A liberalización dos servizos públicos ou a quen serven as empresas públicas?

Fernando Novás - 26 Abr 2021

O sentido da privatización do Público e o tan aplaudido liberalismo económico que tería que traer riquezas para todos, pola contra fai máis pobre a sociedade empeorando as condicións de traballo, reducindo o tecido empresarial local, concentrando o capital, externalizando a man de obra e destruíndo o planeta

 Como empregado de Correos desempeñando diferentes postos dende 1981, quero compartir a miña perspectiva do proceso de liberalización/privatización dos servizos e administracións públicos, un proceso que nos venderon como a panacea que traería traballo e bos prezos, pero que na práctica significa menos postos e peores condicións laborais para que un pequeno grupo de escollidos acumule máis beneficios que incrementan un PIB que nos é alleo ou simplemente non reverten na economía do país e polo tanto extrae a riqueza que debería de repartirse entre os cidadáns.

 Correos, legalmente Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, S.A., S. M.E., hoxe é unha empresa de capital 100% público, o propietario é o Goberno de España e funciona a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), cuxas actividades se axustan ao ordenamento xurídico privado. É a maior empresa pública existente en España, despois de que os gobernos dos anos 1980 e 90 vendesen (nas rebaixas) o resto de empresas públicas potentes: Iberia, Endesa, Telefónica, Argentaria, etc.

Dende o século XVIII, Correos é un servizo do Estado accesible a todos os cidadáns como un servizo público

 Dende o século XVIII, Correos é un servizo do Estado accesible a todos os cidadáns como un servizo público. En 1992, deixa de ser unha Dirección Xeral para transformarse en Organismo Autónomo de carácter comercial e cinco anos despois, en entidade pública empresarial. En xuño de 2001 estrea unha nova forma de xestión baixo un novo réxime xurídico: o de Sociedade Anónima Estatal. A aprobación da Directiva 2008/6/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de febreiro de 2008, rematou o proceso da reforma postal na Unión Europea sendo o paso definitivo para a liberalización total do sector postal no 2011.

 Este proceso de liberación do Sector Postal e pseudo privatización de Correos, deixa a empresa da SEPI nunha situación que por momentos a obriga a comportarse como empresa privada e pelexar no mercado, pero con ataduras por unha situación de suposta “vantaxe” que a obriga a facer concesións á competencia. A diario en todas as cidades de España, as axencias postais privadas que contratan a distribución de envíos, pasan por correos porque Correos ten a obriga de aceptar estes envíos cunha facturación vantaxosa para estas axencias. É dicir, Correos está obrigada a ceder un beneficio á competencia por facer de intermediaria quedando a privada da parte máis suculenta.

Os carteiros da empresa estatal distribúen aquelas zonas que non son rendibles para as privadas

 Algunhas das persoas que traballamos en Correos e que xa vivimos todos estes cambios, temos a impresión de ser o “experimento” máis avanzado de como utilizar os servizos públicos do Estado (neste caso) para influír en todo o sector e servir ós intereses que primen en cada momento.

 Vemos como Correos é imprescindible para cubrir o Servizo Postal Universal ou para cubrir as necesidades dunhas eleccións. Pero o sector privado quéixase de que se recibe demasiado polo SPU para chegar a todas as aldeas a onde eles non queren ir ou de porque sempre se lle adxudican as campañas electorais, coma se houbese alguén, ademais de Correos, con profesionais e loxística capaces de desempeñalas sempre impecablemente. Vaian como exemplos o que moitas de vos sufririades das pifiadas da desaparecida UNIPOST, referente do sector postal privado no seu momento, cando non vos chegaron as notificacións dalgunha administración hai xa algúns anos; certo é que só recibiron adxudicación do contrato unha vez por Administración, dado que o regueiro de queixas e incumprimentos que provocaron facía escandalosa unha renovación da adxudicación.

 Polo tanto, a día de hoxe en España, Correos é a única empresa con capacidade de dar un servizo postal de calidade e en todo o territorio, sexa urbano ou rural. Grazas, dito sexa de paso, ó persoal de “servizos operativos” e pouco máis, que se empeña, en ocasións a pesar da dirección da empresa, en facer as cousas ben.

Correos é a única empresa con capacidade de dar un Servizo postal de calidade e en todo o territorio, sexa urbano ou rural

Así Correos non deixa de recibir críticas e ataques dende o sector privado e dende certas institucións de suposta arbitrariedade, especulando continuamente coa teórica situación de preferencia e dos presuntamente excesivos ingresos do estado, cando ninguén ten interese en calcular cal sería a cantidade adecuada a recibir por un SPU de calidade en todo o territorio, máis non atopamos a ninguén que saia na defensa de quen ten que dotarnos dun servizo público esencial para a cidadanía e a economía.

