
A IX Asemblea elixe a Xoán Galdo como novo secretario comarcal da CIG de Ferrol

A IX Asemblea Comarcal da CIG de Ferrol elixiu este sábado a Xoán Xosé Galdo Regueira como novo secretario comarcal, en substitución de Manuel Anxo Grandal que ocupaba esta responsabilidade dende o ano 2010. A candidatura de Galdo, a única que concorría, obtivo 101 votos a favor, 3 brancos e 7 nulos. No proceso, que tivo luar no Centro Cultural Carvalho Calero baixo o lema "A forza da nosa clase. Traballo, dereitos, soberanía", tamén se escolleu a nova Executiva Comarcal e as persoas que representarán á comarca no Consello Confederal. A asemblea contou coa presenza do secretario xeral, Paulo Carril, que foi o encargado de dar o saúdo inicial.

Composición da nova Executiva Comarcal
A nova Executiva Comarcal, á que só concorreu unha candidatura encabeza por Xoán Galdo, recibiu 111 votos a favor, 0 brancos e 7 nulos, quedando composta polas seguintes persoas:
- Xoán Xosé Galdo Regueira
- Teresa Carballido Salgado
- Beatriz Fernández González
- Tatiana Maseda Rodríguez
- Francisco Xabier Cartelle Pérez
- Carlos García Seoane
- Marcos Sánchez Branco.

Persoas elixidas para o Consello Confederal
A candidatura para o Consello Confederal (máximo órgano de dirección da central sindical entre congressos) recibiu 104 votos a favor, 0 brancos e 7 nulos, quedando elixidas as seguintes persoas:
- Xoán Xosé Galdo Regueira
- Andrea Martíns Fernández
- Beatriz Fernández González
- Vicente Vidal Díaz
- Carlos García Seoane
Galdo chama a intensificar a loita e a mobilización

Tras ser proclamado secretario comarcal, Xoán Galdo (que até agora era secretario de Organización) dirixiu palabras de agradecemento para Manuel Grandal por tantos anos de entrega e traballo militante e fíxolle entrega dun agasallo en recoñecemento a súa traxectoria sindical.
Galdo puxo o acento nos bos resultados acadados pola CIG de Ferrol tanto en representatividade como no medre en afiliación polo que instou a continuar nos próximos catro anos na mesma liña de traballo sindical.
Nun contexto de forte ofensiva do capital “que quere reforzar a explotación e a súa dominación sobre a clase traballadora, pobos e nacións”, chamou a intensificar a loita e a mobilización para enfrontar as políticas neoliberais dos gobernos e a patronal “porque o noso modelo non é de diálogo social e conciliación, é de loita por un traballo digno e defensa e conquista dos nosos dereitos”.
A este respecto, advertiu contra o modelo sindical aferrado ao diálogo social e á concertación “que supón, na práctica, a tumba dos dereitos da clase traballadora” e denunciou as políticas do Goberno do PP en Galiza que busca “reforzar a dependencia económica e política do noso país” e que renega da lingua propia fomentando medidas “galegófobas e de auténtico exterminio”.

O novo secretario da CIG de Ferrol defendeu o dereito a decidir e poder escoller o modelo económico e social a aplicar na Galiza, “levando a cabo un sistema de políticas públicas que revertan en favor das clases traballadoras e aproveitando a manchea de recursos dos que dispón a nosa nación”.
Salientou a loita das traballadora das residencias da terceira idade ou do SAF e urxiu a reforzar o traballo no confronto da explotación laboral e das violencias exercidas contra as mulleres,. Aseverou que “só coa loita e a confrontación, conseguiremos que os convenios colectivos aseguren condicións dignas para as persoas traballadoras, rompendo cos pactos de contención salarial”.
Neste camiño animou a pular por un Marco Galego de Relacións Laborais, aproveitando a reforma do artigo 84 do ET, “reivindicación histórica da nosa central sindical e unha grande oportunidade na nosa loita por unha Galiza soberana”.
Diversificación industrial, transición xusta e infraestruturas
Na súa intervención, Galdo referiu algunhas das reivindicacións que seguirán a guiar a acción sindical na comarca nos próximos anos como a diversificación industrial que permita superar o monocultivo do sector naval militar, “apostando por un complexo integral da construción naval, con diversificación e recuperación de actividades; a potenciación da construción civil, carenas, reparacións, turbinas e renovábeis, con plena autonomía, garantindo a participación maioritaria de Navantia”.

