A Inspección de Traballo require a ENAIRE para que cese a discriminación lingüística no aeroporto Rosalía de Castro
A Inspección de Traballo vén de emitir un requirimento laboral para que cese “o comportamento empresarial de maneira inmediata e continua” contra a empresa pública ENAIRE polos continuos atrasos ou omisións na entrega de información só porque o escrito de solicitude vai en idioma galego. Para a autoridade laboral constátase a existencia de “dificultades, trabas e impedimentos, unido á consecuencia de posibles atrasos nas contestacións” debendo cesar na conduta empresarial de solicitar que se empregue unicamente o castelán.
Dende a FGAMT-CIG de Santiago consideran inaceptábel a actitude da empresa, “xa que atenta contra a liberdade sindical por impedir ou entorpecer a acción sindical nesta compañía pública” e advirten de que denunciarán a ENAIRE polo que consideran unha vulneración de dereitos fundamentais evidente en materia de liberdade sindical e de emprego da lingua propia do país.
Segundo explican, esta situación vense producindo desde o ano 2017, cando se constituíu o comité de empresa, polo que na CIG enmarcan este comportamento nunha campaña de acoso laboral e sindical “que derivou en poñer todas as trabas posibles para a labor da nosa delegada”.
Ademais, dáse a circunstancia de que tanto nese departamento como entre os seus inmediatos superiores hai galegos e galegas, con quen até ese momento nas comunicacións escritas ou verbais nunca existira problema.
A partir da denuncia da situación de acoso a actitude da empresa mudou radicalmente e a cada correo enviado pola delegada se lle contestaba cun “le solicitamos que nos remita nuevamente su solicitud en castellano” ou directamente non contestando.
“Os correos eran para solicitar unha avaliación de riscos, cuadrantes de vacacións, protocolos laborais ou cousas concretas que non precisarían a máis mínima tradución e sen embargo producíanse atrasos inexplicables ou directamente quedaban sen atender”. Sen embargo, agora a propia Inspección declara que mesmo que sexa precisa unha traducción, non é aceptable ningún tipo de demora.
Asunción de responsabilidades
Por outra banda, a propia empresa recoñece que non é un problema de entendemento, xa que nun correo de maio de 2020 unha superior contesta literalmente: “A pesar de entender el gallego te solicito que escribas en castellano”.
Agora, a Inspección de Traballo recoñece na súa acta o dereito da sección sindical da CIG a empregar o galego “nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galiza con idioma propio e cooficial” e a empregalo nas súas comunicacións coa empresa.
Finalmente, dende a FGAMT-CIG de Santiago anuncian accións para que se asuman responsabilidades por uns feitos tan graves nunha empresa pública estatal como é ENAIRE.