A Inspección inicia procedemento sancionador contra Correos na Coruña por dúas infraccións graves
A Inspección de Traballo da Coruña vén de iniciar procedemento sancionador contra Correos pola comisión de dúas infraccións tipificadas como graves: superar o límite legal de horas extraordinarias anuais e non facilitar información á representación legal do persoal.
O expediente ábrese tras a denuncia presentada pola CIG-Correos da Coruña na Inspección de Traballo, que agora confirma que durante os anos 2019 e 2020 se superou o límite legal de 80 horas extraordinarias que poden realizar os traballadores e traballadoras da empresa pública postal. Este exceso afectaría a sete persoas no ano 2019 e a cinco en 2020.
No seu informe, a Inspección tamén constata que Correos non está entregando ás delegadas e delegados da CIG, na súa condición de representantes das traballadoras e traballadores, os resumos mensuais de horas extraordinarias para poder exercer a función de control que a lei atribúe aos órganos de representación.
A CIG-Correos subliña que esta non é a primeira vez que a Inspección de Traballo lle impón a Correos unha sanción grave por este motivo, pois xa no ano 2017, tamén tras denuncia da central nacionalista, sancionou a empresa por ter superado, durante ese ano e o anterior, o límite anual de 80 horas extras ao que fai referencia o artigo 35.2 do ET.
Neste senso, esixen que a empresa depure responsabilidades por estes incumprimentos da normativa laboral e polo custe que carrexa para as contas dunha empresa que, lembran, é pública. "Ás traballadoras e aos traballadores esíxenos responsabilidades cando nos equivocamos, agardamos que fagan o mesmo cos responsábeis de relacións laborais da Zona Noroeste que de maneira habitual incumpren coa lexislación", aseveran.
Violación do dereito de información da CIG
No informe, a Inspección constata tamén que Correos está a violar os dereitos de información da CIG e requírelle á empresa que, baixo apercibimento dunha nova multa, entregue á CIG a información pertinente nun formato e con contidos apropiados que faciliten realizar a función de vixilancia "que temos encomendada para detectar e combater os abusos empresarias".
Fronte a esta forma de proceder opaca, a CIG en Correos reclama á empresa que actúe con transparencia e respectando ao establecido na lexislación vixente.