A Inspección de Traballo require a Mercadona para que garanta o dereito dos e das delegadas a exercer o seu labor de vixilancia

Lugo/A Coruña - 17 Xun 2025

A Inspección de Traballo de Lugo requiriu a Mercadona para que garanta o dereito estabelecido no Estatuto das persoas traballadoras en canto ás competencias de control e vixilancia que teñen as delegadas e delegados do comité. O escrito responde á denuncia presentada pola CIG contra a empresa por non permitirlle a entrada ás tendas ás/aos representantes da central e impedirlle que repartan información entre o persoal, aducindo que xa hai taboleiros para ese fin.

A autoridade laboral fixo este requirimento en febreiro, pero a pasada semana a CIG-Servizos tivo que presentar unha nova denuncia xa que Mercadona non só non cumpriu coas súas obrigas legais, senón que “levou ao estremo o seu método para someter o persoal ao silencio e á submisión, intentando expulsar a representación da CIG das tendas e ameazando con chamar a policía”.

Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo, denuncia que nos supermercados da provincia, a empresa “prohíbenos falar cos traballadores e traballadoras de cada sección, nin tan sequera para saudar”. Ademais, Mercadona “notificounos formalmente a prohibición de achegarnos ás seccións ou salas de ventas para ollar as condicións nas que traballan as compañeiras e compañeiros, a pesar de que en ningún momento interrompemos o seu traballo”

O responsábel sindical lembra que ET recolle o dereito da representación legal do persoal no relativo a exercer un labor de vixilancia no cumprimento da normativa laboral vixente, control das condicións nas que se desenvolve o traballo, vixilancia respecto da aplicación do principio de igualdade de trato, ou informar as persoas traballadoras de todas as cuestións que directa ou indirectamente poidan ter repercusión nas relacións laborais.

Por iso, Paz reclámalle a Mercadona que actúe conforme á normativa laboral, respecte os dereitos do comité de empresa en canto á participación e deixe de intentar boicotear as funcións de vixilancia e control que lle son propias.