 Pois hoxe quero saír eu en defensa deste e dos demais servizos públicos que sustentan o tecido básico da economía e por suposto do menos valorado pero non por isto menos importante tecido social, ilustrando a situación de comodín ou peón sacrificable das empresas públicas, coa “proposta de modificación do Real Decreto 1561/1995, do 21 de setembro, sobre Xornadas Especiais de Traballo”, que incluiría a Correos e con el a todo o sector postal na Sección 3ª, actualmente, Comercio e Hostalaría.

INCLUSIÓN DO SECTOR POSTAL NO RD DE XORNADAS ESPECIAIS (agasallo envelenado)

O 19 de decembro de 2018, a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos SA SME con algunhas organizacións sindicais subscribiron o Acordo Plurianual 2018-2020.

 Intentemos entender o porqué do interese de Correos en incluír o sector postal, no Real Decreto 1561/1995, do 21 de setembro, sobre Xornadas Especiais de Traballo.

 “... a actividade postal débese desenvolver en franxas horarias distintas da ordinaria de 37´5h semanais de luns a venres, especialmente en sábados e domingos...”?

 Correos, historicamente veu prestando servizos os sábados, tanto na distribución que se reduciu do luns ó venres xa hai anos, como na admisión máis recentemente xa durante o período de restricións de mobilidade da cidadanía que estamos a sufrir. Esta última forzada por Inspección de Traballo e sentenzas xudiciais que evidenciaban que Correos non respectaba o descanso do seu persoal regulado polo Estatuto dos Traballadores.

 No Acordo 2018-2020 afirman que “... a actividade postal débese desenvolver en franxas horarias distintas da ordinaria de 37´5h semanais de luns a venres, especialmente en sábados e domingos...”. Esta afirmación baséana na presunta necesidade de garantir a atención á cidadanía e a viabilidade da propia empresa que se atopa “no moi competitivo mercado postal”.

 Tamén recolle o Acordo 2018-2020 a “compatibilidade” co principio de voluntariedade de traballar en sábados, a articulación de listas de persoal voluntario e de persoal contratado explicitamente, así como un plus de compensación das horas da fin de semana, iso si, condicionado o pagamento dos atrasos deste plus á modificación do RDXET coa inclusión do sector postal na sección 3 xunto co Comercio e a Hostalaría, para o que é preciso un acordo entre a Empresa e a maioría dos representantes dos traballadores.

 A inclusión no RDXET xunto co comercio e a hostalaría, supón que os traballadores e traballadoras do Sector Postal poden chegar a atoparse traballando de novo os sábados e acumular o medio día de descanso ata en catro meses e reducir o tempo de descanso entre xornadas por debaixo das 12 horas como di o ET.

 O sentido orixinal do RDXET é o de regular e favorecer o descanso de certos colectivos que pola súa natureza resulta difícil e mesmo imposible cinguilo ós descansos ordinarios regulados no Estatuto do Traballador. Así, é imposible que unha persoa traballadora do transporte marítimo ou destinada nunha plataforma do Mar do Norte acumule os descansos no seu fogar e é de agradecer que unha persoa traballadora de tempada, que se despraza por un tempo concreto da súa residencia para cubrir unha “campaña”, poida acumular certos descansos para visitar a familia.

 Estamos a falar de Vixilantes, temporeiras do campo, traballadoras da hostalaría, do transporte por estrada, ferroviario ou marítimo, persoal por quendas de posta en marcha ou peche doutras e aquel con postos de traballo illados (que busque cada quen o parecido con carteiros e carteiras).

Se todo o sector postal compite en igualdade, Correos non se ve prexudicado

 Tamén hai outros colectivos que poderían estar aí, pero que non están porque regularon a súa actividade dentro do ET, fóra do RDXET. Coma co ET cos traballadores e traballadoras en xeral, este RDXET serve como base de mínimos para que as traballadoras e traballadores de certos sectores nos que non é posible respectar as xornadas e descansos ordinarios, non se atopen desprotexidos e fóra da norma cando non son capaces de organizarse e negociar unhas condicións específicas coa súa patronal.

 Unha vez explicado todo isto, intentemos atoparlle sentido facéndonos algunhas preguntas:

  • Atópanse as empresas que compiten polo mercado do postal nun marco de relacións laborais distinto do de Correos?
  • Carecen os empregados de Correos de capacidade de negociar coa empresa e regular o traballo en fin de semana nun marco propio como pode ser un convenio colectivo de empresa?
  • Houbo queixas ou denuncias da cidadanía cando Correos eliminou o “reparto” dos sábados?
  • Houbo queixas ou denuncias da cidadanía cando Correos pechou as oficinas de admisión os sábados?
  • É imposible ou beneficioso para o traballador do sector postal regular a xornada ou o descanso segundo o ET?
  • Beneficia en algo esta modificación do RDXET os traballadores de Correos?
  • Incúmprese a normativa europea do Servizo Postal Universal que di que todos temos dereito a ter servizo postal básico 5 días á semana?

