A Inspección de Traballo require a XEAL por incumprimentos en materia de igualdade
Se a pasada semana a Inspección de Traballo levantaba acta de infracción contra XEAL por non trasladar información a representación social, este luns chegou unha nova comunicación do organismo laboral requiríndolle á empresa por incumprimentos en materia de igualdade.
En concreto, a Inspección demándalle a XEAL que lle facilite, antes do 5 de outubro, á comisión negociadora do Plan de Igualdade o rexistro salarial (que todas as empresas están obrigadas a ter) e a auditoría retributiva, incluída a valoración de postos de traballo, imprescindíbel para poder elaborar os outros dous documentos.
Todas as empresas con máis de 50 traballadores e traballadoras están obrigadas a facer unha valoración dos postos como paso previo para a negociación do plan de igualdade. Esta análise serve para comprobar que se cumpre a obriga de igual salario a igual traballo, e identificar e evitar posíbeis discriminacións retributivas.
Cómpre subliñar que XEAL xa está fóra dos prazos legais para ter aprobado un novo plan de igualdade e aínda así está nunha permanente actitude de bloqueo das negociacións, negándose incluso a elaborar e trasladar a documentación á que lle obriga a lexislación vixente en materia de igualdade. Unha evidencia máis do escaso respecto que a dirección ten no cumprimento da legalidade, xa se trate das cláusulas administrativas das concesións, como das obrigacións en cuestións laborais.
A actitude da dirección reviste maior gravidade tendo en conta os casos de acoso laboral e sexual denunciados por traballadoras das fábricas. Uns feitos intolerábeis que a empresa tentou primeiro ocultar e logo minimizar, e polos que se abriu un proceso xudicial. A día de hoxe, a persoa denunciada continúa no seu posto mentres a vítima e un compañeiro que testemuñou no xuízo están na casa.
De feito, o comité leva meses reclamando un protocolo de actuación contra os casos de acoso, tanto laboral como sexual, con identificación de condutas, medidas preventivas, e medidas cautelares, no caso de detectárense este tipo de situacións, así como protección ás vítimas. Demandas que non foron atendidas, mentres XEAL segue sen cumprir co precepto legal de ter un plan de igualdade.