A Inspección requírelle a Prosegur que active o protocolo de acoso laboral tras a agresión a unha delegada da CIG
A Inspección de Traballo de Ourense vén de requirirlle á empresa Prosegur que aplique “de inmediato” o protocolo de acoso laboral en relación coa agresión que unha traballadora e representante legal dos traballadores/as pola CIG, sufriu na noite do 20 de agosto de 2021 por parte doutro vixilante de seguridade cando se dispuña a realizar o cambio de quenda.
Dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense valoran positivamente a decisión, posto que a activación do protocolo “é xusto o que pedimos desde o sindicato dende o minuto cero”. Con todo, o secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, lamenta tanto a tardanza da actuación inspectora como a ausencia de acta de infracción e proposta de sanción, “por terse negado a empresa á aplicación do protocolo a pesares de terllo pedido expresamente a CIG e a propia afectada”.
Na central sindical agardan que agora a Universidade “deixe de mirar cara a outro lado e interveña dunha vez nun asunto de tal gravidade e magnitude para esixirlle á empresa de seguridade que aparte das instalacións universitarias ao acusado de agresión”. Ao tempo que lembran que o procedemento xudicial segue o seu camiño “coa mesma lentitude que a actuación inspectora”.
Secuelas psíquicas
Porque a vítima desta dilatada actuación inspectora e xudicial é a traballadora agredida, que catro meses e medio despois segue de baixa a tratamento das secuelas psíquicas que padece dende a agresión, “sen que nin a mutua nin o INSS recoñezan aínda a día de hoxe a situación como derivada de accidente de traballo”.
Non obstante, queren deixar moi claro que tanto a traballadora como a central sindical seguirán a actuar “coa mesma firmeza” e continuarán a demandar unha investigación a fondo do acontecido, “e, no seu caso, a adopción de medidas, ademais das que procedan disciplinariamente, que eviten que feitos coma estes poidan volver repetirse”.
Nova relacionada: A CIG mobilízase contra o acoso laboral a un delegado sindical en Prosegur