A Inspección de Traballo sanciona o Instituto Policlínico Rosaleda cunha infracción grave por carecer de Plan Igualdade
A Inspección de Traballo vén de proceder a apertura de expediente administrativo sancionador, con proposta de sanción agravada, ao Instituto Policlínico Rosaleda de Santiago (do grupo empresarial HM Hospitais) por carecer de Plan de Igualdade e Protocolo de Acoso.
No ano 2022, despois das denuncias e alegacións presentadas pola CIG-Saúde, a empresa creou unha comisión “ad hoc” para a negociación do Plan de Igualdade e presentou no ano 2022 solicitude de inscrición deste no Rexistro de acordos e convenios colectivos de traballo de Galiza. Porén, o organismo emitiu un requirimento, xa que o Plan non reunía os requisitos exixidos pola normativa vixente, ao carecer dos documentos esenciais para a súa tramitación e vulnerar dereitos de negociación colectiva recollidos no Real Decreto 901/2020 de 13 de outubro.
Nese mesmo ano 2022, a CIG- Saúde denunciou perante a Inspección de Traballo a non entrega do rexistro retributivo anual e a non consulta previa á súa elaboración, tal e como recollen o artigo 28 do Estatuto das persoas traballadoras e os artigos 5 e 6 do Real Decreto 902/2020 de 13 de outubro referente á Igualdade Retributiva entre mulleres e homes.
Neste contexto, en 2023 créase unha nova mesa de negociación, pero a empresa "limítase a facer entrega dun borrador de plan de igualdade, volvendo incumprir a normativa vixente de deber de negociar e do contido mínimo dos plans", explican. A pasividade da empresa provocou incluso que caducara o prazo máximo de negociación. Hai que subliñar que esta empresa conta con tres centros de traballo e máis de 400 persoas traballadoras.
Isto levou á CIG Saúde a presentar nova denuncia na Inspección que, desta volta, procedeu a emitir sanción ao Instituto Policlínico Rosaleda cunha infracción grave por incumprir coa súa obriga en materia de plans e medidas de igualdade estabelecida na Lei Orgánica 3/2007 de 22 de marzo, incumprindo tamén o artigo 46 de dita lei e a Lei 10/2022, do 6 de setembro, ao carecer de Protocolo de acoso laboral, sexual, por razón de sexo e identidade.
A CIG-Saúde seguirá denunciando este tipo de situacións até conseguir unha aplicación efectiva da lexislación vixente.