Así mesmo, a demanda dunha transición xusta e compromisos serios de proxectos e inversións por parte dos gobernos español e galego para a vila de As Pontes, pois até o de agora todas as promesas e proxectos publicitados “quedan en anuncios baleiros e propagandísticos”. A crise nas Pontes, engadiu, vén de agravarse polo anuncio do ERE da planta de Einsa Print, empresa asentada na vila en 1999 con cuantiosas subvencións do fondo mineiro.
Reiterou tamén a necesidade de recuperar a actividade no sector primario, principalmente da ría, coa rexeneración desta, e un traballo común de todas as administracións para iniciar de maneira urxente un estudo integral da súa situación; e investimentos en infraestruturas, con atención ao transporte público por estrada e, principalmente, ferroviario con saída cara ao norte.
“A CIG, como sindicato responsabilizado das loitas sociais e das loitas que nos afectan como clase traballadora, estará alí onde haxa que defender dereitos”, concluíu Galdo, animando a fomentar a participación de persoas delegadas e da afiliación e “xerar dinámicas de compromiso co noso proxecto”.
Carril reafirma o apoio á resistencia palestina

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, saudou á IX Asemblea Comarcal da CIG de Ferrol no se arrinque. Unha intervención na que salientou a importancia do proceso iniciado co IX Congreso Confederal polos desafíos que terá que enfrontar a central sindical nos próximos catro anos “con loita e mobilización” e que iniciou expresando a solidariedade da CIG cos compañeiros da central sindical de Ferrol, Xan López e Ignacio Martínez Orel, que participan na marcha sobre Rafah para denunciar o xenocidio do pobo palestino. Por iso fixo un especial chamado a participar de forma masiva nas mobilizacións previstas en máis de 38 localidades galegas en apoio á resistencia palestina.
Carril subliñou que a CIG é un sindicato galego, nacionalista e de clase, comprometido cun modelo de confrontación e contrapoder, afastado da conciliación e do diálogo social. Afirmou, nese sentido, que "a CIG é folga e é mobilización” e que “o tempo que tardamos en ir á folga é o tempo que perdemos en gañar dereitos", facendo un chamamento a intensificar a loita para arrincar dereitos á patronal e exixir cambios nas políticas dos gobernos.
O secretario xeral destacou a capacidade da CIG como primeira central sindical en representación e afiliación en Galiza, un logro baseado na coherencia e na herdanza de loitas históricas como as de Amador e Daniel en 1972 ou o asasinato de Moncho Reboiras, do que se cumpren 50 anos. "Temos os alicerces para avanzar en dereitos e transformar a realidade, pero sempre organizando e promovendo o conflito", asegurou.
A loita sindical da CIG, segundo Carril, non se limita aos centros de traballo, senón que ten un carácter social e político, buscando alianzas co tecido social para construír unha Galiza xusta e sen explotación. Ademais, resaltou a importancia dun modelo sindical baseado no compromiso militante, superando funcionamentos burocratizados para garantir unha acción colectiva áxil e resolutiva.
Como non podía ser doutro xeito, o secretario xeral felicitou á dirección saínte polo seu traballo e rendeu unha sentida homenaxe ao compañeiro Manel pola súa dedicación e exemplaridade. "Foi unha honra compartir con el traballo, debate e camaradaría. Non imos permitir que neste novo período non contes con nós para seguir compartindo militancia", concluíu, desexándolle o mellor futuro.
A CIG consolídase como forza maioritaria na comarca

