A Inspección determina que non se lle poden descontar salarios ao persoal das auxiliares polo peche patronal imposto por Alcoa
A Inspección de Traballo vén de remitir informe advertíndolle a Alcoa e as auxiliares que non poden descontar do salario do persoal o traballo non prestado o luns 20 de xullo por mor da folga iniciada polos traballadores/as da principal. Deste xeito, a autoridade laboral dálle a razón á plataforma de auxiliares que denunciou o peche patronal imposto por Alcoa ao impedirlle o acceso á fábrica de San Cibrao, alegando que non estaba prevista carga de traballo para esa xornada pola folga.
No informe da Inspección lémbrase que, segundo o establecido no Estatuto dos/as Traballadores/as, se un empregado/a non pode prestar os seus servizos con normalidade porque o empresario se atrasa en darlle ocupación, conservarase o dereito ao salario íntegro sen que poida ademais facérselle compensar ese tempo con outro traballo realizado noutro momento. E indícase claramente que, no caso de que este persoal vexa reducido o seu salario a consecuencia da non prestación de servizos o día 20 de xullo, este feito será constitutivo de infracción administrativa.
A plataforma valora que desta maneira quedan amparados os dereitos dos traballadores e das traballadoras das auxiliares fronte ás pretensións de Alcoa de utilizar a convocatoria de folga na principal "como escusa para parar a produción, reducir a carga de traballo e aforrar cartos a conta do conxunto do persoal".
A este respecto, subliñan que Alcoa non ten potestade para vulnerar o dereito ao traballo e decidir que persoal pode acudir ou non ao seu posto, lembrando que os operarios/as das contratas e subcontratas non estaban amparados pola convocatoria que empezou o luns 20, xa que para este colectivo a folga indefinida iniciouse o martes 21.
A plataforma chama ao persoal das auxiliares a revisar a nómina de xullo e no caso de detectárense descontos "comunicarémolo de inmediato a Inspección para que tome as medidas sancionadoras oportunas e avaliaremos a posibilidade de levar adiante tamén medidas xudiciais".