A Inspección sanciona por infracción moi grave a Adeslas Dental por vulnerar o dereito á intimidade dunha traballadora
A Inspección de Traballo da Coruña comunicou a apertura dun expediente sancionador contra Adeslas Dental por vulneración do dereito á intimidade dunha traballadora, que tamén é delegada de persoal, á quen lle abriu e baleirou o armariño onde gardaba as súas pertenzas mentres estaba de baixa.
Ao incorporarse no seu posto, a traballadora foise cambiar aos vestiarios e alí comprobou como o seu armario estaba aberto e había uns zapatos que non eran dela, pero as súas pertenzas xa non estaban nin dentro do armario nin na zona dos vestiarios. Ante este grave incidente, dirixiuse á coordinadora do centro, que era nova e dixo descoñecer o acontecido, sendo finalmente outra compañeira a que atopou as pertenzas dentro dunha bolsa do lixo nunha área da clínica que denominan de "baleirado".
Ademais da comprensíbel sorpresa e da indignación por estes feitos, ao revisar a bolsa, a traballadora comprobou que lle faltaban parte das súas cousas, como uniformes de traballo, unha colonia, bolígrafos, e incluso as gafas que utiliza para traballar.
Porén, a vista de que non se iniciaba unha investigación para indagar quen autorizara a apertura do armario nin para determinar quen se faría cargo dos obxectos subtraídos, a traballadora dirixiuse ao xerente, que se limitou a comunicarlle que a empresa non é responsábel das pertenzas persoais que as traballadoras/es teñen no local.
Neste punto, a traballadora presentou denuncia diante da Inspección de Traballo que agora deixa claro que a empresa non pode acceder ao contido de armarios e efectos persoais das persoas traballadoras sen o seu consentimento expreso, destacando ademais na resolución que Adeslas Dental nin sequera intentou contactar coa traballadora para notificarlle a súa intención de abrir o armario nin moito menos tivo intención de conseguir o seu consentimento.
A Inspección especifica que o rexistro dos obxectos persoais non se pode xustificar porque o persoal se atope de baixa, pola falta de armarios dispoñíbeis, porque a persoa responsábel da empresa autorice a acción (cuestión que neste caso Adeslas nin sequera aclarou). Xunto a isto, na resolución tamén apunta que a traballadora pode recorrer á vía xudicial para reclamarlle a empresa unha indemnización por danos e prexuízos polos artigos subtraídos.