 Se Correos quere cumprir co 100% do SPU deberá de volver dimensionar adecuadamente o persoal das zonas rurais e reabrir as oficinas xa pechadas de admisión en núcleos pequenos de baixa “rendibilidade”.

 Todas estas preguntas teñen unha resposta negativa, entendendo que:

  • Se todo o sector postal compite en igualdade, Correos non se ve prexudicado.
  • Se os empregados de Correos xa teñen un marco de negociación máis que probado como é o III Convenio Colectivo, non hai necesidade de facelo nun ámbito extraordinario e de sector.
  • Se a cidadanía non se queixa de que os empregados de Correos só traballen cara ó público de luns a venres, non hai motivo para renunciar ó sacro dereito ó repouso das persoas traballadoras.
  • Se os traballadores do postal poden regular as xornadas e descanso dentro do marco ordinario, non se beneficiarían da modificación.
  • Se os traballadores de Correos desregulan e reducen a súa xornada e tempo de descanso, non se benefician.
  • Se temos de luns a venres para prestar o SPU en tódolos lugares do país cinco días á semana, non incumprimos a norma europea.

Daquela igual temos que cambiar o sentido das preguntas:

  • Interésalle ó sector postal modificar as condicións de xornada e descanso dos seus empregados e empregadas?
  • Interésalle a Correos sacar fóra da empresa o ámbito de negociación do seu persoal?
  • Está o sector Postal interesado en minguar o dereito de descanso dos seus traballadores e traballadoras?
  • Está o Postal interesado en propiciar o consumismo e o mercado en liña?

Estas si teñen respostas afirmativas, polo que os argumentos nos que basean que “... a actividade postal débese desenvolver en franxas horarias distintas da ordinaria de 37´5h semanais de luns a venres, especialmente en sábados e domingos...” non son honestos.

 Se Correos quere cumprir co 100% do SPU deberá de volver a dimensionar adecuadamente o persoal das zonas rurais e de reabrir as oficinas xa pechadas de admisión en núcleos pequenos de baixa “rendibilidade”.

 Se Correos quere gañar calidade e aproveitar mellor os seus recursos materiais e humanos, pode comezar por xestionar correctamente os volumes de carga e repartilos proporcionalmente nos días da semana para evitar saturacións que desbordan ou infrautilizan o cadro de pesoal e as instalacións segundo sexa luns ou mércores.

 Se Correos quere economizar gastos, que reduza o salario do seu Presidente cando cobra máis que o Presidente do Goberno do Estado.

 Se Correos quere competir no mercado, pode empezar por darlle o descanso regulado por lei a un cadro de persoal grandemente desmotivado que percibe o desleixo da empresa respecto dela e da continuidade desta.

 Se Correos quere loitar coa competencia, debe de esixir que esta cumpra a lexislación laboral e respecte o descanso dos seus empregados e empregadas por vez de “facerlles a cama”.

Se a modificación do RDXET non beneficia os traballadores do sector postal nin os de Correos en particular, nin beneficia especialmente á empresa estatal, cal é o interese en promover un cambio nun Real Decreto?

 Pero daquela, se a modificación do RDXET non beneficia os traballadores do sector postal nin os de Correos en particular, nin beneficia especialmente á empresa estatal, cal é o interese de Correos, CCOO, UGT, CSIF e SL en promover un cambio nun Real Decreto que regula, como explicitamente se nomea, situacións especiais ? Que motivos ocultos pode haber para esforzarse en facer un cambio co que non se beneficia ninguén?

Cadaquén que saque as súas propias conclusións, pero podería ser que Correos estea a ser utilizada para que algunhas enormes empresas multinacionais, que están a penetrar no competitivo sector postal español, se atopen cunhas normas máis flexibles que lles permitan maiores ingresos e máis beneficios á conta das persoas. Serán beneficiadas algunhas persoas a custa dos colectivos, como tantas veces? Cadaquén que tire as súas conclusións.

 E así queda pechado o círculo e concluímos que o sentido da privatización do Público e o tan aplaudido liberalismo económico que tería que traer riquezas para todos, pola contra fai máis pobre a sociedade empeorando as condicións de traballo, reducindo o tecido empresarial local, concentrando o capital, externalizando a man de obra e destruíndo o planeta animándonos a consumir máis do que precisamos en prol dunha xeración de riqueza e progreso que non son máis que contos de timador de feira para adozarnos a mentira e que non sexa tan difícil de tragar como a agre verdade.

 

[A Coruña, 26 de abril de 2021]

_____________________________________________________________________________

Fernando Novás é delegado sindical da CIG en Correos A Coruña.