A Inspección de Traballo require a Monbus que elabore un protocolo contra as agresións nos urbanos de Santiago

A CIG presentara denuncia, ante a inacción da empresa, tras das agresións sufridas por varios condutores nos últimos meses
Compostela - 04 Nov 2026

A Inspección de Traballo vén de requirir a Monbus que elabore e implante un protocolo de actuación en situacións de violencia externa, nos urbanos de Santiago, para que facilite formación ás traballadoras e traballadores e para que garanta o dereito de información e consulta das e dos seus representantes legais.

O pasado 29 de setembro, unha traballadora do servizo de transporte urbano de Compostela sufriu unha agresión. Ese mesmo día, a CIG denunciou que Monbus, lonxe de activar protocolo ningún, a mantivo conducindo durante horas. A central sindical considerou, ademais, que a empresa debería ter parado o autobús, avisado a unha ambulancia para o seu traslado a urxencias e que se avaliara o seu estado.

Porén, a traballadora, ademais de continuar durante horas o seu servizo, unha vez o rematou tivo que desprazarse polos seus propios medios ao centro de saúde.

Pero esta non foi a única agresión sufrida polo persoal do transporte urbano de Santiago. No mes de abril deste ano outros dous condutores foran agredidos e malia o comité solicitar unha reunión, Monbus anulouna ata en dúas ocasións sen realizar ningunha investigación sobre os feitos.

Denuncia na Inspección

A raíz destes sucesos, a FGAMT-CIG presentou un escrito perante a Inspección de Traballo para que comprobara o proceder da empresa e determinara se a forma de actuar de Monbus fora a correcta.

Hoxe mesmo recibiuse a resolución da Inspección de Traballo que, tal e como demandaba a CIG, obriga a Monbus a elaborar un protocolo para prever as agresións e para determinar a actuación das traballadores e traballadores ante casos como estes.

Para a CIG este requirimento da Inspección, que agarda que Monbus acate á maior brevidade, demostra a situación de estrés laboral na que o persoal do transporte urbano vén traballando desde hai anos.