A limpeza da provincia de Pontevedra convocará folga se non hai acordo na mediación do convenio
Os sindicatos maioritarios na limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra -CIG, CCOO e UGT- anunciaron hoxe que convocarán folga no outono no caso de que non se chegue a un acordo para pactar un novo convenio colectivo na mediación do AGA prevista a partir do vindeiro 17 de xuño. Traballadoras/es do sector mobilizáronse esta mañá en Vigo e na Coruña para reclamar unhas condicións dignas e que se cumpra a suba salarial pactada no convenio anterior.
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que participou na protesta celebrada en Vigo diante das instalacións do Grupo LHYP, na rúa Alcalde Lavadores, explicou que a mediación para intentar desbloquear as negociacións do convenio terá lugar o vindeiro 17 de xuño na cidade, pero antes as centrais levarán a cabo unha nova mobilización, que se desenvolverá diante de PSA o día 12. “No caso de que non se chegue a un acordo durante a mediación teremos un outono quente que incluirá convocatoria de folga”, adiantou a responsábel sindical.
A CIG, CCOO e UGT iniciaron recentemente un calendario de protestas para reclamar unhas condicións laborais dignas e denunciar o bloqueo das conversas por parte dunha patronal que insiste nunha suba salarial “de risa” e que non ten “nin o detalle” de compensar “todo o que pasaron as compañeiras/os durante a pandemia”, tal e como criticou Fernández.
Ao mesmo tempo, lembrou que o convenio leva caducado dende o 31 de decembro de 2022, coa conseguinte perda de poder adquisitivo, e que as negociacións para renovalo comezaron en febreiro de 2023. “Pero tras 16 xuntanzas non hai acordo porque a patronal négase a introducir a cláusula de revisión salarial e a reducir a xornada”. De xeito que o mes pasado romperon as negociacións e a parte social solicitou unha mediación ao AGA, que agora vén de confirmarse.
A responsábel sindical indicou que esta situación estase a repetir tamén nas provincias da Coruña e de Ourense, e antes na de Lugo. “O principal atranco é a actitude das Confederacións de Empresarios de cada provincia e da patronal estatal ASPEL”. E detallou que as reivindicacións das traballadoras/es pasan por un aumento de soldos do 3,5% para 2023 e dun 4% para 2024 e 2025, con cláusula de revisión salarial a IPC para non perder poder adquisitivo. Mentres que a parte empresarial ofrece un 3,1%, 3% e 3%, pero sen revisión salarial.
ASPEL recúa e recoñecerá a suba salarial do 9,8% na Coruña
Pola súa banda, as traballadoras da limpeza da Coruña concentráronse esta tarde diante do Corte Inglés de Catro Camiños para reclamar un convenio digno no sector e a actualización salarial do 9,8%, pendente dende xaneiro deste ano. A escolla do lugar débese a que o centro comercial ten contratados os servizos de limpeza con Eulen, unha das principais empresas que integran a patronal estatal ASPEL.
No marco da mobilización, informouse que esta mesma mañá a voceira de ASPEL comunicoulle á CIG e UGT que acudirá á comisión paritaria para asinar as táboas salariais co incremento estipulado na cláusula de revisión do anterior convenio e que até agora se negaba a recoñecer.
Esta negativa a aplicar a suba do 9,8% (a diferenza entre as subas pactadas para os diferentes anos de vixencia e o IPC) levou as centrais sindicais CIG e UGT a presentar conflito colectivo e iniciar mobilizacións. Neste contexto, fíxeronse concentracións o pasado 24 de abril diante das oficinas de Eulen e Clece e estaba prevista unha protesta en Compostela para o día 29 e outra na Coruña o día 6 de xuño, coincidindo coa celebración do xuízo polo conflito colectivo.
"Agora ASPEL recúa, renuncia a seguir boicoteando a revisión salarial e acepta asinar as táboas co incremento do 9,8%", subliñou Paulo Rubido, representante da CIG na mesa de negociación. Indicou que a reunión da comisión paritaria está convocada para o martes 28 de maio, ás 10:30h, polo que acordaron suspender as mobilizacións previstas "e unha vez que se asine a acta e as táboas, procederemos a retirar o conflito colectivo".
Rubido engadiu que esta é unha primeira vitoria sindical "resultado de combinar a mobilización e a actuación xudicial", mais lembrou que o conflito laboral continúa aberto "porque falta por negociar o novo convenio colectivo". Á vista da postura bloqueadora de ASPEL no resto das mesas provinciais, o representante da CIG xa avanzou un duro conflito á volta do verán "para conseguir a renovación do convenio da limpeza da Coruña" e unhas condicións sociolaborais dignas. "A mobilización é o camiño", concluíu.