A Inspección de Traballo sanciona o Hospital Ribera Juan Cardona por incumprir a normativa en materia de igualdade
A Inspección de Traballo vén de levantar acta de infracción contra a empresa Proxectos sanitarios ferrolanos (Hospital Ribera Juan Cardona) por transgresión do dereito de información e participación da representación legal das persoas traballadoras na elaboración do rexistro retributivo do ano 2022 e por carecer este do contido mínimo exixido pola normativa vixente en materia de igualdade.
No ano 2023, a CIG- Saúde denunciou perante a Inspección de Traballo a non entrega do rexistro retributivo anual e a non consulta previa á súa elaboración, tal e como recolle o Real Decreto 902/2020, de 13 de outubro, referente á igualdade retributiva entre mulleres e homes.
En concreto, apunta a CIG-Saúde, Ribera Juan Cardona incumpre o artigo 5.6 deste RD, que estabelece o deber de consulta que teñen as empresas con carácter previo á elaboración do rexistro retributivo, cunha antelación de cando menos 10 días.
Tamén incumpre o artigo 28.2 do Estatuto das persoas traballadoras que recolle a obriga de todas as empresas de levar un rexistro cos valores medios dos salarios, os complementos salariais e as percepcións extrasalariais do seu cadro de persoal desagregados segundo o sistema de clasificación profesional aplicábel.
Porén, a empresa non fixo entrega da documentación até despois da denuncia da CIG -Saúde e, tal como recolle a Inspección de Traballo no seu informe, limitouse a trasladar “un documento de rexistro retributivo que non contén a información adecuada e suficiente, xa que non consta a consulta previa á representación legal das persoas traballadoras e non consta a xustificación da diferenza do promedio das retribucións”.
A negociación do Plan de Igualdade, estancada
A CIG-Saúde denuncia a falta de compromiso coa igualdade retributiva entre mulleres e homes de Proxectos sanitarios ferrolanos, posto que neste ano 2024 tampouco entregou o rexistro retributivo correspondente ao ano 2023. Ademais, a central sindical critica que, tras a creación da Comisión negociadora do Plan de Igualdade no mes de febreiro, "o proceso negociador está estancado, xa que non se manteñen reunións periódicas que garantan a súa elaboración nos prazos estabelecidos pola normativa vixente".
Centros de traballo libres de discriminacións
No ano 2023 a Secretaría das Mulleres da CIG puxo en marcha a campaña “Imos rematar coa fenda salarial”, non só para visibilizar as causas que motivan esta discriminación económica, senón tamén para dar pasos cara a súa erradicación. Con este obxectivo, a CIG-Saúde apunta que "seguiremos na loita para erradicar este tipo de violencia e que as empresas cumpran coas súas responsabilidades de obter un lugar de traballo libre de discriminacións".