A Inspección de Traballo sanciona outra vez a GFS Sectury Group por infracción moi grave
A Inspección de Traballo vén de abrir novas actas de infracción contra a empresa GFS Security Group en resposta ás denuncias presentadas por dous traballadores do servizo de control de accesos ás instalacións de Reganosa e Forestal del Atlántica (Mugardos), aos que deixou sen ocupación efectiva sen ningún motivo.
Estes dous traballadores recibiran unha comunicación o pasado 17 de outubro, na que a empresa lles manifestaba que estaban a ser investigados por unha serie de incumprimentos, retirándolles as credenciais de acceso ao posto de traballo até que se dirimisen as accións que emprendería contra deles.
"O certo é que pasados varios , a empresa continúa sen comunicarlle aos traballadores absolutamente nada, co mensocabo nos dereitos que supón coartar a ocupación efectiva de dúas persoas sen alegar motivo algún durante tanto tempo", denuncia Xabier Rodríguez da CIG-Servizos de Ferrol.
Para a Inspección de Traballo e Seguridade Social esta actuación empresarial constitúe unha “flagrante vulneración dos dereitos á ocupación efectiva e á consideración debida á dignidade das persoas traballadoras”, cualificándoa como “infracción moi grave” e abrindo a correspondente acta de infracción ao efecto.
"Trala entrevista mantida entre o delegado da Zona Norte da empresa, Jaime Villares, quedou máis que demostrado que a empresa máis de sete meses despois da comunicación aos traballadores aínda non comezara a investigación dos feitos nin tampouco tiñan aberto expediente disciplinario algún, non podendo sequera o señor Villares relatar nin concretar os feitos que se lles imputan", subliña Rodríguez.
Incumprimentos reiterados do convenio
A este oficio súmanselle outros dous recentemente emitidos pola Inspección de Traballo onde se require á empresa que subsane unha serie de deficiencias no cumprimento do convenio colectivo: non comunicar á RLPT as sancións por faltas moi graves (incluído o despedimento do membro do comité CIG), non acreditar a subscrición da póliza de seguro colectivo por morte e incapacidade de acordo ás características especificadas no convenio, deficiencias na entrega de uniformidade e EPI ou a reconfección do documento que a empresa utiliza para os cambios de quenda entre compañeiros/as para axustalo ao disposto no convenio. "Toda unha corda interminábel de incumprimentos polos que a empresa xa está comezando a pagar".
"Unha vez máis, a empresa e a súa actitude asoballadora topan coa Inspección de Traballo, que impide que esta empresa faga o que lle veña en gana transgredindo a legalidade disposta no convenio colectivo e agredindo o persoal que estime oportuno sen alegar motivo nin causa durante meses", asevera Rodríguez.
Neste senso, engade que a CIG continuará a denunciar calquera incumprimento e a mobilizarse contra unha empresa "que parece non entender que os dereitos conquistados a través da negociación colectiva e a dignidade dos compañeiros e compañeiras do servizo teñen que ser respectados". E agarda que estas sancións e requirimentos da ITSS sirvan para "frear os instintos piratas desta empresa, porque de non ser así teranos enfronte".