A Inspección de Traballo requírelle a AGACAL medidas urxentes ante os riscos laborais no CIAM de Mabegondo

No mes de xuño a CIG presentou denuncia polo aumento da sinistralidade
Mabegondo - 26 Nov 2025

A Inspección de Traballo e Seguridade Social vén de requirirlle á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) que corrixa os graves incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais detectados no Centro de Investigacións Agrarias (CIAM) de Mabegondo.

A proposta de requirimento -con data 6/11/2025- confirma oficialmente as deficiencias denunciadas pola CIG e obrígalle á empresa a poñer en marcha medidas que o persoal leva anos reclamando. A denuncia presentouse no mes de xuño ante o aumento da sinistralidade no CIAM provocada pola excesiva de carga de traballo por falta de persoal e por un accidente grave.

A representación da CIG neste centro está a realizar un seguimento estrito do cumprimento de todas as obrigas para garantir a seguridade e saúde de todo a cadro de persoal.

Incumprimento de prazos, maquinaria non segura, nin mantemento adecuado

No seu escrito, a Inspección requírelle á empresa polos accidentes comunicados fóra do prazo legal ou directamente non comunicados, obrigando a cumprir estritamente os prazos estabelecidos; detecta que se está a utilizar maquinaria non segura, sen marcado CE, nin manual, sen a documentación obrigatoria e que está sen adaptar ao RD 1215/1997. Tamén se comproba que non existe mantemento adecuado nin rexistros completos dos equipos, polo que a empresa deberá presentar un inventario de equipos, manuais, mantementos e autorizacións de uso.

A maiores, a Inspección require que se realicen as avaliacións que están sen facer, como a de riscos psicosociais (por sobrecarga, falta de persoal, estrés, etc.) e unha avaliación de riscos biolóxicos, imprescindíbel polo contacto diario con animais e materiais de orixe animal.

Para máis abundar, a Inspección de Traballo tamén constatou que non existe unha planificación preventiva adecuada, pois a que está vixente é do período 2019–2021. Esta non se cumpriu nin se renovou, polo que AGACA deberá elaborar unha nova planificación e demostrar o seu cumprimento. Así mesmo, a empresa non respectou os dereitos das delegadas e delegados de prevención ao non informarlles de inmediato e adecuadamente sobre os accidentes laborais e dos danos á saúde.

O requirimento obrigará a facer investimentos non previstos

A CIG valora positivamente esta resolución e destaca a transcendencia do requirimento por canto obriga a facer investimentos en renovacións “que non estaban previstas no cronograma de desmantelamento do CIAM da actual directiva de AGACAL e da Consellería do Medio Rural”. A representación da CIG salienta que os últimos investimentos en maquinaria para unha renovación parcial foran no período 2006-2008, e a meirande parte de equipos son moito máis antigos.

O requirimento tamén pon o foco na relación directa entre a falta de persoal e o aumento do risco, tal como a CIG leva denunciando, moi especialmente, nos últimos dous anos; e alerta dos incumprimentos reiterados da Consellería do Medio Rural en materia de información á representación sindical, investigación dos accidentes, e medidas correctoras.