A Inspección de Traballo sanciona o Hospital Santa Teresa cunha infracción grave por carecer dun plan de igualdade
A Inspección de Traballo vén de emitir acta de infracción contra o Instituto Policlínico Santa Teresa (do Grupo Quirón) pola comisión dunha infracción grave ao carecer dun plan de igualdade negociado para o seu persoal. A sanción económica derivada da infracción no seu grado mínimo pode consistir en 751€ de multa até os 7.500 euros no seu grao máximo, tal e como figura na Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social, mais supón unha importante advertencia para a empresa e reviste un carácter exemplarizante para outras que se atopen na mesma situación.
Despois de varios anos intentando negociar o plan de igualdade de oportunidades para mulleres e homes, a representación sindical da CIG no Santa Teresa presentou denuncia na Inspección de Traballo reclamando a actuación do organismo ao carecer a empresa do obrigado plan. De igual xeito, reclamouse a entrega do rexistro retributivo do seu persoal, instando a negociar o diagnóstico previo de situación, tal e como recolle o Real Decreto 901/2020, de 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro.
O diagnóstico, debería ir acompañado da descrición do sistema de valoración de postos de traballo (tal e como recolle o artigo 28 do ET e o 6 do RD 902/2020, de 13 de outubro), xunto coa elaboración do rexistro retributivo, así como a auditoría retributiva recollida no artigo 8 do RD 902/2020 e o plan de actuación.
Pese a contar cun centro de traballo feminizado, no que desenvolven a súa actividade preto de 400 persoas, e que desde o ano 2011 as empresas con máis de 250 traballadoras/es teñen obriga de contar cun plan de igualdade, o único documento existente é o texto dun protocolo de acoso datado do ano 2014, que nin tan sequera se empregou cando se denunciaron situacións de acoso sexual na empresa.
Por todos estes motivos, a representación da CIG presentou denuncia diante da Inspección de Traballo pola inacción da parte empresarial durante o proceso de negociación, ao caducar o prazo máximo de negociación do plan e incumprir a lexislación ao non dispor tampouco do rexistro retributivo anual. Finalmente, a empresa fica sancionada por parte da Inspección de Traballo cunha infracción grave por non cumprir coas obrigas que en materia de plans e medidas de igualdade establecen a Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e o Estatuto das persoas traballadoras.
Esta multa vén de sumarse a varios requirimentos da Inspección de Traballo como resultado da campaña confederal de denuncia da fenda salarial iniciada o mes de xuño pola secretaría das Mulleres da CIG, demostrando así a ineficacia dunha lei que leva en vigor décadas sen aplicación real efectiva.