Antes da renovación dos cargos, a IX Asemblea Comarcal debateu e votou o Informe de Xestión da Executiva saínte que foi aprobado por 93 votos a favor, 0 contra e 8 abstencións. No documento, defendido polo até agora secretario comarcal, Manuel Grandal, destácase o medre exponencial do 10,22% na representación que rexistrou a CIG na comarca nestes últimos catro anos, pasando de 339 persoas delegadas en agosto de 2021 (39,15%) a acadar 403 representantes ao remate do ano 2024. É dicir, acadouse o 41,5% da representación na comarca, superando en máis de 20 puntos a UGT e en máis de 17 a CCOO.
Estes resultados “confirman a confianza da clase traballadora na CIG como defensora dos seus intereses, consolidándonos definitivamente como forza moi maioritaria na comarca. Toda unha responsabilidade que nos leva a traballar máis e mellor”.
No informe ponse en valor o esforzo e compromiso de todas aquelas compañeiras e compañeiros que nestes catro anos representaron a CIG, que en non poucas ocasións teñen que desenvolver o seu traballo “en contextos adversos, pois nin a patronal nin as propias administracións asumen de bo grao que a CIG acade representación, utilizando todos os mecanismos de presión ao seu alcance para impedilo, mesmo ás veces os máis antidemocráticos”.
A situación da comarca require continuar na loita

Neste período conmemorouse o 50 aniversario das loitas de 1972 que deron lugar ao nacemento do sindicalismo nacionalista e á instauración do 10 de marzo como Día da Clase Obreira Galega. O que hoxe é a CIG “é resultado dun proceso sumatorio, longo e plural, de distintas sensibilidades, que entenderon a necesidade imperiosa de autoorganizarse, única e esencial ferramenta para confrontar co sistema, na defensa unida e solidaria da clase traballadora galega e na loita pola emancipación nacional”.
Unha loita necesaria no contexto de desmantelamento industrial, avellentamento, perda de poboación e de servizos públicos, extensión da pobreza laboral e da precaridade que vive a comarca, e que foi liderada nestes anos pola CIG, mentres UGT e CCOO “inmersos no diálogo social e na estratexia desmobilizadora, optaron por facer de meros transmisores das políticas dos Gobernos central e galego”. E isto, a pesar de que todas as reivindicacións daquela exitosa folga comarcal do 10 de marzo de 2021 seguen plenamente vixentes.
Esta estratexia de rexeite e mesmo combate da mobilización evidenciouse nos intentos de boicot da folga xeral que a CIG levou adiante nas Pontes, “mantendo a chama acesa e denunciando as mentiras e incumprimentos dos gobernos e Endesa e con demandas tan xustas como non perder a potencia de evacuación”.

A acción sindical destes catro anos veu marcado pola resposta ás políticas executadas polos gobernos español e galego coa conivencia de CCOO e UGT, mais a CIG tamén participou e impulsou a mobilización social “achegando poder de convocatoria, infraestrutura e capacidade organizativa” para dar resposta ás loitas contra o espolio enerxético, a defensa dunha sanidade pública de calidade, contra a implantación de Altri ou na denuncia do xenocidio ao que está sometido o pobo palestino por parte do estado sionista de Israel.
“Mais liderar a loita social sería unha quimera se non liderásemos a conflitividade laboral, a loita obreira, en especial a través da negociación colectiva, o cerne da loita de clases”, afírmase no informe. Ao longo destes anos a comarca viviu “un sen fin de mobilizacións e conflitos, sen distinguir grandes e pequenos, pois todos e cada un deles fannos máis fortes e contribúen a apuntalar a nosa dignidade como clase traballadora galega”.
Estes conflitos, engádese, “deben servir para aprender, pór en común o traballo feito e tamén para darnos azos de cara ao futuro”.

Neste senso, é de salientar o incremento da participación das mulleres traballadoras tanto nos diferentes organismos do sindicato como na decisión de presentarse ás eleccións no seus centros de traballo. Un maior protagonismo que vai paralelo ao medre do número de conflitos naqueles sectores relacionados cos coidados, altamente feminizados e precarizados, como as residencias de maiores, o SAF, as escolas infantís, os centros de atención á discapacidade, o traballo no fogar, etc.
No informe de Xestión tamén se pon de relevo as accións e mobilizacións constantes desenvolvidas dende o Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG.