menos horas presenciais

Lembra que o actual concurso para a adxudicación da limpeza dos Hospitais de Ferrol (EXP AB-ASF1-24-008) "lonxe de redactar unha mellora nas condicións laborais das traballadoras, amplía en 3.000 metros cadrados as superficies a limpar, limitando e reducindo aínda máis as horas de presenzas físicas".

Así, pasouse de 189.535 horas traballo para limpar 56.037m2 a 185.885 horas presenciais para cubrir 59.036m2, co agravante de ter que desenvolver as tarefas nas obras do Plan Director. Segundo os cálculos do comité para poder atender este incremento da superficie en condicións dignas e  coa calidade que require un centro sanitario, sería necesario contar con dez traballadoras e traballadores máis.

A este respecto, Del Río critica que a prioridade do hospital e da empresa "é abaratar o servizo, non lle importa a calidade. Fan xogadas de trileiros para chamarlle unidades de traballo ao persoal e así, a medida que se van abrindo as novas áreas do Plan Director, reducen as frecuencias de limpeza en zonas de baixo e medio risco para con esas 'unidades de traballo' limpar esas novas zonas. A prioridade é aforrar en persoal e co mesmo número de traballadoras e traballadoras limpan máis metros cadrados, aínda que cada vez se limpa peor".

Pero, incide o presidente do comité, "traballamos nun hospital, non nun taller. A hixiene é fundamental. E o que se acumula nas zonas de baixo risco, segue estando acumulado nas dependentes do hospital".

Despois de varias xuntanzas con Serveo nas que foi imposíbel chegar a acordo, o persoal acordou ir á folga para demandar máis contratacións, poder realizar o traballo a un ritmos asumíbeis e ofrecer un servizo de limpeza de calidade.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.