A Inspección de Traballo recoñece o dereito a percibir o complemento de toxicidade nas clínicas dentais

A CIG-Saúde presentou denuncia tras detectar que hai centros na provincia da Coruña que non abonan o plus pola exposición ás radiacións recollido no convenio
A Coruña - 13 Abr 2026

A Inspección de Traballo (ITSS) vén de requirirlle a unha clínica dental da provincia da Coruña que de inmediato proceda a abonar o complemento de toxicidade ao persoal que está exposto á radiación ionizante, recoñecéndolle este dereito recollido no convenio colectivo da sanidade privada e impóndolle unha sanción grave ao estabelecemento por incumprimentos laborais.

A CIG-Saúde denuncia que as clínicas dentais non lle están a aboar o plus de toxicidade ao persoal, a pesar de que as traballadoras e traballadores están expostos ás condicións que dan dereito a percibir este plus, pois son estabelecementos nos que se traballa con radiacións ionizantes. En moitos ocasións, estas clínicas incluso lle exixen ao persoal a licencia de operador/a correspondente.

O propio artigo 21 do convenio colectivo de sanidade privada da Coruña recolle este complemento retributivo por mor da maior toxicidade, perigo e penosidade que revisten as actividades realizadas en seccións e departamentos como quirófanos, radioelectroloxía, radioterapia ou medicina nuclear. Non obstante, a CIG-Saúde detectou que varias empresas non estaban a pagar este plus e a pesar de reclamalo, as compañías denegaron o seu abono.

Agora a Inspección de Traballo dálle á razón a CIG ao recoñecer o dereito do persoal (en postos como hixienista dental) a recibir o plus de toxicidade. Por iso, a central anima as traballadoras e traballadores que estean nos supostos que contempla o convenio colectivo e que aínda non estean cobrando a que reclamen o seu dereito.